Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Cendán

Sarille e a aposta polo galego

18:10 27/03/2008

Quero aquí propoñerlles o último ensaio de Xosé Manuel Sarille, “A impostura e a desorientación na normalización lingüística” (Candeia Editora). Un libro necesario que analiza onde estamos e como reformular a estratexia, desta inacabada aposta, porque o galego teña a súa presenza predominante na sociedade galega; como recoñecemento dos dereitos que temos a existir como tal, a manter o sinal básico da nosa identidade nacional como pobo diferenciado. Seguen a ser certas aquelas palabras de Castelao de que seremos galegos mentres exista o galego.

É este un ensaio cun discurso diferente, crítico e autocrítico, a corazón aberto, onde se analiza a historia da normalización lingüística, a guerra civil das normativas, os sectarismos políticos – ideolóxicos, a actual parálise e retroceso do idioma galego, nun momento onde xa as tres forzas políticas que conforman o Parlamento galego tiveron ocasión de levar adiante a súa política lingüística, e o resume é que neste eido non hai diferenzas substanciais entre elas.

Un ensaio sen concesións, nin tan sequera para o propio Sarille, fundador d­’A Mesa. Unha análise que racha con sectarismos e tabús; algo pouco visto nun país onde a falta de autocrítica é normal. Unha análise necesaria para romper a impostura e buscar unha nova orientación que abra novos vieiros para o galego, como idioma nacional e non residual. Un libro que lle doerá a máis dun político de pro; e quizais por iso sorprende a liberdade de pensamento e crítica do autor. Mais, o ten claro: “a ninguén se lle pode pedir que faga de corista”.

É tamén, un percorrido polos organismos oficiais ou para oficiais, que deberan simplificarse ou cando menos coordinarse; a falta de autoridade científica e política da RAG; a necesidade de configurar unha verdadeira euro zona con Portugal para lle facer fronte desde Galicia aos retos da Europa do século vinteún e a intercomunicación e colaboración social, económica e cultural entre as dúas beiras do Miño. Sen Portugal o futuro galego non é tal.

Son necesarias medidas de discriminación positiva a prol do galego, que garanta os seus dereitos; por exemplo, cantos medios de comunicación galegos recoñecen aos seus usuarios o dereito a ser lidos, vistos ou oídos en galego? Como asegurar o perfil lingüístico galego nas Administracións que operan en Galicia, así como potencialo uso e a competencia lingüística do conxunto da poboación?

Debemos ter claro que vivimos na era dos dereitos das persoas, nun mundo globalizado e plurilingüe, onde as persoas usan varios idiomas para os seus quefaceres diarios. Alguén pode dicir que non oe chinés, búlgaro, inglés, romanés nas cidades ou vilas deste país? Entón, por que hai quen se empeña, desde o eufemismo da “liberdade e do bilingüismo harmónico” en pedir a derrogación da Lei de Normalización, e a redución do galego no ensino e na sociedade galega a algo testemuñal? Por que hai quen segue a fomentar a vagancia intelectual e o monolingüísmo en castelán, a fomentar unha sociedade –si, cada vez máis rica – pero non avanzada, e orfa de creatividade? Por que se segue a impedir o estudo do portugués, fronte ao que ocorre na Estremadura española?

Este ensaio pretende a reflexión e á evolución das propias posicións, sacudir a indolencia. Quizais o que non está claro é de onde van saír as forzas que abran a nova etapa e dinamicen o uso do galego, tras pecharse o ciclo da aceptación formal por parte das diversas Administracións. En calquera caso, a crise debera formar parte dunha dialéctica de crecemento, e esas forzas, obviamente, só poden saír da propia sociedade galega.

Unha nota final e persoal. Grazas, Sarille polo teu libro.

3,65/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ferrolán nado en Narón en 1967. Milita no PSOE galego desde 1991 e participou na fundación da revista "Razón Socialista" (1995), da Asociación Fuco Buxán (1999) e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (2001). Máis na súa Bitácora do Nordés. »



Anteriores...