Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

O que importan as cousas: a reacción ideolóxico-política.

10:55 09/07/2007

Tan importante é que vexan a TVG no Eo-Navia? De primeiras, non. O problema é o que se agocha detrás da decisión, tomada lonxe do Eo-Navia, de que non é bo para os eonaviegos ver unha televisión que non sexa feita en Asturies. Cada vez que a terra de entrambasaugas se reafirma na súa asturianidade dicindo que non a calquera cousa que lembre a Galiza no fondo estase a entregar nas mans dunha planificación económica moi centrada no triángulo Avilés-Uviéu-Xixón que aínda non é quen de encaixar do todo a peculiaridade socioeconómica (non só sociolingüística) do Eo-Navia.

Moita xente de Tapia, A Veiga, A Caridá, etc. recoñecíache que os xornais asturianos tiñan deixado da man de Deus á comarca eonaviega. “Se non fora pola Voz...!” Tamén gozaba de moitos programas da TVG ou da Radio Galega nos que, por moito que empregaran un galego normativo, éralles máis acaído que a imaxe que deles daban en Uviéu. Xa se sabe: “De Luarca para allá...” Fronte a iso, escoitar referencias en programas da televisión ou radio galegas aos irmáns e amigos asturianos de Castropol, El Franco, Navia, etc. resultaba máis agradábel. Por moi asturianos que se sentiran. Como é normal, os medios de comunicación do Principado, e diferentes sectores da cultura e política asturianos, reaccionaron. Nada que dicir. Ora ben: como o fixeron? Na estratexia adoptada confluíron varios vectores: ideolóxicos, políticos, económicos, lingüísticos e culturais.

Xa noutras ocasións temos comentado que en Asturies, as teses nacionalistas non tiveron moi boa acollida. Os partidos estatais con implantación en terras asturianas son de corte claramente xacobino: algunhas referencias á unidade da patria (da grande, claro) son dignas do máis puro e rancio centralismo, por moito que en ocasións se mesture con vangardas obreiras internacionalistas ou no seu caso con burguesías potentes que non se poden pechar na “aldea”. En clave asturianista, unha visión unitaria e homoxénea do que debe ser Asturies tamén choca de fronte coa asunción da especificidade eonaviega. A única vía que atopa o nacionalismo asturiano é a da asimilación pura e dura. Un novo covadonguismo agroma cada vez con máis forza (polo menos mediática): o “Asturias es España, y lo demás tierra conquistada” é agora sustituído por “Asturies ye el centru, y lo demás tierra que asimilar.

Nun plano estrictamente político-partidario a dialéctica Asturies-Galiza reflicte uns posicionamentos instrumentais dos que cada quen se serve segundo o rol que desempeña na vida política asturiana. Así, mentres o PSOE estaba no goberno en Uviéu e o PP en Compostela, os populares asturianos pedían contas ao goberno autónomo a respecto dos intentos colonizadores da TVG e do nacionalismo radical galego. Como era de agardar, e sen ningún ánimo de buscar solucións ao problema de fondo, o PSOE botaba en cara ao PP que eles gobernaban en Santiago, que por que non lle pedían explicacións ao Sr. Fraga. [Amentar a este señor en moitas zonas de Asturies era como mencionar a bicha , sobre todo para aqueles e aquelas que fixeran prácticas de atletismo polas rúas carballonas, xixonesas, avilesinas, das cuncas mineiras..., diante duns homes de gris.] A escusa era perfecta. Para os dous. Pero ningún deles encaraba o problema de fondo. Tan só azurraban ás súas respectivas bancadas. Cando o PP acadou a presidencia do goberno asturiano tan só mudaron os papeis xogados por uns e outros.

Salto cualitativo
O salto cualitativo produciuse cando o nacionalismo galego accedeu ao goberno en Compostela. Ao longo dos anos 90 foise observando con preocupación (e certa envexa, tanto positiva como da outra) o ascenso do nacionalismo galego. Con todo, o paraugas Fraga aportaba moita tranquilidade. Certos persoeiros foron mudando a súa percepción do Fraga ex-ministro franquista á do Don Manuel excelente xestor e magnífico dique de contención do perigoso nacionalismo veciño. Pois ben: coincidindo, como nunca se dera, o mesmo partido en Compostela e en Uviéu (non é digno de mención o tripartito de Laxe pola súa brevidade) o partido opositor tiña todo ao seu favor para sacar o maior proveito posíbel: o PP. Nunca tal cousa se vira. Nun primeiro momento, o PSOE entraba ao trapo a todas as denuncias de inxerencia galega. Pouco a pouco foise decatando de que esa era unha vía suicida. Mais aínda seguen coa teima do nacionalismo radical de extrema esquerda. Como se non compartiran responsabilidade de goberno cos seus compañeiros de partido en Santiago.

Todo bo mariñeiro sabe que o vento é moi traidor, que o que hoxe empurra ao teu favor, mañá pode puxar na túa contra. Ben traballo costa saber en Asturies que os señores Feijoo e Quintana se entrevistan, dialogan, tentan negociar (tamén o Estatuto, aquel co que, segundo dicían, o BNG quería anexionar non sei que terras!). Que opinarán algúns da oferta do presidente dos populares galegos ao BNG para acordos puntuais que permitan gobernar á forza máis votada? O sistema tripartito de partidos en Galiza está a estabilizarse cada vez mais. E cada vez vese menos lonxe o trato entre iguais no mesmo. Serán quen de comprendelo na comunidade veciña? Poderán o PP e o PSOE galegos facérllelo comprender aos seus compañeiros asturianos? E iso non empece ren o dereito lexítimo de ditos partidos a discrepar do BNG na súa concepción da lingua e da cultura. Pero tamén se trata de defender condicións de igualdade para as empresas galegas. Por que non van poder facer elas o que si fan outras no mesmo contorno socio-económico? Non podemos seguir consentido anatemas antigalegos coa escusa de que só van dirixidos contra “esos”.

3.89/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...