Vieiros

Vieiros de meu Perfil


José Ramom Pichel

Vamos a sério

19:17 12/04/2008

Minha mai Mari Carmen Campos e minha tia sempre se perguntam porque escrevo tão esquisito, quando poderia ser como o resto, aprender, ser boinho e sobretudo escrever bem. Têm razão, as mais sempre querem o bem para os seus filhos, e eu como muitos amigos, amigas, colegas e subcolegas poderia escribir ben sen problema, seguir os ditados do correcto, dicir os reintegracionistas nas cafetarias universitarias que estou dacordo con eles, que si home si, que tender pontes culturais co Brasil sería unha boa oportunidade para a lingua e por tanto para os galegos, pero que queres che diga, temos unha norma, hai que ser disciplinados, a lingua está mal mas debemos facer país, falar galego para facer idem e xogar a ser xenerais Custer, morrendo cos socos postos.

No entanto, agora que delegacións galegas reintegratas son recibidas sen problemas no parlamento portugués para o acordo ortográfico, cando existen organizacións portuguesas como Audiência Zero que se encargan de potenciar as relacións galego-portuguesas musicais, artísticas a ambos os lados da raia, cando a NASA segue a traer grupos portugueses fantásticos, ou cando o Portal Galego da Língua é referencia, non sei sinceramente se cambiar, e facerlle as beiras ás beirarrúas.

Porque tamén o conservatorio folque traía músicos brasileiros que falaban en portugués connosco sen problema ningún e nós con eles en galego, ou ese encontro mítico do Porriño de software libre galego-brasileiro con ponencias en ambas as variantes do mesmo idioma, falando todos ao final a mesma terminoloxía computador-licenzas-xanela-disco ríxido, vendo que o noso idioma é útil, repito, é noso e é útil. Somos privilegiados, aprendimos ao nacer neste lugar do mundo tres idiomas e un deles, o portugués, sen nós sabelo.

Cando vexo isto mamá, non me creo nada do que nos contaron, do que nos contan. Non sei se vexo cousas estrañas, non debería seguir a escrever assim, pésie a que uma língua que chama minhoca às minhocas não pode ser outra língua, como diz meu caro amigo Suso Sanmartim ao estar pola primeira vez no Brasil. Vou tentar escribir normal, mellor non saír do armario.

Ao mellor é iso, que imaxino o que non é, e que é certo que portugueses e brasileiros nunca están nin estarán interesados en nós, que déixate de lerias, o galego é para a casa, a casa de catro provincias, ti escribe poemas meu rei, chegarás a publicar na editora que nunca paga, porque o mercado é pequeno, xa se sabe, o mercado ese culpado.

De todos modos, habitantes desta terra, elites culturais, elites económicas, elites todas, desta vez non nos parades. O galego é unha lingua extensa, intensa e útil. Tamén dominamos o español e cunha aprendizaxe forte en inglés, seremos unha potencia lingüística. Por todo isto, porque queremos unha vida plena na nosa lingua, alguns continuaremos com o relacionamento sem trégua com Portugal e o Brasil, seguiremos com esta nossa casca ortográfica que nos ajuda a comunicar-nos textualmente com eles e eles connosco, extraterrestres portugueses e brasileiros, e isto gerará mais bem-estar para todos os galegos/as, mais oportunidades de trabalho, e outros reptos e dificuldades também. Somos pacientes, mas desta volta, Vamos a Sério. E que lhe vamos fazer, se nós não nascemos no Mediterrâneo.

4.33/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pichel

José Ramom Pichel Campos, nacido no 72 na cidade de Compostela ao terceiro dia exilou-se na Travesa de Vigo (Vigo). Gosta desde meniño dos computadores e das linguas. Enxeñeiro informático pola UDC, cofundador da plataforma polo galego na informática no ano 1994. É actualmente o director da área de enxeñaría lingüística da empresa imaxin|software, da que foi un dos seus fundadores no ano 1997. »



Anteriores...