Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

A voz do Sahara

09:30 15/08/2007

Un verán máis a voz do Sahara volve petar nas nosas conciencias baixo a forma de berros xoguetóns como os cativos e cativas que brincan estes días polas nosas praias e parques, terrazas e paseos. Non acougan. Son uns fervellasverzas! Para eles todo é novidade. Canto traballo dan! Mais que fermoso ver como van aprendendo. E como che van ensinando algunha que outra palabra na súa lingua. Eses chíos profundos que escoitamos ao convivir con estas nenas e nenos teñen que facer tremer as nosas conciencias, esporealas e lembrarnos máis unha vez a terríbel inxustiza cometida co Sahara.

Ben pouco sabemos desta nación (e Estado) sen territorio se non poñemos algo da nosa parte. Tan só os medios de prensa locais, autonómicos, e moi de cando en vez a mal chamada “prensa nacional”, tratan o tema. Ademais, fundamentalmente enfocándoo desde a vertente humanitaria, esquecendo así o problema político de fondo. Alguén acorda os 2500 km de muros defensivos (máis ben da vergoña) que o monarca e goberno marroquís ordenaron construír? E o Plan de Paz elaborado por Pérez de Cuéllar (secretario xeral da ONU) en 1991? Mellor fixar a nosa atención en Butros Ghali e sobre todo en Frank Ruddy, quen denunciou perante o Congreso dos EE.UU. os humillantes abusos que as forzas de seguridade marroquís levaban a cabo contra os saharauis. Sirva como exemplo arrepiante ter tres días incomunicado nos calabozos a un neno de a penas sete anos só por levar unha bandeira saharaui á escola.

Os acordos de Houston, con James Baker como principal protagonista diplomático, abriron unha porta á esperanza. Porén, a teimosía do monarca e goberno alauís non deixan medrar a luz ao final do túnel. Semella que as cousas se complican, que a solución non é doada. Hai polo medio intereses económicos, políticos e de xeoestratexia moi encontrados.
Desde a nosa humilde posición podemos colaborar con este pobo, orgulloso das súas tradicións, do seu pasado, dos esforzos que levan a cabo por artellar un futuro digno para os seus fillos e fillas, a través do Programa Vacacións en Paz. Son xentes con moitas ganas de aprender de nós sen por iso renunciar ao seu. Son un pobo, a fin de contas, tolerante e de fonda tradición democrática.

4.83/5 (12 votos)



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...