ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafael Pillado

Que modelo de empresarios?

11:10 04/01/2008

Estes días saltaba ás primeiras páxinas informativas o que se coñece como a trama de corrupción urbanística en Mugardos. Para os avisados non supuxo sorpresa algunha. O rumor popular vense facendo eco de manifestas irregularidades desde hai algún tempo. Todo isto, pese a que unha parte da poboación, estimulada desde algúns partidos políticos, coa promesa de postos de traballo e inmensos beneficios económicos, mira a outra parte. ¡Xa vedes cál é o resultado!

¡Mugardos non era así!, Afírmase. ¿Desde cando se observa esa deriva? Probablemente, desde o momento no que se producen grandes inversións no concello da man da iniciativa privada. Os presuntos implicados na corrupción son, de momento funcionarios, políticos e algún pequeno empresario, sobre os que debe caer todo o peso da Lei. Mais, aínda non aparecen os responsábeis desas grandes inversións.

Vén a conto as palabras pronunciadas a mediados dos anos 90 polo intelectual francés e á vez directivo de multinacionais Alain Minc, que dicía: En todos os estados é grande a tentación de converter á clase política no chivo expiatorio, como se ela fora a gran culpable ou a única responsable. ¡Hipocrisía colectiva! As comisións e o tráfico de influencias están envelenando o conxunto da vida social… ¿Que observador da vida económica pode garantir que a firma dos grandes contratos realízase sempre segundo a estrita legalidade?... ¿Que axente financeiro pode certificar que nunca tropezou con transaccións que lle pareceran raras ou deshonestas?

É dicir, non só hai que ver aos corruptos senón, e sobre todo, aos corruptores. Eles si, dispoñen de diñeiro. Por pór algúns exemplos próximos, sobre o entorno que estamos analizando:

a).- Ao se producir o caso “Prestige”, acusábase ás mafias internacionais de causar ese e outros desastres, ao prescindir da seguridade e buscalo beneficio a toda costa. Lembro como proliferaban os argumentos nese senso. Mentres, nos nosos propios fociños, xa se descubrira tras a “Operación Remolque”, a importación de fuel que era descargado en Forestal do Atlántico, co pretexto de exportalo a Portugal. En tanto, defraudábase á nosa Facenda Pública, vendéndoo en España.

b).- Varios depósitos da empresa Forestal do Atlántico aséntanse sobre unha zona de servidume de protección de costas.

c).- Unha parte das instalacións de Reganosa foron construídas sobre un recheo ilegal, gañado ao mar. Incumpríndose en moito, a superficie concedida para os seus peiraos.

d).- As instalacións de Reganosa están situadas sobre chan comprado a baixo prezo á veciñanza (solo rústico especialmente protexido) que posteriormente, o Concello de Mugardos, co beneplácito da Consellería de Política Territorial, recalificou como solo industrial. A estas alturas xa coñecemos que parte dese chan segregado e valorado en 47 millóns de pesetas en febreiro del 2001, vendeuse un mes despois por 737 millóns. E estamos a falar dunha planta de gas que ameaza ás persoas, postos de traballo e á ría enteira. Unha bomba de reloxería.

E por outra banda, o pasado 23 de novembro, se entregaba a Roberto Tojeiro o galardón “II Premio á Familia Empresaria de Galicia” (como antes fixera a Deputación da Coruña, entregándolle a Medalla de Ouro), coa presenza de representantes de diversas institucións galegas.

Pretensións
Non é a primeira vez que se lle recoñece como “empresario modelo”, “moderno”, “modelo de éxito”, “lección de valentía”, “compromiso con Galicia”, “¿¡que asume riscos!?”. Só falta incluír “galegos coma ti” e “vivamos como galegos” para pechalo círculo, en clara intención de difuminar a súa verdadeira dimensión e facerlle aparecer como patriota. ¿Ou non é esa a pretensión tamén de quen premia? O Sr. Burns dos Simpson, quédase pequeno.

E chegados aquí cabe preguntarse, coa seguridade de que non nos volveron idiotas. ¿É este o modelo de empresarios que defenden as nosas forzas políticas? ¿É este o comportamento empresarial que estimulan os nosos representantes nas institucións? ¿Cal e a colleita que esperan obter desta práctica política? ¿Botarán as mans á cabeza se ao final descobren que alimentaron ao monstro? ¿Ou non tomaron nota aínda da experiencia de Marbella?

Non nos queda máis remedio que dicir, como o Sr. Minc que as comisións e o tráfico de influencias están envelenando o conxunto da vida social. Ese camiño soamente conduce á degradación da vida democrática e das súas institucións.

Afortunadamente, a maioría deste país non está corrompido. Esa constatación abre o camiño á esperanza. Pero, ¿con que modelo de empresarios?

