Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Non me sexa trécole!

10:45 17/05/2010

Dinlle así polo Brollón a aqueles que lle dan ao pico sen saber do asunto. Adoita pasar. Nun debate cómpre non caer en erros que o contrario poida obxectivamente demostrar como tales ou dicir paifocadas que movan ás gargalladas e rematen por ridiculizar a exposición.

José Luís Martín Galindo acaba de publicar un folleto, “La estrategia del nacionalismo gallego en el Val de Xálima o las acciones para la absorción lingüística y cultural de Eljas, Valverde y San Martín de Trevejo” con foto incluída de Bieito Lobeira e o logo do BNG no fondo. Non fai falla explicar o que pretende demostrar.

Ben podería ter razón nos datos expostos en tal desequilibrante panfleto de 34 páxinas. Bastaba non caer nalgún dos dous enunciados cos que arranca o presente artigo. Incluso podería afondar na cuestión filolóxica do Val das Ellas. Sería xa unha discusión lingüística. Nós non imos entrar nesa regueifa porque neste artigo non se pretende tal.

Lemos o folleto e escoitamos a Martín Galindo no programa “Voz de mi tierra. Rincón extremeño” en Radio Unión.  A súa tese acáelle á Repanocha.

Entre algunha das malogradas afirmacións atopamos a acusación a Domingo Frades (seguramente o máis importante estudoso nativo que comezou os seus traballos lingüísticos nos anos 70) de venderse á Academia Galega aceptando o cargo de académico correspondente. Seica foi un premio “por los servicios prestados al galleguismo expansionista” (p.12). Todos sabemos que a Academia paga un bo salario aos seus membros ou que os convida a chiquitas (como insinuou o impotente presentador do mono-debate e colaborador da folla parroquial de Compostela), cousas que lle acaen mellor aos directivos desoutra academia que “fija, limpia y da esplendor”, que parece un anuncio de Disiclin pero non o é.

Outra argumentación do señor Galindo, quen non naceu nin viviu no Val das Ellas a diferenza de Domingo Frades, son as mariscadas que seica o nacionalismo galego convida. Non achega ningunha proba. Supoño que xantar uns cangrexos ou unhas gambas en calquera zona do Estado español é un intento de invasión dos galegos. Como todos sabemos que xantar arroz é ser prochinés ou maoísta. Pero ten bos motivos para anoxarse: por que carallo o nacionalismo galego non convida aos que vivimos aquí, recoiro? Pero ben polo nacionalismo que canto menos convida a marisco e non a bocatas de mortadela e queixo como fai a dereita.

Levaron gaiteiros, di Galindo. Meu deus! Gaiteiros armados coas súas gaitas botando aturuxos polas rúas das vilas! Aturuxos! A non ser que fosen os gaiteiros de “Novedades Carminha” non lle miro semellante medo. E carallo, se tocasen o birimbau entón serían xa uns nacionalistas radicais. Acabarán por prohibir as gaitas porque se relacionan co galego? Xa lle prestaría á patética de Gloria Lago!

Mais a última quincalla que espetou é espantosa: o recoñecemento da fala do Val das Ellas por parte da Carta Europea das linguas minoritarias ou rexionais faría máis un favor aos nacionalistas galegos que aos propios falantes. Pedra solta non ten volta, amigo. Vaites co despropósito!

Do pitoño que é o señor Galindo acaba por criticar que a Junta de Extremadura cofinancie con organismos galegos xornadas, simposios ou congresos de debate sobre a fala do Val das Ellas. A quen non lle gusta debater é que algo ten que perder.

A ver se vai resultar que Feijoo, Corina ou Vázquez están financiando os traballos de Galindo.

 Ande e non me sexa trécole!

4.83/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...