Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Denís Fernández

De Ribadumia a Montero Ríos (s/n)

13:31 19/01/2010

Vén de anunciarse unha moción de censura no Porriño que permitirá á dereita local recompoñer a súa unidade e destituír o alcalde nacionalista Raúl Francés. Con esta, son tres as mocións de censura na área de Vigo nas que o Partido Popular ten derrubado gobernos progresistas: Mos, Gondomar e o propio Porriño. Tres operacións políticas en concellos de especial interese para promotores e especuladores do solo. Tres actuacións respaldadas de xeito aberto ou disimulado pola Deputación de Pontevedra e polo seu presidente e líder do PP provincial, Rafael Louzán.

Mentres o foco da opinión pública e publicada se sitúa na loita no seo do PP de Ourense, o señor Louzán ten amosado unha excelente habilidade para acumular poder e manter un perfil máis baixo ante o escrutinio da opinión pública que José Luís Baltar. Quizais porque para os prexuízos da maioría dos galegos, incluso os máis interesados na política, sexa especialmente atractivo o relato dun “último cacique” que resiste heroicamente nas atrasadas comarcas de Ourense os embates do sector do birrete. Porén, a estrutura que se artella en torno ao edificio situado na Alameda pontevedresa e que actúa nas dinámicas e modernas Rías Baixas ten moito que ver coa de Baltar e familia.

O actual presidente da Deputación, nado en Ribadumia en 1967, ocupou o seu primeiro cargo importante no 2000, a presidencia provincial do partido, na que substituíu a Xosé Cuíña. Posteriormente, no 2003 accedería á presidencia da Deputación. Nas eleccións internas do PP do 2005 para substituír a Manuel Fraga, apoiaría a Feijóo e distanciaríase do seu antecesor. A Deputación provincial funciona en moitos casos como contrapoder aos concellos de Vigo e especialmente Pontevedra, gobernados por nacionalistas e socialistas. A sección de CCOO da cidade, presidida por un funcionario provincial –García Pedrosa-, realizou duras campañas de acoso contra o goberno progresista liderado polo BNG. Tres afiliados desta organización remataron no xulgado tras teren interrompido de xeito violento un pleno municipal.

Representantes de PSOE e BNG en Silleda, Mos e Gondomar teñen denunciando reiteradamente a intervención do Pazo provincial de Montero Ríos nas mocións de censura que lle devolveron o poder ao PP nos mesmos concellos. Mocións, que salvo no caso do Porriño, implicaron a intervención de tránsfugas, e que no caso de Mos incluíu a presenza de seguridade privada no salón de plenos para intimidar os e as cidadáns que protestaban.

Mais é na comarca do Salnés, auténtico feudo “popular” onde máis inflúe o poder de Louzán. El País denunciaba hai dous anos e medio como 40 veciños de Ribadumia foron contratados para traballar na institución provincial, así como numerosos familiares dos alcaldes populares da comarca. Este colectivo forma ademais unha numerosa claque que acude disciplinadamente aos actos do partido. Porén, resulta practicamente imposible ler informacións críticas coa deputación no Diario de Pontevedra, Faro de Vigo ou nas edicións locais de La Voz de Galicia.

Foi precisamente en Ribadumia onde Louzán comezou a súa carreira política como funcionario do concello, formando parte despois da lista municipal do PP. Naquel momento, o alcalde era José Ramón Barral, Nené,  detido o ano 2001 por contrabando de tabaco. Cabe sinalar que Louzán e Nené  Baral aparecen no rexistro mercantil como socios en varias empresas.

4.72/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Denís Fernández Méndez naceu en Sanxenxo en 1981. É licenciado en Xornalismo pola USC e prepara na actualidade a súa tese de doutoramento sobre o Diario de Galicia. »



Anteriores...