Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Denís Fernández

Vésperas catalanas

13:10 22/03/2010

O próximo outono, Cataluña celebra as novenas eleccións autonómicas desde a recuperación das institucións de autogoberno. O clima político, a situación económica e mesmo os elementos -a última nevada en concreto, que provocou un importante descontento entre os cidadáns pola mala xestión da Generalitat- semellan favorecer as opcións de CiU, liderada por Artur Mas, que foi quen de aguantar unha longa travesía no deserto. A coalición dos centristas de CDC e os democristiáns de UDC, contra o pronóstico de moitos analistas tras a vitoria de Pasqual Maragall no 2003, semella seguir a representar os intereses da burguesía catalana e de sectores importantes das clases medias. Os estrategas converxentes deberían optar por unha campaña tranquila, moi alonxada do ataque frontal ao tripartito practicado hai catro anos, se queren maximizar as súas posibilidades de vitoria.

O ultimo inquérito do instituto Noxa, publicada por La Vanguardia, medio próximo a CiU e   “intelectual orgánico” da burguesía catalana, favorece as aspiracións de Mas a quen sitúan moi perto da maioría absoluta. Porén, CiU cometería un grave erro se desprezase a capacidade de resistencia das forzas que apoian o govern tripartit formado por PSC, ERC e ICV. Os socialistas cataláns, a pesar do desgaste acumulado e do escaso carisma do seu candidato, José Montilla, seguen a ser a primeira forza en votos en Cataluña en todas as eleccións, salvo nas autonómicas. Lembremos que nas últimas xerais conseguiron o 45% dos votos e 25 escanos de 47 posíbeis. A principal posibilidade de vitoria para este partido reside na posibilidade de mobilizar os votantes que se absteñen nas autonómicas. Este electorado fluctuante atópase entre os emigrantes instalados en Cataluña nos anos 60 e 70, normalmente chegados do sur de España, así como entre os seus fillos, residentes nos barrios populares de Barcelona e no cinto metropolitano. A enquisa do Centre d'Estudis d'Opinió -instituto demoscópico da Generalitat- ofrece moita menos marxe para os converxentes, aínda que tamén os sitúa como a forza con máis escanos.

Pola súa parte, Esquerra Republicana de Catalunya é segundo algunhas enquisas o partido que vai asumir un maior retroceso. Máis alá do dano que puidera sufrir pola escisión de Reagrupament ou polo feito de que algúns dos seus votantes preferiran un pacto en clave nacional con CiU fronte á coalición en clave de esquerdas pola que optou a dirección republicana, semella que este partido sofre -ao igual que o BNG no noso país- a crise de madurez ou “síndrome de Peter Pan” polo que pasan moitas forzas alternativas cando se converten nunha opción seria de goberno. Carod Rovira será substituído por Joan Puigcercós como candidato á presidencia, aínda que o carodista Ernest Benach terá un papel importante no futuro do partido, o que contribuirá a calmar as tensións internas.

ICV semella ter consolidado o seu espazo electoral, e manterá a aposta polo pacto de esquerdas, ao tempo que relevará o seu número 1, Joan Saura, que será reemplazado polo portavoz en Madrid, Joan Herrera. O antigo PSUC realizou unha interesante transformación cara o espazo eco-socialista, que evitou a súa desaparición ou conversión en forza marxinal, como lles sucedeu aos seus ex  camaradas do PCE no resto do Estado.

Así mesmo, o Partido Popular, considerado por boa parte da sociedade catalana como un partido extremista e españolista, terá que compartir o seu espazo político co que o profesor Joan Colomé director do instituto demoscópico catalán, denomina “trostkistas de dereitas”: Ciudadanos por Cataluña, Unión Progreso y Democracia e a escindida  do PP Montserrat Nebrera. As enquisas non prevén que obteñan representación, pero nunhas eleccións tan disputadas coma estas non se poden descartar sorpresas de última hora.

E por último está a candidatura de Joan Laporta, que será con toda seguridade respaldada polo Reagrupament de Joan Carretero (ex conseller de ERC no primeiro tripartito), baixo un programa baseado no “independentismo transversal” que non se posiciona á esquerda nin á dereita. É bastante probable que o actual presidente do Barça obteña algún deputado no Parlament. Iso permitirialle, se os resultados electorais son axustados, xogar algún papel de bisagra na política do principado.

4.21/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Denís Fernández Méndez naceu en Sanxenxo en 1981. É licenciado en Xornalismo pola USC e prepara na actualidade a súa tese de doutoramento sobre o Diario de Galicia. »



Anteriores...