Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Suso Seixo

10 de marzo

16:55 10/03/2010

A CIG celebra neste 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, manifestacións en toda Galiza en defensa do emprego, dos salarios e das pensións. As tres cousas hoxe ameazadas como consecuencia da crise económica e das políticas neoliberais que levan adiante os gobernos.

A crise económica foi provocada polo fomento dunha economía especulativa, ao servizo do capital financeiro, que supuxo a obtención dun enorme lucro para uns poucos a custo da sobreexplotación da clase traballadora e da precarización das súas condicións de traballo.

Pois ben, a pesar das grandes declaracións dos gobernos da necesidade de adoptar medidas para un maior control do sector financeiro, a realidade é que nada deso se fixo e segue sendo a grande banca, o capital financeiro, o que está a dirixir as políticas económicas dos gobernos e a especular nos mercados financeiros cos recursos  coa débeda pública, moita dela provocada polos empréstimos feitos ao sector financeiro polos gobernos.  Nada se está  a facer desde os gobernos por rematar cos paraísos fiscais, por controlar os movementos especulativos de capital, por reformar o sistema fiscal cara a un sistema impositivo progresivo, por un control público dos sectores estratéxicos...

Séguese incidindo nas políticas neoliberais de sempre, de recorte do gasto público e dos salarios, de recorte das pensións públicas e de dificultar o acceso ás mesmas, de facilitar o despedimento, en definitiva, de recorte de dereitos laborais e sociais, de precarización das condicións de traballo, facendo que a crise a paguen os traballadores, ao tempo que se afonda neste modelo de capitalismo neoliberal tan negativo para os intereses da clase  traballadora. 

Desde a CIG, queremos denunciar o papel de colaboradores necesarios que están a xogar CCOO e UGT nesta política do capital tan agresiva contra os intereses da clase traballadora, demostrando unha vez máis a súa complicidade co modelo neoliberal. Só así se pode entender o Pacto Salarial que veñen de asinar para os próximos tres anos, que vai supor na práctica perda de salario para a grande maioría de traballadores e traballadoras, nun momento no que se require precisamente a recuperación do poder de compra dos traballadores e traballadoras para tirar da produtividade das empresas. Foi a caída do poder adquisitivo dos salarios e do seu peso no PIB un dos factores que influíron na actual situación de crise económica.

Por que se estas dúas centrais sindicais se prestan a dar a imaxe de cara á  sociedade de que a saída á crise está na reforma do mercado laboral e na moderación salarial? Por que non se mobilizan para exixir do Goberno políticas estruturais serias de control do sector financeiro, de reforma do sistema fiscal, de control público dos sectores estratéxicos como o enerxético ou o bancario? 

Denunciamos a actitude da Xunta de Galiza, de total pasividade e complicidade con estas políticas e este modelo neoliberal, e a falla de alternativas como goberno galego para afrontar a crise. 

En calquera caso, a nosa obriga é dar o debate, ofrecer alternativas e chamar á mobilización social para parar esta nova agresión aos nosos intereses e exixir outras políticas diferentes, que habelas hainas, para saír da crise. 
 

4.08/5 (12 votos)



É secretario xeral da Confederación Intersindical Galega. »