A península de Mugardos sen traída de auga
Os concellos de Fene, Ares e Mugardos que teñen conectadas as súas liñas de subministro de auga á rede de Ferrol, veñen de quedar sen ésta por mor da rotura da tubería que pasaba pola ponte das Pías. A esta hora (11:00 hh.) unha comisión de técnicos traballa para atopar unha solución, que nuns primeiros momentos e de xeito temporal, podería pasar por levar a auga en buques alxibes desde o porto de Ferrol aos peiraos de Astano e posteriormente bombeala á rede dos tres concellos da península de Mugardos. Outra alternativa que se está considerando é a posibilidade de instalar unha rede de mangueiras flexibles (do tipo das dos petroleiros) para reanuda-lo suministro.
A maior plataforma do mundo á deriva Discoverer Enterprise segundo os expertos a maior plataforma móbil do mundo das súas características,
foi liberado dos peiraos da factoría Astano debido aos fortes ventos que zoaron esta madrugada do 13 de xaneiro sobre a ría de Ferrol. O buque, botado o pasado 12 de decembro, ten unha capacidade de prospección de 3.000 metros de profundidade e de ata 30.00 toneladas de carga. As fortes amarras de seguridade non conseguiron termar do barco, perante un imprevisto e violento temporal que os centros de meteoroloxía non deron previsto. Preparado para soportar ventos de 150 quilómetros e ondas de 12 metros en alta mar, a enorme masa do Discoverer foi desprazada ata encastrarse no medio da ponte das Pías, principal vía de comunicación entre Ferrolterra e o resto de Galicia. Gracias á intervención dos remolcadores do porto de Ferrol, que cando menos puideron modificar a traxectoria do buque, o desastre non alcanzou outras zonas máis interiores da ría, como a ponte do Couto ou a ribeira de Neda.
Mobilización total na comarca
Forzas de protección civil e salvamento marítimo afánanse en apurar os labores de rescate do barco e de recuperación do subministro de auga nos concellos de Fene, Ares e Mugardos. A Dirección Xeral de Tráfico advirte dos graves problemas de retención que sofre nestes momentos a comarca de Ferrol e aconsella os e as conductoras tomaren a vía alternativa do corredor rápido do Cantábrico polas Pontes.
Diferentes autoridades representativas chegaron ao lugar do incidente a primeiras horas da mañá e mediodía, hora de redacción desta noticia, aínda ficaban na zona. Nin sequera a fortísima gripe que padecía o edil ferrolán, Juan Blanco
Rouco, impediulle estar presente nas Pías xunto a outros membros do Concello.
Reacción
no estaleiro Este accidente interrompe momentaneamente
a xuntanza entre os sindicatos de Astano, prevista para as 8 da mañá, que tiña como obxectivo procuraren un posicionamento común en canto ao futuro productivo de Astano e presentaren un comunicado conxunto ao ministro de Industria. Alén disto, o comité de dirección da factoría reuniuse hoxe en sesión de urxencia para tratar de avaliar a situación e procurar medidas rápidas que axuden a solucionar a situación. Efectivos
do estaleiro accederon xa ao interior do barco, en que se instalaron servicios
provisionais de electricidade e alumado co obxectivo de analizar a situación actual do Discoverer. Se, como parece a simple vista, non houbese danos graves, a acción de salvamento podería realizarse esta tarde aproveitando a preamar.
Todo o que vai mal, seguro que empeora. O poderío da industria ferrolá, combinado co influxo dun martes 13, solta amarras con toda a súa forza, sobre as febles infraestructuras de comunicación da cidade.
Semella un paradoxo que, precisamente un producto da industria que historicamente conformou e conforma o esquelete socioeconómico da comarca de Ferrolterra, sexa a causa do desmoronamento da principal e practicamente única vía de comunicación
terrestre da cidade.
Un paradoxo e unha desgracia, que parece querer advertirnos da terrible descompensación que existe entre a importancia social e o peso económico de esta cidade, e as súas pobres vías de comunicación.
As alternativas para o tráfico rodado A
primeiras horas da mañá, retencións de tráfico de 15 kms. advertían xa, das graves consecuencias que traerá o feito de non poder contar coa Ponte das Pías. A estrada de Castela; o "cruce da ferrolana" que enlaza a estrada da Trincheira coa de Catabois; ou a Ponte de Xubia, na estrada de Neda; son xa puntos negros que convidan á desesperación de conductores, policías municipais e de tráfico, protección civil...
O recente amaño da Ponte de Xubia, que conta na súa saída cunha curva de noventa grados, alivia o que podería ser un problema sen solución, xa que, ata hai uns meses, esa Ponte non podía soportar tráfico pesado, presentando un lamentable estado que, durante moitos meses fora denunciado polas autoridades locais.
As alternativas pasan pola Estrada de Neda que enlaza con Fene, despois da Ponte das Pías, e da saída -recomendada nos últimos momentos polas autoridades de Tráfico- de ir polo acceso norte, collendo a vía rápida ata o concello de As Pontes e enlazar á altura do concello de Cabanas, coa estrada da Coruña.
