Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vicent Partal

Crise e españolismo

10:35 25/05/2010

Este domingo o diario El Mundo saía á rúa cunha portada insólita na que afirmaba que pechando as catorce televisións autonómicas se aforraría tanto como conxelando as pensións. Dicía que perden 15 mi millóns ao ano e que lle deben á banca 1.600, 'malia as subvencións'. Tamén avaliaba que teñen 10.200 'funcionarios'. As comiñas de subvención e de funcionarios eran, por certo, unha lección de puntuación ideolóxica digna de mellor causa.

O debate sobre o custo das televisións públicas é un debate lexítimo, claro está. Pero o diario nacionalista español terxivérsao de dous xeitos: en primeiro lugar porque non se pode falar do custo da televisión pública; de feito, non se fala do custo de ningún servizo público sen falar tamén da utilidade que ten. As empresas públicas xustifícanse sobre todo por unha utilidade máis aló do mercado, como unha necesidade social.

Pero, en segundo lugar, El Mundo fai unha trampa colosal, consistente en agochar atrás do ataque ás tv autonómicas o ataque verdadeiro, que é o ataque á autonomía mesma. Cando fala de desbalde, a lóxica do argumento conduce a dicir que o estado unitario sería máis eficaz, cousa que non cren xa nin os franceses, o cal responde máis ben a unha mentalidade franquista.

El Mundo podía ter contado canto nos custa TVE, ou Hispavision, ou manter Aena, ou aturar o Hispasat, ou pagar os contratos do Estado con algunhas multinacionais españolas, ruinosos pero que se manteñen para axudar a España a ter multinacionais. Non o fai, claro está, porque a medida do escándalo é 'rojigualda', pura ideoloxía.

E iso non fixo máis que comezar. O nacionalismo español non só non quere seguir a vía federal, senón que xa saca as espadas contra a autonomía ou o Constitucional. A regresión aló é un feito, un sinal máis de que o proxecto da transición se acaba e que de que remata en fracaso.

4.76/5 (17 votos)



Vicent Partal (Bétera, 1960). Fundador e director do diario electrónico VilaWeb, creado en 1995. VilaWeb conseguiu converterse nun medio dixital de referencia e líder de audiencia en lingua catalá.

»



Anteriores...