Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manoel Santos

Accións climáticas

10:00 12/12/2009

A ninguén escapa que ao redor da conferencia do cambio climático de Copenhaguen orbitan dous mundos cada día máis afastados, se cadra antitéticos, o dos políticos e o da xente. Os primeiros buscan mecanismos para arrefriar o planeta e á vez seguir engordando os seus PIB, mentres que os segundos tratan de dar alternativas a un sistema económico e social suicida.

Certo é que os dous mundos propoñen accións fronte o cambio climático. Mais os primeiros entenden as ditas accións como partes alícuotas do capital social das sociedades anónimas que xestionarán as novas oportunidades de negocio que supón a quentura planetaria. Pola contra, as accións dos segundos falan de mobilizar, resistir e transformar, como indicaba no primeiro día da conferencia Nnimmo Bassey, de Environmental Rights Action de Nixeria, ao ser entrevistado pola sempre rebelde Amy Goodman. “A xente lidera, os políticos falan”, titulou a súa crónica esta última.

O Mercado é o culpábel, non a solución
Os membros do primeiro deses mundos, ou cando menos boa parte deles –que non só compoñen “representantes” públicos, senón tamén numerosos lobbies con ambiciosos intereses nese novo e gorentoso investimento que é o ambiente–, deambulan polo centro de conferencias de Copenhaguen como se estiveran nunha “feira de solucións”, denunciaba a brasileira Miriam Nobre, do secretariado internacional da Marcha Mundial das Mulleres, que está a participar no Klimafórum, o cumio da xente que se desenvolve paralelamente á Cop-15 de Nacións Unidas. “É coma se a xente seguise evitando discutir o que, de feito, é necesario facer”, conclúe Miriam logo de expor que a única solución realista é a que o mundo dos cidadáns e cidadás do planeta expón unanimemente: hai que camiñar cara un cambio profundo do sistema, do modelo, de como organizamos a produción e o consumo. Ao cabo, cómpre decrecer sustentabelmente para non decrecer traumaticamente.

Os remedios dos poderosos enmárcanse nos mesmos parámetros de mercado que levaron o planeta a concentrar entre 385 e 387 partes por millón de dióxido de carbono na atmosfera, cando antes da Revolución Industrial só había 280 ppm. É a consecuencia lóxica da “civilización do fume” si, pero o planeta xa non aguanta máis. Deste xeito, as discusións centrais dos políticos falan de mercados de emisións e créditos de carbono, de mecanismos de desenvolvemento limpo que esnaquizan o ambiente malia que case non emitan gases con efecto invernadoiro –como as grandes hidroeléctricas–, de milleiros de hectáreas de agrocombustíbeis, de canto se paga aos de abaixo para que non contaminen –nin vivan– coma nós, de enerxías renovábeis dominadas por grandes multinacionais expertas en crear burbullas accionariais –por moi verdes que estas sexan– e até de nos meter en perigosas aventuras de ciencia ficción como a xeoinxenería. “Entre as propostas de xeoinxenería está a de imitar erupcións volcánicas lanzando millóns de globos con compostos xofrados para tapar os raios do sol; ou a fertilización oceánica botando ao mar nanopartículas de ferro ou urea, para provocar florecementos súbitos e masivos de plancto, que teoricamente absorberían dióxido de carbono e levaríano ao fondo do mar. Moitas empresas ven nestas tolerías un grande negocio”, afirma Silvia Ribeiro, do Grupo ETC en México.

Xustiza climática
Os remedios do altermundo pasan, entre outras cousas, por cambiar un modelo de sociedade fosildependente, egoísta e consumista que nos levou a superar a biocapacidade da única Terra que temos. Pasan pola soberanía alimentaria e enerxética, polo decrecemento, polo bo vivir, pola agroecoloxía, pola democracia radical… Mais tamén por obrigar aos países industrializados a pagar a “débeda climática” que teñen cos países en desenvolvemento. Naomi Klein explica moi ben este último punto que de seguro será un dos principais obxectivos dos movementos sociais planetarios nos vindeiros anos: “Os países desenvolvidos, que representan menos do 20 por cento da poboación mundial, emitiron case o 75 por cento de todos os gases causantes do efecto invernadoiro que hoxe desestabiliza o clima (Estados Unidos, que comprende apenas un 5 por cento da poboación mundial, contribúe por si só co 25 por cento do total de emisións de carbono). E a razón indica que aínda que países en vías de desenvolvemento como China e India tamén comezaron a emitir grandes cantidades de dióxido de carbono, non son igualmente responsábeis do custo da limpeza, porque contribuíron só cunha pequena parte dos 200 anos de contaminación acumulada que provocaron a crise”.

Velaí a principal explicación dese novo concepto que xa manexan todos os movementos sociais do mundo, Xustiza Climática, pois é evidente que as poboacións máis vulnerábeis e que máis están a sufrir o quecemento do orbe non foron as causantes da desfeita.

Milleiros de activistas de todo o mundo están a chegar a Copenhaguen estes días para reclamar esa xustiza climática, de xeito que o parlamento dinamarqués até modificou a lexislación a finais de novembro para permitir a represión policial do que temen sexa unha nova revolta, como aquela que hai xusto 10 anos paralizara a xuntanza da OMC en Seattle e da que agromaron os movementos antiglobalización.

Amais dos centos de actividades que teñen lugar no Klimafórum de Copenhaguen, o día 12 de decembro a sociedade civil mundial está convocada a se manifestar nun Día de Acción Global contra o Cambio Climático. Haberá actos até en 107 países do mundo –na Galiza convocou a Rede Anticapitalista (Ra!). Mais o “día grande” pode ser o vindeiro 16, pois os movementos anunciaron que tratarán de tomar pacificamente a área da Cop-15 para interromper as sesións e tomar a voz por un día. O lema: “Reclama o Poder! Pola Xustiza Climática”. Un outro mundo é posíbel.

4.45/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manoel Santos

Biólogo, escritor e produtor editorial. Militante altermundista. Colabora co xornal Galicia Hoxe en temas altermundistas e medioambientais. Director do suplemento horizontal mensual Altermundo, tamén en Galicia Hoxe. Tamén é responsábel de altermundo.org e colaborador do Igadi. »



Anteriores...