Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Natalia Alonso

Cara de gata

16:39 15/06/2010

A fotografía do dilema foi tomada a noite de Halloween, o noso tradicional día dos defuntos convertido agora, como non, en celebración ultracomercial grazas ás virtudes globalizadoras.

Pois alí estabamos as catro amigas, para non ser menos, vestidas de loito rigoroso e con teas arácnidas debuxadas pola face. A idea foi de Soraya quen inmediatamente suxeriu que un intre coma aquel era ben merecedor de pasar á posteridade. Colocámonos no medio do salón co noso disfrace cutregótico e posamos  coas mans alzadas e amosando perigosamente os dentes, coido que por un instante, tentamos converternos nunha sorte de gata ou tigresa enloitada. A noite pasou, rimos moito, pero ao día seguinte, unha de nós tivo a gran idea de facer aínda máis inmortal o momento, colgando a imaxe no Facebook.

Eu creei a miña conta hai xa case un ano e, dende entón, a listaxe de amigos non para de medrar: amigos íntimos, amigos menos íntimos, coñecidos, compañeiros de estudos, compañeiros de traballo... Total, que cada vez que tiña unha nova incorporación, lembrábame da famosa foto. Calquera que me coñeza minimamente saberá que son unha moza tirando a discreta, que prefiro pasar desapercibida, así que quen leve tempo sen saber de min, pode quedar un chisco abraiado coa imaxe. Ao principio, pensei en borrala pero acabei concluíndo que esta unha idea absurda.

O Fecebook pode ser unha útil ferramenta de comunicación, non só a nivel persoal, senón tamén empresarial. Pero trae implícitos algúns perigos. No Facebook, non existen as persoas, existen aquelas facetas dun mesmo que deliberadamente foron seleccionadas para ser exhibidas. No Facebook, residen moléculas de corpos, sombras exiguas e, ás veces, demasiado maquilladas. Eu decido se quero salientar a miña esfera profesional, as miñas noites de troula ou os filmes que máis me gustan. O Facebook é o espazo da impostura. Tamén, unha fonte de prexuízos. O perigo reside en confundir o escenario virtual coa realidade. Eu non saio todas as noites, tampouco adoito vestir de gótica malia que me gusta moito a estética gótica e, dende logo, non vou rabuñando á xente pola rúa. Con todo, ás veces, escapo do meu propio papel e convértome noutra. Si, ás veces, poño cara de gata... Pasa algo?

3.67/5 (54 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Natalia Alonso Ramos (Foz, 1983). Licenciada en Xornalismo. Logo de traballar en diferentes medios de comunicación privados do país, na actualidade está a rematar a súa tese de doutoramento na USC, onde tamén ten praza como investigadora. »



Anteriores...