Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

A reacción socio-económica

09:00 27/07/2007

Sempre foi un tópico mirar cara a Galiza e ver tan só vacas, carros que cantan a coro, corredoiras e vellas estradas. Quen estivemos a traballar ao longo dos anos 90 en Asturies puidemos comprobar como pouco a pouco esa imaxe foi mudando. E isto tanto en sectores conservadores (que miraban con envexa san cara ao poderío popular) como progresistas (que fixaban a súa atención na xestión socialista das grandes cidades).

Ao longo do s.XX Asturies tivo un protagonismo económico e socio-político de primeira magnitude. Mentres, na Galiza corrían os ríos, as fontes e os regatos pequenos e ata algún aprendiz de minerva quería facer filosofía ao son da gaita. Porén, un manto adormentador foi aletargando o dinamismo socio-político asturiano. O económico non tiña moito que espertar: sempre se viviu moi ben ao carón de papá-Estado.

Pola contra, no noso país andabamos á procura dunha dinámica propia que nos permitira situarnos no escenario político, económico, social e cultural. Pelexaba Inditex, o Dépor e o Celta, Milladoiro e Manolo Rivas, Antón Reixa e Mareas Vivas. Ademais, eramos tan nosos, que nos empeñabamos en facelo todo en galego.

O recurso á lingua pasou a converterse nun elemento de primeira magnitude no que, segundo avanzaban os 90, se vía vir como unha fronte económica e cultural. Os primos xa non o eran tanto: había que fitalos de preto. Ata podían recuperar certas simpatías nunha parte do territorio asturiano: o Eo-Navia (polo menos, así o vían algúns).

A reacción socio-económica sintetízase nun forte proteccionismo fronte ao invasor, que en realidade é un competidor eficaz (sen tampouco pasármonos da raia) por razóns conxunturais e de fondo. Por razóns conxunturais derivadas das diferenzas entre un tren de vida industrial, obreiro e urbano de longa tradición e outro que tiña como punto de partida unha actividade industrial e urbana ben localizada, incipiente e cuns niveis de renda e actividade económica claramente inferiores. Por razóns de fondo en canto que o proxecto político, económico e cultural posto en marcha nos anos 30 polo galeguismo e retomado nos 70 polo nacionalismo político e o galeguismo cultural daban unha perspectiva cunhas metas bastante claras (por moi difícil que fora acceder a elas).


Precisamente quen máis padeceu tal diferenza foi a comarca eonaviega: asturiana administrativa e politicamente por definición, no eido socio-ecnomómico arrastraba unha serie de eivas propias dunha sociedade campesiña e rural que, sen embargo, dábase por suposto que debía ser industrial e urbana como o conxunto no que estaba integrada.


Ao longo da primeira década do novo milenio todo movemento galego era mirado con lupa e interpretado en clave anexionista e expansionista. Se lemos El “Efecto Frontera”: Implicaciones para el empresariado del Occidente de Asturias, elaborado pola Cámara de Comercio de Uviéu poderemos constatar un sen fin de queixas acerca do pouco potenciado que está o Occidente asturiano e o moi implantadas e favorecidas que están as empresas galegas, que disque operan con total impunidade no Occidente asturiano. Máis unha vez, a teoría conspiratoria a cerca dos aliados interiores que favorecen a introdución do invasor (neste caso económico) entra subrepticiamente en escena. Os traidores á patria (chica) véndena por intereses alleos, identificados con debilidade fronte ao nacionalismo. ¿Tamén neste tema van os representantes do PPdeG e do PSdeG-PSOE criticar ao BNG por empurrar ás empresas galegas á malvada invasión dos astures co seu discurso hipernacionalista de defensa radical e contumaz de valores decimonónicos?

3.29/5 (14 votos)



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...