Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Miguel Mosqueira

Obreiras, tolos, escolares, poetas...

02:55 20/05/2007

Non é propósito destas liñas adoptar a típica pose intentada xa no maio do 68 francés dunha alianza efectiva entre a clase obreira e a intelectualidade. Mais unha realidade cada vez máis á vista, se falamos do estado de saúde da lingua galega, que o uso «normal» da lingua (enténdase «normal» nun senso amplo, sometido desde logo á dinámica da diglosia) está cada vez máis polarizado arredor destes dous ámbitos: as clases baixas e o mundo cultural. Ámbitos que, por outra parte, no panorama social do país viven perpetuamente de costas un ao outro. O obreiro non distingue o traballador da cultura de calquera outro membro da clase acomodada. O traballador da cultura pensa no obreiro como o portador esencial duns valores que non sabe detectar. No entanto, a planificación normalizadora debería incluír entre os seus propósito básicos a conexión destes dous colectivos de intereses non tan opostos como pode parecer.

Salta á vista que non estamos a falar de ámbitos homoxéneos nin totalmente delimitábeis: para definir que é e quen fan parte da clase baixa hai uns criterios estabelecidos de base económica. E datos concretos: máis do 50% da clase baixa e máis do 40% da media-baixa son monolingües en galego. Mais, como definir axeitadamente o mundo cultural? Calquera criterio escorréganos entre os dedos: factores económicos?, políticos?, educacionais talvez? Non é doado. E, porén, todo o mundo ten na cabeza, sexa con criterios até certo punto impresionistas, o papel xogado historicamente polas elites culturais (de extracto certamente burgués) na defensa consciente da lingua galega. Debemos ver aquí, como nexo común, unha reivindicación identitaria? Non poderiamos ver, mellor, unha asociación política? Os datos deixan entrever que non é ningunha parvada pensar no uso social do galego como fenómeno de clase e que non é gratuíto que se siga a asociar a defensa do galego á esquerda política.

Non debemos esquecer tampouco que estes colectivos están posicionados de diferente maneira na cartografía das cidades galegas: as clases obreiras habitan preferentemente os barrios periféricos, mentres os lugares de cultura ocupan o centro urbano. Este é un factor que contribúe ao descoñecemento entre os colectivos, mais que, se os planos de normalización lingüística o saben aproveitar (e a clave aquí está na descentralización), pode tornarse un factor de enorme valor estratéxico: pensemos por un momento o prexudicial que resulta para o galego esta separación entre o lugar onde o galego se fala máis e o lugar onde se fala máis conscientemente.

Cultura popular
Tampouco podemos insistir nunha dicotomía tan clara de tipo socioeconómico ou xeográfico cando o auténtico abismo no uso do galego está na variábel xeracional. Mais esta variábel xeracional ten igualmente unha relación coa clase social e a xeográfica: existe diglosia, madía leva, mais a diglosia non é igualmente efectiva en todos os casos. As rapazas e os rapaces dos extrarradios das cidades e de familias desfavorecidas están, sen dúbida, máis castelanizados do que o están os seus pais ou os seus avós, mais é un grupo social sobre o que se pode actuar en positivo, de saíren adiante propostas de achegamento como as antes explicadas. Lembremos por un momento, con Raymond Williams, que o ámbito da cultura non se pode deixar de lado alegremente cando se analizan as dinámicas internas dunha sociedade, e vexamos a incidencia que certas propostas nadas desde o uso convencido do galego poden chegar a ter neste grupo social: pensamos nas cancións de Os Resentidos, que nun momento dado chegaron a formar parte do repertorio das orquestras, ou nas cancións dos Heredeiros da Crus que, unha década máis tarde, soaban na megafonía dos mercados das vilas. Pensamos en programas da televisión como Mareas Vivas ou Xabarín Club, que tan importantes chegaron a ser nos seus respectivos momentos para xente de todo tipo. Ou nos contacontos. Ou en certo teatro. Deberiamos deixar en suspensión a idea dunha elite e redescubrirmos as posibilidades do traballo na cultura popular.

Un proxecto como este, de callar, haberá de se enfrontar a numerosas dificultades, das que non será a máis pequena a escasa presenza de redes asociativas na poboación galega en xeral. E é que este é un ámbito fundamental para comezar a sementeira: que non todo é televisión. De todos os xeitos, estamos ante un ámbito de acción insospeitado, enorme: conciliar dous colectivos periféricos, cada un ao seu xeito, nunha viaxe común: a normalización lingüística.


Gañador do III Premio a artigos xornalísticos normalizadores. Concello de Carballo 2007. O título completo do artigo é "Obreiras, tolos, escolares, poetas. A lingua galega nas cidades"

4,89/5 (27 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Miguel Mosqueira

(Lalín, 1982), licenciado en Filoloxía Románica e en Filoloxía Galega, estudante de terceiro ciclo da USC, bolseiro do Departamento de Lingua do Concello de Santiago de Compostela. »