Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Anxo Louzao

Pacto pola educación, así non

17:30 02/03/2010

O Ministro de Educación vén de presentar a segunda proposta para un Pacto para a educación. Á luz do recollido no texto, podemos afirmar que camiña en dirección contraria, tanto polas medidas propostas como pola ausencia doutras. Para a CIG-Ensino calquera pacto educativo beneficioso para reforzar a calidade do ensino na Galiza terá que fundamentarse no recoñecemento e asunción da pluralidade nacional, cultural e lingüística do Estado Español; asumir a defensa inequívoca do ensino público, garantindo o acceso á educación, en igualdade de oportunidades, ao conxunto dos cidadáns e cidadás na rede pública; reducir a tendencia á mercantilización e privatización da educación, aceptar as demandas que máis preocupan ao profesorado e non escamotear nin medios nin recursos para reducir o fracaso escolar e o abandono prematuro do sistema escolar. Por iso, vemos difícil un acordo que nos inclúa a todos, dado a grande diverxencia que hai á hora de buscar os remedios ás deficiencias e carencias da educación e debido a modelos educativos antagónicos, imposíbeis de encaixar nun pacto. Cuestión diferente son acordos puntuais sobre cuestións concretas.

Esta proposta de Pacto reforza o bipartidismo de tal maneira que, se non hai acordo entre o PSOE e o PP, sería inviábel, no futuro, calquera mudanza no ámbito do ensino, pois precisarase unha maioría parlamentaria de 2/3 que, como é sabido, só se pode alcanzar entre eses dous partidos. Subxace aquí a pretensión de marxinar o resto das forzas parlamentarias, renunciando así a conformar maiorías nas Cortes do Estado para lexislar a favor de reforzar o ensino público e trasladar maiores competencias ás diferentes administracións educativas.

Procúrase recentralizar e uniformizar, aínda máis, o actual marco educativo, obsesión permanente do PP, da que tamén participa o PSOE. Non é posíbel ningún acordo que nos inclúa a todos para un "marco común educativo" que non estea inserido na realidade de cada nación, que non poña en valor a cultura e lingua dos diferentes territorios e que non estabeleza, fixe e promova como lingua vehicular do ensino a propia de cada territorio para que, ao remate da escolarización, o alumnado teña plena competencia na mesma. Negar a configuración plurinacional e plurilingüística do Estado supón non considerar as diferentes linguas e situacións sociolingüísticas, desiguais investimentos educativos e carencias educativas específicas de cada territorio. No seu afán centralizador, reserváselle á Administración Central a potestade de avaliar o sistema educativo a través do Instituto de Avaliación, co obxectivo de uniformizar o ensino en todo o Estado, sen ter en conta as nacións con lingua propia e as realidades culturais e sociais diferentes que o ensino ten que observar. A súa centralización impedirá, por exemplo, avaliar a consecución de obxectivos e competencias relacionadas coa galeguización dos currículos e a competencia no propio idioma.

Estamos ante unha proposta de Pacto educativo coa que se dá un paso máis para mercantilizar a educación, ao asumir, as administracións educativas, dotar os centros privados concertados dos mesmos recursos, profesorado e medios cos públicos, co diñeiro de todos, mentres o ensino público continúa sen ter atendidas moitas das súas necesidades e carece de recursos e de profesorado suficiente en moitos centros de ensino. Búscase homologar o ensino privado concertado co ensino público, baixo a falacia de favorecer a "elección de centro". Con esta proposta de libre mercado para a educación, ponse en tea de xuízo a potestade das administracións educativas de ordenar e planificar a educación e veremos como se amplían os concertos educativos en todas as etapas en detrimento do ensino público, aínda que teñan como fin o lucro e "idearios de centro" retrógrados -que chegan a segregar o alumnado por razón de sexo- para controlar ideoloxicamente o ensino e transmitir valores reaccionarios. E todo isto subvencionado ao 100% con diñeiro público.

Observamos con preocupación as consecuencias que comportará a nova figura de "contratos-programas" entre a administración e os centros educativos, xa que a dotación e os orzamentos dos centros estarán en función do rendemento escolar do alumnado. Toda avaliación dos centros que estea fundamentada nos resultados académicos do alumnado é totalmente inxusta. Socialmente sería inaceptábel pretender consolidar diferentes categorías de centros educativos, creando unha elite, que contaría con máis recursos e medios, segundo o éxito escolar do alumnado, sen contemplar os condicionantes socias, culturais e individuais do alumnado que, sen lugar a dubidas, inflúen no rendemento escolar.

