Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Once anos contando as cousas desde aquí

Noguerol - 28/02/2007 13:48 - visitas

Un 24 de febreiro de 1996 nacía un pequecho buscador de webs galegas, o primeiro Vieiros, que abrollaba como punto de encontro para os galegos en internet e en pouco tempo comezaba a achegar noticias a través da rede. Cando aínda había quen pensaba que internet era cousa de maxia, por estas datas, un 24 de febreiro de 1997 Vieiros xa lles contaba doutras maxias, as do Mago Antón, que participaba nun congreso internacional nos EUA.

Mariñeiros cataláns a experimentar desde alta mar a venda en rede do peixe, a chegada do buscador ás 10 mil webs rexistradas, as últimas novidades sobre a fenda dixital galega, o relato da gran manifestación coa que Nunca Máis asolagou Madrid... Foron outras noticias o 24 de febreiro de anos anteriores. Este ano temos unha especial para destacarlles: o avance sobre o que en poucos días será o novo Vieiros.

Deica aquí veu o Ano Vieiros, que iniciamos o 24 de febreiro de 2006. E que é Vieiros? De onde vén, onde está e onde vai? Internet coma nova ferramenta para contar as cousas, para contalas en galego, para contalas doutra maneira, a rede á fin para contar tamén de cousas que noutros espazos non se contaban. Mirar as cousas desde o noso contorno, desde Galiza. Pensar o mundo desde aquí. Velaí algunhas respostas no que fora o noso especial Dez anos de Vieiros.


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: