Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Crónica do curso sobre a fala do Val do Ellas

19:00 18/07/2007

San Martiño de Trebello, Valverde do Fresno e As Ellas son os tres concellos que integran o chamado val do Ellas. Estamos no noroeste de Estremadura, raiando con Portugal, que está a uns 16 quilómetros de Valverde. Suman un total de 5.000 habitantes. E todos eles usan decote unhas falas de filiación galego-portuguesa.

Vénse de celebrar no concello de San Martiño de Trebello (do 10 ao 12 de xullo) un curso, organizado polas universidades de Vigo e Estremadura, que abordou diferentes cuestións achegadas por profesores universitarios de Portugal, Galiza, Cataluña e España. O debate máis relevante centrouse na orixe e na codificación da fala.

Para a dialectoloxía galega, a orixe está no repoboamento de galegos vidos do sueste ourensán e de concellos limítrofes da actual Zamora entre os séculos XII e XIII. A supervivencia da fala ao longo de tanto tempo tería no illamento secular a resposta (hipótese cuestionada por algún asistente). Así o expuxo no seu texto Francisco Fernández Rei seguindo a Lindley Cintra.

A intervención de Clarinda de Azevedo Maia alertou da escasa prudencia verbo da orixe. Presentou outra hipótese: que a fala fose un dialecto desenvolvido do latín ao romance cunha influencia do substrato celta que logo, coa repoboación de colonos galegos, se potenciou e se mantivo. Resaltou a falta dun estudo toponímico da zona.

Debate curioso
Na súa intervención posterior, na mesa redonda, xurdiu un debate alleo ao tema mais curioso polo enfrontamento existente sobre a denominación de galego-portugués ou galego medieval á lingua falada na Idade Media en Galiza e Norte de Portugal.

Tamén se decatou o público, cunha presenza importante de galegos e galegas, dunha incomunicación cultural entre Portugal e Galiza. Neste caso, referímonos á historiografía galega, inexistente para os portugueses, pois datan os reis segundo a historiografía española, ou a consideración dos reis unicamente de León e non de Galiza tamén, entre outros detalles. Non lle importan aos lusos os traballos e a documentación dun Anselmo López Carreira que amosou as deficiencias e eivas da historiografía española? Será que unha nación sen estado non supón unha referencia a pesar de que Galiza e Portugal teñan un pasado común?

O profesor José Antonio González Salgado propuxo aos asistentes unha outra hipótese sobre a orixe: que a fala fose unha mestura entre galego e o asturiano-leonés. Mais a intervención deste relator tivo na codificación e normativización da fala o seu miolo. Restoulle importancia a este asunto mentres declaraba ser “pesimista por natureza”. Se un lingüista fala así dunha lingua, que se pode facer? Insistiu en que a fala era cousa case exclusiva dos seus falantes. E logo, as linguas non son un riqueza cultural? E a cultura e as linguas coñecen fronteiras? A fala vivirá se os seus falantes a usan mais é cousa de todos o seu estudo. Ou deberiamos dicirlle aos lingüistas alemáns que non se metesen no estudo do galego(-portugués)?

González Salgado non quixo recoñecer o que Antonio Salvador Plans (U. De Estremadura) respondeu a unha pregunta do público: a universidade de Estremadura chegou tarde ao estudo da fala. Mesmo na lista de linguas extremeñas declaradas á Unión Europea, a universidade incluíu o chinato (variedade castelá de Estremadura que non chega a 100 persoas maiores) e deixou fóra a fala do Val do Ellas que conta cuns 5.000 falantes, a totalidade dos habitantes dos tres concellos.

Codificación e normativización
Verbo da codificación da fala e a súa normativización, o debate tamén foi intenso. Algúns apuntaron problemas de todo tipo (fonéticos, léxicos, morfolóxicos...). Curiosamente os mesmos que se confesaban pesimistas. Outros centráronse na dificultade no aspecto fonético. Algún falante da zona, insistiu na necesidade de traballar e codificar a súa fala. Reclamáronse especialistas e un compromiso por parte da Junta de Extremadura.

O último día falaron Felipe Lubián (membro corresponde da Academia Galega por Zamora e alcalde de Lubián) e Domingo Frades (correspondente da AG no val do Ellas). O primeiro relatou os pasos que se deron en prol do galego en Castela-León e o segundo relatou a situación do mañego, lagarteiro e valverdeiro. Pediu traballos, achegas, compromisos e iniciativas. Un primeiro paso deuno a galega Arancha Román (U. de Granada) coa presentación dun glosario de 4.000 entradas, o primeiro traballo destas características.

O curso relevou as diferenzas na orixe, a implicación real dos estudosos galegos coa fala, o desleixamento da universidade e Junta de Extremadura, a falta de comunicación entre Portugal e Galiza no aspecto anteriormente citado e a preocupación por parte de case todos, agás os pesimistas, sobre o futuro da fala e a súa conservación.

Na Praza Maior de San Martiño, Pablo Carpintero deu unha aula maxistral sobre a música galega. Finalizou o curso coa muiñeira de Chantada, entre os aturuxos e os bailes.

Nós, os galegos e galegas, non queremos colonizar nada mais os lazos xa son ben estreitos entre o noso país e o Val do Ellas. E lembro agora o que nos dixo un mozo das Ellas unha noite: “que puntu, se nos entendemus. Iso non pasa cos portuguesis nin cos madrileñus”.

4.18/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...