Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Novas falacias de Mr Bean

12:19 20/10/2009

A capacidade demagóxica do actual presidente galego non coñece límites. Unha vez empregadas ate a fartura as teimas da “liberdade lingüística” e do “bilingüismo harmónico”, recorre agora, suponse que aproveitando a súa estadía en Londres, ó argumento da “educación trilingüista”. E un non sabe se rir ou se chorar, ate que mira o teclado de seu ordenador e se pon a desfogar que é o que lle queda.

Pagaría eu por observar polo buraco dunha pechadura, a faciana supercalifragilística de Núñez Feijóo ante os interlocutores de fala inglesa durante a súa estadía en Londres... se é que tivo algún. Seica, ademais de o Centro Galego, visitou o “Instituto Español Vicente Cañada Blanch”, así como algúns executivos financeiros españois traballando na City. Habería que preguntarlle a quen lle preparou a axenda... Se fose seleccionar candidatos para postos de elevado rango, non precisaría tres días. Dicía que pagaría polo menos un par de libras esterlinas por asistir a calquera encontro de Feijóo con “english speaking people”, por ver a súa cara de “pretending understanding”, por escoitar os seus “yes, of course” ó ser interrogado, quizais, ó respecto da reivindicación de independencia feita polo Scottish National Party. Mais todo o que lle preguntaron cinguiuse á manifestación do 18 de Outubro celebrada en Compostela contra a súa política lingüística. Entón foi cando avogou por “educar en el trilingüismo para que los jóvenes gallegos sean capaces de expresarse en gallego, en castellano y en inglés".

Esquece ou pretende esquecer o Sr. Feijóo, Mr Bean nunha tradución libre, que a obriga do goberno galego é garantir o coñecemento das dúas linguas oficiais de Galicia e os dereitos dos cidadáns deste País que desexan vivir en galego (ou en castelán, pero iso xa está máis ca requetegarantido). Esa é a cuestión. E se por riba diso, consegue que os alumnos galegos sexan expertos en electromecánica, en solfeo cibernáutico ou en código Morse, pois estupendo. Que a cousa non é a de “aprender idiomas” senón a de conservar, promover, empregar e dignificar a lingua propia do País. A educación multilingüe soa moi ben pero resulta inaplicable. Por que non galego, castelán, inglés, portugués e chino mandarín? Non resultaría a educación heptalingüe máis proveitosa que a trilingüe? Galegos capaces de comunicarse entre eles en galego, en castelán cos madrileños, en inglés cos de Londres, portugués cos veciños ou en Brasil e en chinés para a globalización. Dominar unha lingua non é cuestión de impartir un par de materias nese idioma. Por propia experiencia, podo afirmar que o proceso resulta longo, laborioso e complicado. Non caben atallos nin simplismos. Un rapaz só pode dominar un idioma cunha intensa dedicación diaria e unha contorna de emprego habitual. Ademais, por se aínda non se decataron, para impartiren materias en inglés, fan falta profesores con dominio total do idioma, ou sexa, nativos. Están propoñendo polo tanto a contratación de milleiros de profesores saxóns para o ensino galego? Item máis, Sr. Feijóo: vostedes, os membros do goberno galego tan preocupados polo ensino en inglés, que nivel posúen desta lingua? Cantos conselleiros son quen de comunicarse con fluidez no idioma de Julian Barnes? Cantos secretarios ou directores xerais? Cantos dirixentes ou alcaldes do Partido Popular de Galicia dominan esa lingua? Se tan importante a consideran, como é que case ningún de vostedes dedicou o seu tempo e enerxía en aprendela? Sorry, Mr Feijóo, but your arguments are fake once again. You should work a bit more on that.


4,67/5 (64 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións