|
Tempos para un gasto sentimental Camilo Franco Non están os tempos para moitos gastos, din os que saben de finanzas. Non están os tempos para dispendios que non repercutan inmediatamente na capacidade productiva da empresa ou na capacidade adquisitiva do consumidor. Godot non da chegado, pero é o mesmo. Cando chegue aparecerá vestido co famoso chaleque de quen non fai traballo manual e co pelo engominado para aparentar a xovialidade do caimán. Levamos unha temporadiña a esperar por Godot, pero Godot ignora a nosa espera. Chega o día de defuntos e aquí nos presentamos: cun traxe limpo, unha ramo de flores e unha intención de ser bos (aínda que o noso credo pide ser bos e xenerosos) que durará exactamente o que tarda en pasar a feliz conmemoración. Teremos un manifesto (pero non confundades, non é este) e teremos algunhas promesas das que se dan por incumpridas mesmo antes de ser pensadas. O que non é ningunha destas cousas: conmemoración, ceremonia, celebración, rito, discursos, política de pasillos, ou o que é todas xuntas sobre unhas táboas, eso é teatro, é verdadeiramente o resto das cousas, pero xa dixo Hamlet que o resto é silencio. Sobre o teatro galego andan algúns silencios verdadeiramente esclarecedores. Quizais porque, máis que nunca, a escena galega depende de que unha comisión decida quen cobra ou quen non, que se monta e (vía económica) como se monta. O teatro galego, como é ben sabido, ten unha excesiva (en realidade, total) dependencia económica da Xunta de Galicia. Queda dende hai ben anos o conformismo escasamente idealista e vitalmente lactante de que Non están os tempos para gastos e, como ben se aprecia, o teatro é un gasto sentimental. Quen da os cartos pensa que hai que facelo, pero non cre nesa inversión. Quen os recibe, colle o diñeiro e corre, e vai facendo bastante. Sin embargo este proceso tan paternal, tan socialdemócrata, tan de país culto que avanza na seguridade dun novo milenio, non é máis que a porta pechada do armario no que temos agachado un cadáver. O teatro galego ten esquecido algunhas cousas dende esa suposta refundación dos anos 70. Esqueceu transformase a si mesmo antes de transoformar as súas estructuras. Pediu peixes en lugar de pedir cañas, peixes lle diron e peixes comeron. Foron felices unha temporada de furgonetas novas e número de NIF. Foi unha voda bastante divertida aínda que case ninguén reparase que o matrimonio era contra natura. A lúa de mel dos oitenta deixou unha resaca poderosa, durareira e de efectos aínda por definir na súa totalidade. Nada é o que parece no teatro galego, pero estes dous últimos anos indican unha precarización da situación das compañías, unha reducción das subvencións e unha fragmentación case suicida das compañías. Neste ano 1998 case nengunha compañía privada estrea unha obra con máis de catro actores e ata o Centro Dramático Galego, se incorpora ó formato reducido. É un síntoma que indica a escasa saúda económica do teatro en Galicia. Pero tamén é un síntoma de falta de confianza e de desorientación artística. O teatro galego busca na creación poética algúns espacios novos, tenta incorporar nomes clásicos para chamar a atención dun espectador remiso a acudir sen que llo pidan dúas veces. Busca o teatro en Galicia unha dimensión humana da que, en liñas xerais, careceu ata a agora. O teatro anduvo demasiado preocupado das formas, para atender ós sinais que os espectadores envianban. O divorcio entre os espectadores e o teatro semellaba anunciado, por máis que en Madrid agora digan que as salas se enchen. En Galicia as salas non se enchen porque case non hai sala. Pero o divorcio non procede só das infraestructuras, nin desa nova e fulgurante promesa da formación académica para os profesionais. Este divorcio procede máis de ter esquecido un factor fundamental da existencia do teatro. Se hai algo que o teatro permite é todo o que de humano hai na comunicación. Sen embargo, o teatro galego entregouse a algúns xogos máis ou menos pesados da intelectualidade. Esqueceuse o público en parte porque non era o público quen pagaba e chegaron as obras como embigos de director: demasiados codificadas, demasiado vestiario, demasiado decorado, pouco teatro ó cabo. Pouca cousa humana. Quen quixo ir ó teatro a ver malos remedos da televisión? Quizais o teatro galego chegue a desvertirse desa retórica funcionarial do traballo artesanal. Quizais se decate de que si hai algo non mensurable na súa actividade e que, precisamente, esa é a parte que interesa. Esa é a parte que sobrevivirá. Depende, máis que nada, da cabeciña dos teatreiros, pero últimamente non apunta nada ben o panorama. Quizais andan confusos por tantos avisos como o mundo envía, ou quizais é só que confundiron tan malamente ser con estar. |