Tampouco se reducirá o fracaso escolar coa proposta de que, a partir de 3º da ESO, o alumnado elixa entre dúas opcións, unha orientada cara ao bacharelato e outra cara á formación profesional, co perigo de converterse, na práctica, en itinerarios diferentes, segundo as capacidades e actitudes do alumnado e non atendendo os seus intereses ou orientación académica futura. Con esta proposta córrense dous riscos: desvalorizar a formación profesional e optar pola medida máis cómoda para atallar, mais non solucionar, o fracaso escolar. A escolarización obrigatoria ten tamén unha función de cohesión social e non pode reforzar, aínda máis, a falta de igualdade de oportunidades do alumnado, derivada da clase social da que se procede. Non é de recibo que se pretenda presentar esta proposta como a panacea para reducir a alta taxa de abandono prematuro do sistema educativo e do fracaso escolar, socialmente inadmisíbel, cando non se fixan nin propostas nin medidas concretas, nin vemos saídas que poñan remedio a estas porcentaxes. O Ministerio parece máis preocupado en rebaixar unicamente as estatísticas -aínda que sexa estabelecendo vías diferentes para acceder ás titulacións académicas e clasificando o alumnado anticipadamente para que oriente o seu futuro académico cara ao bacharelato ou á formación profesional- que en facilitar e posibilitar que todo o alumnado adquira unha formación completa e integral. A atención á diversidade, aos recursos, programas e atención especial ao alumnado con maiores dificultades de aprendizaxe ten que prestarse desde a educación infantil e non agardar á ESO, cando, moitas veces, as solucións chegan demasiado tarde. A equidade educativa lógrase con medidas preventivas e non paliativas para acadar mellores resultados, tanto educativos como escolares.
 
Bótanse en falta propostas fundamentais para a mellora da calidade do ensino como a redución das rateos máximas, estabelecidas hai xa preto de 20 anos coa LOXSE. A atención á diversidade do alumnado, a loita e prevención contra o fracaso escolar ten que vir acompañada de suficientes docentes nos centros educativos para garantir un ensino máis personalizado, facilitar os reforzos e apoios educativos e os desdobres, cubrir as necesidades educativas especiais, dotar todos os centros de profesorado de PT e AL, contar cos apoios educativos para a educación compensatoria, dotar os centros doutros profesionais como educadores/as e mediadores/as sociais; potenciar a titoría e reforzar a orientación escolar coa xeneralización dos departamentos de Orientación en todos os centros.

Hai dous cursos, a implantación do novo currículo de bacharelato foi motivo dun conflito importante porque as materias de filosofía e historia perderon unha hora lectiva a favor da materia de relixión. Isto non tería acontecido se a relixión non conformara o currículo escolar. Porén, a procura da laicidade non aparece neste pacto, cando as crenzas relixiosas corresponden, unicamente, ao ámbito persoal e privado e debe manterse á marxe dos centros docentes.
 
Calquera pacto sobre a educación ten que comportar maior financiamento do ensino público, moito máis, se temos en conta as carencias acumuladas durante anos e a débeda histórica con Galiza, desde a época das transferencias en materia educativa. A estas alturas, se non se incrementa a inversión na educación pública, non hai avance posíbel na calidade da educación, nin son factíbeis medidas eficaces para facer fronte aos retos e necesidades educativas. Por iso, non son aceptábeis acordos se non se garante o financiamento suficiente para o ensino público. É necesario, como mínimo, dedicar o 7% do PIB á educación, máxime cando, nun contexto de crise, o lóxico e normal sería dotar o ensino de máis recursos como o mellor antídoto, por tratarse do investimento social máis rendíbel desde todos os puntos de vista.

Non imos abordar agora, será materia para outro momento, as proposicións estratificadoras e a carencia, máis unha vez, de propostas que valoren e recoñezan o traballo docente. Destacar, en todo caso, a ausencia dun tema que, neste momento, é de máxima preocupación e demanda do conxunto do profesorado: conseguir o dereito, que vimos gozando, desde hai 20 anos, a podérmonos xubilar anticipadamente, con carácter indefinido, fulcral para, entre outras cuestións, crear emprego e incorporar novo profesorado ao sistema educativo.

Finalmente, consideramos máis que preocupante que o Conselleiro de Educación se limite a actuar ante o Ministerio de Educación, exclusivamente como militante do PP, trasladando só as propostas emanadas organicamente dese partido, que inciden nunha maior privatización, centralización e menosprezo para o noso idioma como lingua vehicular do ensino, e se desentenda da súa responsabilidade que non é outra que a de buscar mellorar a calidade do sistema educativo galego.
 

4.77/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Anxo Louzao naceu na parroquia de Calvos (Touro). Cursou estudos de Maxisterio, logo licenciouse en Historia e acabou de profesor de Lingua e Literatura Galega. Mais a súa militancia sindical empeza ben cedo, en 1978 afíliase á Unión de Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG). No seu momento participou activamente no nacemento da CIG-Ensino, da que é secretario nacional dende 2001. »



Anteriores...