Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Vázquez

E coma Grecia, os demais

13:30 07/05/2010

Leo no New York Times - na máis absoluta incredulidade -  que o Servizo Civil en Grecia representa case  un de cada tres traballos. Pauso. Non dou creto do que leo e regreso ao principio do artigo. E non, non hai dúbida, é o que di: un de cada tres.

De novo pauso, e penso: haberá alguén neste mundo que non vexa o esperpento? Aínda os máis afíns aos barbudos abrazos con cheiro a tabaco caribeño han recoñecer que esta é unha porcentaxe tan irresponsable que desborda tódolos límites da mesmísima obscenidade. Todos sabemos que ningunha sociedade precisa dun de cada tres adultos para coidar dos asuntos públicos; cando for así xa sabemos que estamos perante unha sociedade pouco ou nada viable. Agora tamén sabemos a onde leva tanta  irresponsabilidade. No mesmo xornal leo que que os raigaños do nepotismo e da endogamia en Grecia son tan profundos que entre dúas familias (dúas…) repártense o poder do Estado, que a fraude fiscal é rampante. Que o país está, tamén, en bancarrota moral.

Se Grecia estiver na ruína por subvencionar iniciativas empresariais, cooperativas do agro, da pesca, proxectos industriais innovadores, e, sobre todo, iniciativas empresariais para a mocidade, e despois de todo iso as cousas non foran ben, só nos quedaba dicir “tiñan que intentalo, fixeron o que tiñan que facer”. Pero non, non foi así. Todo o que leo no que concerne á desfeita grega resúltame moi, pero moi familiar. Éme imposible fuxir do paralelo entre Grecia e o noso entrañable Ourense:  Elevemos o modelo baltariano, caciquil, perverso e hedonista, a todo un Estado, e  o demais non é tan difícil de adiviñar.  

No das iniciativas empresariais todos sabemos que non hai garantías - aínda cando estas a nós viñer ancoradas aos máis altos principios cívicos e nutridas polos máis sólidos e veraces argumentos económicos -,  pero se de cada cinto proxectos un prende, un, é unha empresa viable máis que ten o país, unha fonte de emprego riqueza e sabenza, e aínda tamén tres ou catro mozos menos mexando as súas frustracións nas rúas e vomitando as súas amarguras nas alamedas: todos somos un pouco máis cando un do de Nós se reintegra aos vieiros da normalidade. Mais os países non prosperan subvencionando endogamias, nepotismos e egolatrías disparatadas de bicéfalas dinastías agachadas detrás do selo republicano; e aínda moito menos escorregando polas lameiras do hedonismo da mentira e do engano. Un de cada tres non ten –non pode ter- outra explicación. E se alguén lla atopa, mellor que non a  divulgue; non ande o demo no medio e vaiamos emular modelos que levan ao mesmísimo inferno.  Grecia ten que fuxir da cultura das subvencións equivocadas. De non ser así, a miseria é inevitable. E coma Grecia, os demais.

Segundo o devandito xornal, inspectores de Facenda, non conformes con que só 324 residencias da area máis podente de Atenas marcaran o apartado na declaración de impostos onde se admite ter piscina, encargaron tomar fotos por satélite; non lle sorprendeu nada atopar  16.974, e cren que non as contaron todas. A diferenza non é marxinal. Non sei canto contribúe o ter piscina ás arcas do Estado, probablemente moi pouco, se cadra nada, mais no ético e moral os danos son inconmensurables. Continua o artigo falando das mil maneiras diferentes que a sociedade grega emprega para desprezar ao seu propio Estado; ou sexa, a eles mesmos. Abonde con dicir que segundo as autoridades gregas o fraude fiscal cústalle ao país uns 23 mil millóns de euros cada ano. Sendo fidedigna esa información – publicada polo propio goberno de Grecia - como nos poden sorprender as reticencias alemanas a cargarlle aos seus contribuíntes unha responsabilidade que os propios gregos non queren asumir?

Que fácil é o discurso cando o limitamos ás lerias e prédicas que a parroquia quere oír. Tan fácil coma inútil. Tan inútil coma falso. Tan falso coma condescendente.  Tan condescendente coma insidioso e destrutivo. Mais chegado o momento da verdade, alén de tódalas prédicas e falsidades, por máis cualificadas e adornadas, quede claro, cadaquén ha vivir dentro dos seus medios ou afogar na lama das súas propias miserias.  Nós tamén.  Por máis  gritos de solidariedade, os máis deles banais e frívolos, velaí a realidade, sempre firme e ineludible.  Grecia non escapa – nin debe - desta sen mirarse moi  detalladamente no espello das súas propias ineficiencias. Velaí tamén a oportunidade de que a forza dos feitos e a crúa realidade, por fin, finen coas  frivolidades, para así permitir que os alicerces  do futuro senten na dignidade. Mais como a cadaquén lle arden as súas feridas, a min o que máis me sabañoa é pensar que o noso día poida estar a piques de chegar: a un  20% do de Nós xa non lle han baixen o soldo, nin un céntimo; non  teñen soldo que lle baixar.

Uns buscan solucións, outros escusas; uns valentía e solidariedade, outros engano na contabilidade. Infundamos na cidadanía un claro sentido dos dereitos e deberes do contribuínte: o deber de declarar con honradez – o privilexio de contribuír -; o dereito a reclamar o uso correcto, veraz e austero de cada euro contribuído.  E infundamos tamén na cidadanía un claro sentido de solidariedade  e da responsabilidade; un todos estamos a bordo do mesmo barco. Fuxamos do discurso simplista, insultante e irresponsable, porque se o barco afunde os que afogamos somos nós.

3.32/5 (31 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xoán G. Vázquez Sanlés nado na parroquia de Xuño, en Porto do Son (1957). É licenciado en Informática na Kean University e traballa para o Estado de New Jersey (EUA). »



Anteriores...