Non obstante, o tráfico rodado está realmente complicado, como demostra o feito de que o propio Presidente da Xunta, D. Manuel Fraga Iribarne, tivera que sair da caravana de automóbiles, para poder chegar en helicóptero
ó lugar dos feitos.
Informacións erradas producen serios problemas de tráfico no cruce de Lavandeira en Fene Algunhas informacións, que daban a alternativa para chegar desde Pontedeume a Ferrol a través da estrada de As Pontes, enlazando por Lavandeira con Fene, producen un auténtico caos neste último concello.
Evidentemente, trátase dunha alternativa que conduce a complicar aínda máis a situación de embotellamento en Fene. A proposta máis correcta é a de coller nas Pontes a vía rápida que ven a Ferrol.
As autoridades de Tráfico, comunican que non hai nengún accidente de tráfico na zona.
Ante a preocupación de moitas persoas que teñen parentes, compañeiros de traballo e amigos aillados nas retencións de tráfico, as autoridades de Tráfico, tranquilizan á poboación, comunicando que non hai constancia de ningún accidente en todo este percorrido.
O amaño da Ponte das Pías, pode destruir a riqueza marisqueira da ría Algúns especialistas calculan que, cando menos, serán precisos sete meses, namentras que outras fontes falan de un ano, para poder normalizar a situación na Ponte das Pías.
Ademais moitas persoas advirten que o amaño desta Ponte, traerá consecuencias irreparabeis para o sector marisqueiro da ría.
Efectivamente, témese que a riqueza do banco marisqueiro que se asenta xustamente nas inmediacións da Ponte, poida quedar irreparablemente dañado, despois de sofrir todo o proceso de reconstrucción
da Ponte.
Fraga dí que todos temos que aprender Nunha rolda de prensa celebrada a media mañá en Ferrol o Presidente dixo que todos deberíamos sacar conclusións e aprender deste suceso para que un feito deste tipo non produza os efectos que sen dúbida se aveciñan... Lendoiro, o Presidente da Deputación parecía un pouco menos críptico cando aseguraba que as Administracións voltaran a chegar tarde a Ferrol.
Como primeiras medidas propostas tentarase que os camiños de ferro amplien os seus servicios e que se incrementen as viaxes por autobús. Asimesmo parece que o desastre vai facer que definitivamente se comece a tomar en serio a construcción da Autovía Fene-Ferrol, ao tempo que se acomete o que, definitivamente, vai ter que ser a reconstrucción da Ponte das Pías.
Noticias contractorias sobre a recuperación da plataforma
Se ven se anucia como posible data e hora para recobrar o Discoverer Enterpise, a de hoxe martes ás 17:00, coincidindo coa maré alta, outras fontes din que non hai decisión tomada en firme e por non haber perigo de contaminación ou maiores danos é posible que se espere aos proximos días para proceder á retirada.
Tiñan potencia abondo os remolcadores que había na ría?
Que tería pasado se houbese outro remolcador con máis forza? Teríase ido do mesmo xeito a plataforma? O anterior vén a conto dunha polémica que se desatou hai unhas semanas na cidade de Ferrol (con moción do grupo municipal do BNG incluída) con motivo da decisión da Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima de cambiar o destino do remolcador Alonso de Chaves para a cidade de Xixón. Paradoxicamente, o Centro de Salvamento Marítimo de Fisterra vén de informarnos que o Alonso de Chaves se dirixe a estas horas cara o porto de Ferrol para participar nas labores de rescate do Discoverer Enterprise.
Denuncia da Confraría de Pescadores
Alén dos graves danos materiais e do bloqueo da práctca totalidade da comunicación por vía terrestre, a colisión do Discoverer Enterprise coa ponte ferrolá afectou seriamente o importante banco de marisqueo das Pías. Segundo informacións da Confraría de Pescadores de Ferrol á redacción de Vieiros, aínda non é posible adiantar unha estimación precisa dos danos ecolóxicos e económicos causados polo accidente. Con todo, estas mesmas fontes aseguran que ata o momento o Discoverer Enterprise varreu xa a metade do banco de moluscos e témese que a retirada do barco acabe coa reserva enteira.
En ningún momento a Confraría recibiu aviso oficial por parte de autoridades autonómicas ou portuarias, aínda que no momento de tentaren acceder á súa zona de traballo foilles denegado o paso. No momento en que esta noticia era elaborada, os e as mariscadoras que faenan no lugar do sinistro dirixíanse en manifestación á sede do Concello ferrolán. Son 300 as familias directamente afectadas por este desastre ecolóxico que vai paralizar por moito tempo a captura de ameixa na zona das Pías, valorada nuns 2.400 quilos diarios.
¿Ponte nova para o 99?
