
A pena de morte Con certa acritude, di Will Eisner, un dos mais talentosos narradores do século XX e cidadán estadounidense para mais señas, que os seus compatriotas cren en solucións sinxelas a problemas complicados. Se o crime é un problema -e ben complicado-, a pena de morte pode ser sinxela, mas non é solución. Daquela, a que fin serve, especialmente nunha sociedade supostamente avanzada como a estadounidense? Segundo o informe sobre os direitos humanos de Amnistia Internacional correspondente ao ano 1997, a pena de morte segue a ser usada de cote nos EEUU, onde 45 persoas foron executadas entanto mais de 3.150 se achan baixo a senténcia capital. Ao mesmo tempo, enquisas publicadas recentemente indican a tendéncia no crescimento do apoio do povo americano a tan aberrante impartición de xustiza. É en EEUU, autoproclamado campión das liberdades e dos direitos civís, onde a brutalidade e hipocresia desta medida se fan mais evidentes, unha nación na que a lexislación ampara mesmo a execución de menores de idade e de persoas con retrasos mentais. A pena de morte non prevén o crime. A American Civil Liberties Union informa de que os estados que a usan non teñen en absoluto índices de criminalidade inferiores aos que non a imparten. Estudos sociolóxicos teñen probado repetidamente a nula influéncia da pena capital na erradicación do crime. A ACLU denúncia ademais que a pena de morte é en EEUU unha medida racista, que castiga sen piedade os delitos de pobreza, en xeral --a prática totalidade dos milleiros de persoas condenados a morte son pobres-- e de pertenza a unha minoria étnica, en particular. A povoación negra fai o 12 porcento do total dos EEUU, e sen embargo dos 3.859 executados desde 1930, o 50 porcento son negros. As outras minorias (nativos americanos, hispanos e asiáticos) tamén son víctimas desta desproporción racista. A pena de morte mata inocentes. Un estudo publicado no Stanford Law Review documenta 350 casos ocorridos no século XX nos que se demostrou que o acusado non tiña cometido o crime polo que foi condenado á morte. Deles, 25 foron executados e os outros pasaron décadas en prisión. Que hai dos culpábeis? Cando unha sociedade renúncia á execución de brutais asasinos, non o fai tanto polo ben deles, como polo benefício próprio, pola humanidade dos que apoian e dos que imparten a xustiza. Este é o ponto fundamental do debate. Que clase de sociedade se pode construir senón, baseada no uso do asasinato como método regulador? Unha sociedade miope e cretina na que ao dia seguinte a que dous
nenos cometan unha masacre no pátio do seu coléxio, non
se debate a restricción do aceso dos menores ás armas
de fogo, senón se estes deben ser xulgados como maiores de
idade cando cometen un homicídio. |