Foro Luzes de Galiza
Se é verdade que nos últimos vinte anos, a sociedade galega alcanzou importantes logros -medrou a economía, mellorou o nível de vida, o idioma e a cultura do país adquiriron carta, por fin, de natureza, etc- non é menos certo que a pervivencia de redes clientelares continuou trabando gravemente a democratización e o libre fluir das enerxías colectivas. Aínda que a sociedade galega teña cada vez máis un caráter urbano, no que a influencia persoal resulta a cada paso máis difícil, as prácticas do partido do goberno intentan exercer as súas redes de influencia ata o punto en que consideren que todo está atado e ben atado. A Xunta de Galicia, que é expresión lexítima da soberanía popular, ve con frecuencia o seu sentido modificado polo uso desviado que o Partido Popular realiza da administración. O conservadorismo local ten atopado na trama gobernamental, e apoiándose nas súas maiorías absolutas, unha maneira de racionalizar, centralizar e modernizar aquel vello caciquismo que non só marcou a Historia de Galicia senon que, unha e outra vez, condenou a súa sociedade ó inmobilismo, ó bloqueo das súas posibilidades. En Galicia, aínda hoxe, en 1998, as oportunidades dos individuos dependen, en grande medida, do seu vencellamento a un poder político que, dado que ten gozado de repetidas maiorías absolutas, posúe unha ampla marxe de discrecionalidade. Iso pode manifestarse en forma do opositor que busca recomendación, da empresa xornalística abusivamente subvencionada, da empresa que necesita un crédito que só será concedido, no seu caso, a traveso de mecanismos apenas obxectivables, pero, en todos os casos, significa o sometimento a mecanismos viciados que disuaden do esforzo pola excelencia persoal e da percura de iniciativas independentes, favorecen a sumisión e instauran un clima de permisividade e astucia que é caldo abonado para distintas formas de corrupción maior e menor. Ademais, é obvio que ese clientelismo é perpendicular á democracia. O PP, coma nos seus tempos a Democracia Cristiá italiana, facilita, ó usar e estender eses medios, unha devaluación da democracia. O voto que debería ser expresión da liberdade humana, do seu inalienable dereito a imaxinar o futuro, vese reducido, polo clientelismo, a pago de favores, ficticios ou reais, presentes ou futuros. O obxectivo percurado, é evidente, consiste en impedir unha perda do control da sociedade que poñería fin á tremenda minoría de idade a que se sempre se viu obrigada a parte máis feble da sociedade galega. Se se consideran os asuntos que foron obxecto de debate no último ano en Galicia poderase observar como cuestións tales como posibles fraudes en oposicións á administración local, subvencións baseadas en criterios falaces a empresas xornalísticas, ou mesmo o Congreso do PP, realizado ó estilo dos antigos partidos comunistas do Leste de Europa, sen disidencia algunha e do que todos ignoraban o obxectivo (que resultou ser finalmente o fortalecimento do sector máis notoriamente vencellado ás prácticas clientelares) inciden, todas, nesa pervivencia do clientelismo que ameaza con converterse nunha carga tremenda para o futuro de Galicia. Dun modo máis silente intentan, no mundo da cultura, instituir un "diktat". Parece coma se o PP quixese colgar, nas portas de Galicia, o cartel coa lenda "Non molestar". Pero unha sociedade bloqueada e tutelada, en efecto, non só contradí o ideal dunha sociedade aberta e plural, senon que, nas condicións dun mundo en cada vez máis rápida aceleración, e que precisa de talentos áxiles e capaces de adaptarse a novos escenarios, resulta directamente non aconsellable en termos de custo a longo prazo. As redes clientelares son, por natureza, de hábitos burocráticos e xeran elites incompetentes que conducen, ó final, a unha sociedade ó enlentecemento e, por tanto, á falla de competitividade. Galicia precisa, en efecto, de máis democracia. por razóns de valores últimos liberais -en verdade- pero tamén porque precisa liberar as súas enerxías, favorecer a iniciativa dos seus individuos e empresas, renovar as súas elites, e, en definitiva, estar en condicións de responder ós retos dun entorno cultural, social e económico para os que a sociedade clientelar non ten máis resposta que o favor para os amigos e o descrédito e o illamento para os enimigos.

Vieiros