Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Adela Figueroa

Lugo perdeu o tren

17:34 10/09/2007

Este ano celébrase o 125 aniversario da chegada da locomotora a Galiza, feito que Curros Enríquez deixou inmortalizado nos seus famosos versos:
Velaí ven velaí vén avantando..

A ministra Magdalena Álvarez di que non se esquece de Lugo, en entrevista concedida a Ana Rosa Quintana(6/9/2007), mas a realidade semella outra ben diferente. Se comprobamos os trazados para as liñas de velocidade alta (non de alta velocidade, sic), Lugo non aparece en ningures.
Cómaros e corgos...

Mas non se trata de reinvidicar unha liña que pode ser de moi discutida efectividade para o desenvolvemento da Galiza e de grande impacto ambiental. O que marca as diferencias entre Lugo e as outras cidades de Galiza é o abandono (consciente ou non...) da sua comunicación por tren tradicional. É escandaloso que Lugo non teña liña férrea con Santiago. Esta tería que ser eficaz e rápida. De dupla vía electrificada para reducir o impacto ambiental por emisións de CO2. Desta maneira estariamos comunicados con Vigo e A Coruña. Hoxe hai apenas 2 trens diarios e lentos Lugo-A Coruña, mentres A Coruña-Vigo ten 29.

Unha segunda vía de comunicación coa costa da Mariña, faría de Lugo a porta de Asturias e Cantabria para accederen a Vigo e Portugal.
Parecia unha nosa Señora, unha Nosa Señora de ferro.

Mentres, reclámase outra autoestrada: Lugo- Compostela, seguindo o Camiño de Santiago e pondo en perigo a súa consideración de Patrimonio da Humanidade. A alternativa máis barata sería facer un enlace en Teixeiro ata Lavacolla coa autovía Lugo-A Coruña (47Kms fronte100 Kmts). Os cartos que se aforraran poderían ir para mellorar a estrada vella, con carrís de aceleración e mantemento axeitado, así como para a vía férrea Lugo-Santiago, con paraxens en todas as vilas do camiño.
Detrás dela non veñen nen abades nen cregos/que ven a cultura , a civilización e o porgreso.

O reequilibrio territorial implica comunicación. Rápida, eficaz e barata. Entre nós e cos outros pobos. Lugo debería de tirar vantaxe da súa posición xeográfica: Comunicándonos coa costa, integramos a provincia, e abrimos a porta ao norte e a Franza. Comunicándonos con Monforte, por dupla vía electrificada, achegámonos a Ourense e á Meseta. Santiago poríanos en contacto con Vigo e Portugal. Mas isto require orzamentos (non tanto coma o AVE que, de momento, voa lonxe) e vontade política. Desa que fai país, non da que comercia cos votos cada 4 anos. Ese condicionante é o máis dificil de acadar. Falamos de Desenvolvemento Sustentable e incrementamos a nosa dependencia enerxética do petróleo xunto cas nosas emisions de CO2 a atmósfera, mentras enviamos a nosa electricidade fóra con grandes disipacións polo transporte. Falamos de Plan Estratéxico e esquecemos integrar o noso territorio. Hai que deixar de tirar diñeiro público e a nosa pólvora en salvas.

E ti río dos grandes destinos, que cantas os trunfos ibéricos. O Miño, que percorre Galiza, cantará algún día a recuperación do lugar que lle corresponde a Lugo nos mapas?

3,24/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Adela Figueroa naceu en Lugo. É catedrática de Bioloxía-Xeoloxía no IES Lucus Augusti. Participou na fundación de organizacións como ADEGA ou a AS-PG e é tamén portavoz de Nunca Máis en Lugo. Ten xa unha numerosa obra científica e literaria. Na actualidade é presidenta de ADEGA. »



Anteriores...