Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Conflito fe-razón no novo Bacharelato

12:14 24/04/2008

Houbo quen se sorprendeu de que se consolide e prestixie máis a relixión, outorgándolle horas en segundo de Bacharelato, mentres se degrada e reduce a filosofía no novo Currículo presentado pola Conselleira de Educación. Quizais acreditaran na verborrea laicista do PSOE.  Mais calquera observador atento aos cambios en materia educativa,  sobre todo na Galiza, era previsible outra volta máis de parafuso neste sentido.

O ano pasado asistimos perplexos ao engadido dunha hora máis de relixión na ESO, respecto dos mínimos fixados polo MEC, ao mesmo tempo que se lle garantía ao profesorado de relixión o desempeño doutras funcións para as que non foi contratado e que corresponden unicamente ao  profesorado que accedeu polo sistema ordinario de acceso á función pública docente. Dentro das novas funcións, que superan o actual marco legal e  invalidan o dereito a un ensino laico, están a de realizar gardas con alumnado, titorías de pais e nais, dinamizar a convivencia escolar, etc. Con esta regulamentación  pódese dar o caso que haxa alumnado que opte por non recibir clase de relixión e que non obstante teña como titor ou titora un ou unha  profesora de relixión.

Temos que recoñecer que a posición do PSOE non é tan confesional en todas partes e, mesmo, hai proxectos de currículo en Asturias ou Cataluña onde se dan avances ao engadir dúas horas máis aos alumnos que queiran ter relixión, sen castigar os demais cun confinamento que cada quen enche como pode. De feito, hai matices que deixan en evidencia tendencias dispares. Por exemplo, nos contidos mínimos do MEC, á denominación dos principais filósofos medievais non engaden o recoñecemento da súa relación directa con Deus a través do título de Santo. No proposto pola Consellaría xa volven a defender o culto a estes seres humanos coa reposición da santidade de Tomé e Agostiño. Son detalles sen importancia‚Ķ ou non.

O caso é que, na anterior campaña electoral, o PSdeG-PSOE fixo mitins específicos nos diferentes concellos galegos para presentar a materia  “Educación para a Cidadanía” como a súa grande aposta e sinal de identidade co obxecto de diferenciarse da outra mercadoría electoral  que este partido político presentaba como clerical, homófoba e machista. Disto,  obtivo, por certo, abondosos réditos electorais xa que mobilizou as ilusións progresistas cunha opción que lles facía albiscar algún avance na reforma educativa nesta dirección. Outro engano máis. Vemos de novo que baixo a bandeira da esquerda se encobren actuacións que a chamada dereita non se atrevería levar a cabo polo rexeitamento social que provocaría.

Pode seguir o PSOE coa súa campaña de imaxe na Galiza e continuar a xogar coa educación de xeito electoralista, mais a redución horaria da filosofía de primeiro de Bacharelato e a ampliación de contidos só poden ter como consecuencia menos profundamento, menos argumentación, máis esquematismo e máis retórica moralista baleira. En definitiva, a cacarexada “cidadanía” vai haber que fundamentala na fe máis que na razón. Mais, para iso xa está a relixión que, se coa carga horaria que ten, non é quen de convencer dos beneficios de ser bo, sempre poden recorrer ás lapas do inferno para amosar, cunha soa imaxe e de xeito inmediato, os prexuízos de ser malo.

4.8/5 (50 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...