O ministro de Fomento, Rafael Arias Salgado, declaraba este mediodía en Burgos un adianto na construcción do tramo vial Fene-Ferrol que conectaría coa autoestrada do Atlántico. Arias Salgado afirmou que se tentaría rematar o proxecto en marzo e acelerar as obras de construcción para antes deste verán, co cal a nova ponte non uniría a Ría ata o 99. Na mesma liña, o concelleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña reiteraba as palabras do ministro e aseguraba que se potenciarían tanto o transporte colectivo como o de mercadorías, dando pulo aos camiños de ferro e procurando vías alternativas. Con todo, Cuíña non descartaba aínda a posibilidade de aplicar adiantos técnicos que posibilitasen o tránsito a través das Pías no máis breve espacio de tempo posible.
Rescate do Discoverer
Ao redor das cinco e dez desta tarde, os sete remolcadores participantes no salvamento da plataforma móbil, conseguiron arrastrar o Discoverer fóra da quebrada ponte das Pías e puxala cara ao peirao dos estaleiros. A manobra sofreu un pequeno contratempo técnico ao ficar enganchada a hélice dun dos remolcadores cunha das estachas de suxección do Alonso de Chaves; non obstante a operación foi considerada como un grande éxito desde o punto de vista técnico e espérase que en pouco tempo o Discoverer Enterprise volva atracar nos diques de Astano.
Acción institucións locais
Hoxe para as sete da tarde está prevista a celebración dun pleno extraordinario do Concello de Ferrol. Algo máis adiante, ao redor das oito ou oito e media, os alcaldes de Fene, Mugardos, Ares, Ferrol, Neda e Narón reuniranse nunha xuntanza de emerxencia para avaliaren os efectos do accidente e conformaren un gabinete de crise que servirá como canalizador de medidas paliativas e posibles reivindicacións.
Estructura metálica para substituír As Pías
Tras 30 anos de servicio durante os cales soportou unha media aproximada de 30.000 vehículos diarios, a ponte das Pías parece avogada á desaparición. O impacto da plataforma móbil Discoverer Enterprise, destruíu todo un tramo de cen metros da ponte e produciu grandes danos sobre o resto. Segundo informa a Axencia Galega de Noticias, o delegado do Goberno en Galicia, Juan Miguel Diz Guedes afirmaba en Ferrol que unha estructura metálica podería substituír a vella ponte dentro de dous meses. Diz Guedes engadiu que a comarca contaba co apoio prioritario do ministerio de Fomento.
Auga e teléfono garantidos
Segundo informa a Axencia Galega de Noticias, os concellos de Ares, Mugardos e Fene non sufrirán cortes no seu subministro de auga. A vella conducción que cruzaba a Ría á altura das Pías e conectaba os tres municipios co encoro das Forcadas será substituída por barcos-alxibe que bombearán auga aos depósitos desde Astano. Do mesmo xeito,Telefónica anunciaba a restitución total dos servicios tras a ruptura de 24 cables de fibra óptica e un anel óptico que constituían o eixo comunicativo da comarca Ferrol-Fene-A Coruña.
Rotas alternativas a Ferrolterra
Segundo AGN, a Xefatura de Tráfico acaba de anunciar unha serie de rotas alternativas para aqueles vehículos que deban desprazarse á comarca de Ferrol. Perante o perigo inminente de colapso na estrada local AC-115 que une Fene, Neda e Xubia coa C-642 ata Ferrol, Tráfico recomenda utilizar:
Área sur coruñesa-Ferrol: estradas laterais á N-651 Betanzos-Ferrol ata As Pontes e de aí a C-641 ao corredor Ferrol-As Pontes
Betanzos-Ferrol: comarcal C-0905 por Paderne-Irixoa ata As Pontes
Pontedeume-Cabanas-Ferrol: vías locais AC-141 e AC-142
Do mesmo xeito as autoridades viarias aconsellan aos e ás viaxeiras o máximo aproveitamento dos vehículos para evitar unha afluencia excesiva nas estradas.
Comunicado da Cámara de Comercio
A Cámara de Comercio de Ferrol vén de emitir un forte comunicado no que esixe ás autoridades públicas axilidade na construcción de novos viais á cidade. En declaracións de Miguel Maristany, presidente da entidade, "agora voltamos ós tempos prehistóricos da estrada de Castela, que segue igual que hai 20 anos..." así mesmo di que "chegou o momento en que terán que facernos caso dunha vez por todas. Non pedimos nada novo senón que se axilicen os prazos". A entidade cameral prevé repercusións moi negativas na economía de Ferrol motivadas por "un problema endémico de comunicacións".
Ferrol Hoxe comeza o seu labor informativo
Ferrol Hoxe, informativo de actualización semanal dependente do Concello de Ferrol, comeza o martes día 13 de xaneiro as súas emisións para dar unha información rigorosa sobre a situación e as medidas a adoptar pola catástrofe do Discoverer Entreprise. Esta información irase ampliando día a día dando as noticias, as medidas e problemas que se vaian plantexando ou solucionando.
|