Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel Suárez

As singraduras dos emigrantes

13:15 04/03/2010

Non sei se ando desnortado. Penso que non aínda que nestes tempos de crise disque é necesario posuír un GPS. Supoño que será de utilidade para aqueles que saben cal é o destino. No meu caso, cando o necesitei non o tiven. Fixen unha longa viaxe de neno emigrante sen saber onde estaba un lugar que lle chamaban Montevideo. Naqueles tempos a miña orientación non era visual senón máis ben sonora. Se escoitaba unha gaita pola radio era da miña aldea de Tines [Vimianzo] e se oía que petaban nun tamboril pois estaba en terras uruguaias.

Son da idea de que as singraduras dun emigrante non teñen unha cartografía que as poida acoutar xa que son sentimentais e ademais circulares. Se houbo unha viaxe de ida haberá unha de volta. O retorno pecha a singradura e sempre é real. Sexa que esteamos no montevideano “Cementerio del Norte” ou no panteón familiar da aldea parroquial a unidade espiritual non a move o vento nin a frean as fronteiras. A emigración remata cando nós queiramos. Somos os que o decidimos sen que para iso haxa que mover un pé.

A historia recolle cifras e estatísticas. Xa sabemos que foi negativo para Galicia que máis dun millón dos seus fillos e fillas buscasen abeiro lonxe da boa auga fresca do manancial aldeán. Pero se somos obxectivos recoñeceremos que non todo foi escuro xa que desa eiva colectiva saímos reforzados. Estou a falar da vacinación masiva que recibimos fóra da fermosa leira galega. O noso ADN fíxose inmune ás moi comúns enfermidades da avaricia, envexa e orgullo. Cada alma emigrante galega viaxaba ateigada de riqueza interior e por tanto afastada de cativos intereses.

Sendo posuídores dunha traxectoria de nobreza polos vieiros do mundo cústame entender que no Parlamento de Galicia non haxa unanimidade dos parlamentarios en empurrar por homenaxes e agradecementos aos heroes da diáspora. Non hai lugar para repartos tripartitos dos votos xa que o esforzo emigrante coido que non ten ningunha cor. A min dóeme que sexamos desagradecidos porque os nosos gobernantes perciben o seu salario porque neste país houbo milleiros de persoas que fixeron a súa vida en América e Europa.

Non digo nada orixinal cando afirmo que os nosos emigrantes deberían quedar á marxe das loitas electorais. Hai moitos anos que lle escoitei dicir a don Xesús Canabal Fuentes que a chegada dos partidos políticos ao exterior sería prexudicial para os lexítimos intereses dos emigrantes. Lembro que daquela non estiven de acordo coa inquietude do gran galeguista do Amenal. Eu sostiña que era positivo porque cada partido ía loitar por presentar un mellor programa ---con máis dereitos--- para a diáspora. A realidade, por desgracia, confirmou un anti-ético procedemento no que o único que interesaba era atopar o votiño perdido.

 As leis que saen do Pazo do Hórreo referidas aos nosos irmáns na diáspora deben ser o froito dun amplo consenso. Sei que os tres partidos con representación parlamentaria queren mellorar os servizos para o colectivo emigrante pero quedan ensarillados en detalles que son sempre secundarios. O que ten a maioría é o responsable de presentar iniciativas que se concreten en máis dereitos e máis proximidade.

Hai necesidades que considero urxentes:  a) unha nova lei que substitúa a de recoñecemento da galeguidade que está un pouco obsoleta; b) un lugar de encontro para a memoria [Espazo Emigrante no monte Gaiás]; c) a concreción da unidade dos centros galegos e a creación de confederacións de emigrantes; c) un censo socio-económico que nos dirá quen somos e o que temos; d) unha lei do retorno que regule a volta dos que marcharon. Estamos perdendo anos en pequenos debates [un exemplo é o do voto por correo] sen recoñecer oficial e definitivamente que o movemento migratorio é unha xeira histórica que dignifica a todo un pobo que foi quen de loitar contra todas as tempestades e volver coa dorna ao peirao parroquial.

Recollo unha reflexión de Roberto Arlt que coido vai moi ben para centrar un pouco o quero reflectir nestas liñas. As crónicas da viaxe  [“Aguafuertes españoles”] que o escritor arxentino fixo por Galicia antes da Guerra Civil son estupendas. A seguinte frase de Arlt ten o seu miolo: “La República Argentina es la segunda patria del gallego porque la patria sentimental, la de la morriña, es Galicia”. Aquí está ao meu entender o cerne que non deben esquecer os parlamentarios cando debaten sobre asuntos que afectan aos emigrantes. Por enriba de calquera sigla ou cor partidaria está a patria. Ninguén é máis ou menos patriota por votar ou non votar ou por non vir de volta.

Tampouco é menos galego nin está menos informado aquel cidadán que non participa das actividades sociais e culturais que organizan os centros galegos. A inmensa maioría dos emigrantes non considera que se lles estean a quitar dereitos ao regulamentar que nas municipais só voten os residentes no concello. Como tamén corresponde afirmar que ninguén se opón a que nos orzamentos xerais se destinen partidas específicas para emigrantes en dificultades. A patria é o que nos une máis aló dun papeliño para votar unha, dúas ou tres veces. A patria vai agochadiña no corazón xa que necesita estar pretiño do sangue para latexar en cada día da nosa vida.

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel Suárez

Manuel Suárez Suárez naceu en 1953 en Vimianzo (Terra de Soneira). Con só cinco anos emigrou coa súa nai a Montevideo, onde se licenciou en Dereito. No Uruguai participou activamente na vida asociativa galega e dirixiu a publicación trimestral Guieiro. Tamén publicou o libro "Memorias Riopratenses" (2003). »



Anteriores...