4,81/5 (27 votos)


Comentarios (7)

xviluba #1 4/Xaneiro/2008 xviluba
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

como molan as túas gafas Starsky-Hutch!!

sanquera #2 4/Xaneiro/2008 sanquera
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

pillado me parece que mezclas churras con merinas
porque me parece que las licencias de obras de reganosa fueron otorgadas cuando el alcalde de mugardos era del Psoe y las autorizaciones de actividad las acaba de dar el ministerio de industria tambien dirigido por un socialista, partido en el que por otra parte tu militas y "o que se coñece como a trama de corrupción urbanística en Mugardos" se desarrolla con un alcalde del BNG

Sabrexo #3 4/Xaneiro/2008 Sabrexo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O señor Pillado do PSOE debe falar de oídas. En Mugardos os auténticos escándalos urbanísticos non son algunhas incompatibilidades de funcionarios nin que acusen o alcalde de realizar xestións en beneficio do Concello -niso consiste a "Operación Virgin" da Fiscalía-, senón os intentos de ceder un pazo a unha inmobiliaria, de dar luz verde a unha urbanización cun informe en contra de Costas ou de utilizar os cartos da licenza de Reganosa para urbanizar promocións privadas, por poñer uns exemplos, actuacións das que terían moito que explicar o PSOE e os demais partidos da actual oposición e que foron paralizadas polo goberno local do BNG.

charino #4 4/Xaneiro/2008 charino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O marxe dos datos concretos que pode haber no caso de Mugardos, no que o Sr. Pillado non entra, o fondo do artigo parece que ninguén o ataca. Logo debe ser correcto. Non se pode atacar Reganosa antes de estar no goberno e agora defendela. Os empresarios por ser galegos non son nin mellores nin menos corruptos que por ser murcianos ou cataláns. E tampouco son menos corruptos aqueles que medran ó amparo do poder, a través do tráfico de influencias, aínda que se vistan coa bandeira de Galiza e se proclamen fillos de Breogán, para dotar de contidos á Cidade da Cultura, para financiar unha selección ciclista galega ou estar no Consello de Administración de A Nosa Terra. A merda en todas partes cheira.

FucoPenelas #5 5/Xaneiro/2008 FucoPenelas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Está ben a reflexión do Sr. Pillado. Aínda que deberíase de aplicar tamén o conto, digo eu, xa que todos temos que rascar, neste Ferrol e comarca especialmente castigado, pola represión franquista (amnistiados os represores pola transición española, bendicidos polo PCE do Sr. Carrillo), pola reconversión naval (pactada por os Sindicatos de Clase estatais) e o amansamento do espírito de loita obreira (coa desaparición da democracia representativa nas fábricas, usurpada polos xefes sindicais).
Dito isto non podo máis que compartir o fondo do artigo. Os esquerdistas (ironía da expresión) teñen a tendencia de santificar ao Señor (Chámese Tojeiro, Cuevas ou Bill Gates). Demonizar aos compañeiros (especialmente si non son exactamente da súa sección), deica o ridículo, facendo que aparezan como os do Non permanente ao progreso, ou os vendidos ao mal.
Os esquerdistas, ou oportunistas (ou póñanlle o adxectivo que desexen) tan so precisan estar nun lado ou outro da liña do poder, é dicir estar pisando moqueta ou fora dela. Diría algún, cidadán dos de a pé (os do buzo, o raño, ou mesmo da pluma) en expresión beata "nos salve Deus deles".
Si Pillado, vicepresidente da Asociación Fuco Buxán, leva vostede razón, sexa benvido a masa civil, pero fágame o favor de dar os paos con tanta intensidade aos Srs, moi Srs da ideoloxía da dereita e véñase comigo a botar unha corda gorda, aínda que sexa a gorxa a tódolos aqueles escravos (do Sr. de dereita, chámelle Tojeiro ou Ambrosio, en definitiva gran capital) para tirar deles e reintegralos a sociedade civil.
Fraco favor facemos a liberdade, a xustiza, a honestidade, cando metemos no mesmo saco a quen pode (o escravista) do que non pode (o escravizado). Non sexamos como o Deus vingador que castigaba a todos pola adoración as vacas sagradas dos sumos sacerdotes. Cumpre sacar a mala herba, para recoller a colleita, pero non rasurar o campo, pois so da fame. E peor deixa nas mans dos aproveitados (de novo os Sr. Tojeiro e Bill Gates) os fameados.
Neste mundo o máis libre e quen mantén a súa conciencia, e hai meus amigos, que difícil e mantela sen información.
Pero leva razón, Sr. Pillado, Reganosa está mal, onde está, e somos (vamos eu me inclúo) uns impotentes por non conseguir que se cambie de emprazamento. Pero preservar é non perder a esperanza, e ese é o camiño do éxito.

FucoPenelas #6 6/Xaneiro/2008 FucoPenelas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Corrección dos dous últimos parágrafos (perdoade os erros)
Neste mundo o máis libre é quen mantén a súa conciencia, e hai meus amigos, que difícil é mantela sen información.
Pero leva razón, Sr. Pillado, Reganosa está mal, onde está, e somos (vamos eu me inclúo) uns impotentes por non conseguir que se cambie de emprazamento. Pero a teima é non perder a esperanza, e ese é o camiño do éxito.

remexendo #7 13/Xaneiro/2008 remexendo
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Sabrexo: Que me dis o Plan de Urbanismo de Ares que acaba de ser declarado ilegal polo Supremo e que xa fora declarado ilegal polo TSXG?.
Van asumir ás súas responsabilidades os políticos do PSde Gas e do BN Gas que o aprobaron?. Tí seguro que non

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Pillado

Rafael Pillado Lista naceu en San Cibrao (Cervo) en 1942. Con dous anos trasladouse coa súa familia a Ferrol, onde seu pai estaba preso pola súa filiación republicana. Traballou de montador mecánico en Bazán, onde tivo unha importante actividade sindicial e política en CC.OO. e no PCG. Na actualidade é afiliado do PSdeG e é vicepresidente da asociación Fuco Buxán. »



Anteriores...