Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vicent Partal

Eu non defenderei a Garzón

09:15 30/03/2010

Agora toca defender a Garzón, din. Parece que uns falanxistas poderían acabar coa súa carreira xudicial, e a progresía hispana fai un chamamento e bourea. Pero eu non me sumarei, nin por solidariedade internacional. Vin demasiado perto como este personaxe permitía a tortura e violaba as regras máis elementais da democracia.

Escoitei relatos estremecedores, feitos de viva voz e de primeira man. Escoiteinos de xente torturada por aplicación da lei antiterrorista que se levantou a camiseta diante súa e de seus compañeiros ou que chorou relatando as atrocidades sufridas, sen máis resposta deste xuíz estelar que a do desprezo. Pero, aínda que non os tivera escoitado en directo, tería abondo con ter lido os relatos públicos das súas vítimas, das que máis confianza me merecen. Falo, poñamos por caso, e chegue cun exemplo, dos detidos do 92, naquela infame razzia olímpica que Europa acabou desautorizando anos despois. En 2004, por escrito, o Tribunal de Estrasburgo, acusou a Garzón de non querer investigar as documentadas denuncias de torturas que foran presentadas. E cunha acusación como esta debería ser suficiente.


É tan só unha falta. Pois non. Cómpre dicir que non é a única falta, pero que, incluso se o fose, xa habería abondo. Falamos de torturas, non dun erro procesal calquera, dunha carencia de documentación. E fai falta dicir coa voz ben alta e clara que non se pode defender a democracia violando os dereitos democráticos. Se hai quen quere esquecer este principio básico, pois que o defendan, no medio da pelexa partidista. Pero a min daríame moita vergonza esquecelo, e por isto, por dignidade democrática, non penso mover un dedo en defensa de Garzón. Xa o farán outros.

4.71/5 (59 votos)



Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do diario electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.

»



Anteriores...