Vieiros

Vieiros de meu Perfil


X. Antón L. Dobao

Accidentes laborais

09:21 01/10/2007

Era 1886. Chicago. Primeiro de maio. Unha demanda simple orixinou mobilizacións obreiras masivas: a xornada laboral de 8 horas. O día en tres bloques: 8 horas para o traballo, 8 para o sono e 8 para a alimentación e a reprodución. O obxectivo das mobilizacións era radical.

Os obreiros de Chicago impugnaban de facto o sistema baseado na venda da forza de traballo, o traballo asalariado en si. A potencia subversiva era tan profunda que aquelas mobilizacións terminaron en represión e con líderes obreiros aforcados. A data do Primeiro de Maio quedou ligada na memoria colectiva ao rexeitamento do réxime de explotación. O sacrificio dos chamados Mártires de Chicago non foi de balde. A xornada de 8 horas parece hoxe un dereito indiscutible, case universal. Aparentemente, o proletariado venceu aquela batalla. Mais con todo, é universalmente coñecida a distancia case infinita entre os dereitos laborais teóricos e as condicións reais de traballo. Vivimos a era do traballo asalariado evoluído a fetiche. Non hai xornadas laborais de oito horas; hai xornadas laborais interminables, inhumanas, e condicións de traballo máis que abusivas cabo da moderación salarial. A taxa de ganancia ten que seguir crecendo.

Cando un obreiro morre nun accidente laboral, como ocorreu nas obras do AVE no Carballiño, ninguén quere saber das causas. Pero os accidentes laborais son algo máis que desgrazas inevitables ou efectos non desexados da indolencia suicida dalgúns traballadores. Se cadra son tamén a consecuencia de xornadas laborais de longa duración, de condicións de traballo indecentes, da propia esencia do traballo asalariado e da exclusión radical á que condena a súa ausencia. Quizais os accidentes laborais son simplemente un inevitable residuo, xa calculado, do sistema de produción que lle é propio ao capitalismo contemporáneo. O caso é que hoxe non se pode falar de accidentes sen ter en conta un réxime laboral de explotación que empeora necesariamente as condicións de traballo vixentes en 1886.

Conforme o proletariado foi adquirindo conciencia, focalizou a súa loita contra o traballo asalariado. A inxustiza arrinca na venda da forza de traballo, ou sexa, a entrega absoluta ao Capital da totalidade do tempo vital, da vida ao completo, a cambio dun salario de subsistencia que debe sempre tender á moderación para que a Economía (a dos poderosos) funcione satisfactoriamente. Na presente fase do capitalismo, ao traballador non lle queda máis remedio que vender nun paquete, canda a forza de traballo, a totalidade das súas capacidades humanas, a súa dispoñibilidade vital absoluta. Cando a impugnación do traballo asalariado impregnou todas as loitas obreiras, o Capital procedeu a mudar paradigmas; cumpríalle revalorizar o traballo asalariado, facer que cada traballador e cada traballadora necesitase amar o traballo asalariado máis ca a propia vida. A precariedade converteuse en norma, a exclusión social é hoxe a situación normal, o punto de partida. A pobreza extrema converteuse na característica inherente á condición humana. A carreira individual desbocada que nos aparte desa pobreza fundacional é o único sentido real que poden adquirir as nosas vidas. Fóra dela, nada existe. A exclusión absoluta é unha rexión indesexable da non existencia.

A conta do salario
Nesta nova situación, xa as vellas normas non valen. Formalmente sobreviven certos dereitos, pero os novos paradigmas produtivos non lles atopan acomodo. As novas formas de traballo asalariado requiren de nós a entrega total. Xa non hai fronteiras entre a vida laboral e a vida privada; somos corpos invadidos. Mesmo os nosos soños están ocupados. A lóxica do sistema quere reconfigurarnos, para iso precisa esixirnos fidelidade absoluta. Nós somos traballo asalariado cada segundo de cada día. A entrega que se nos esixe é tal que non debemos temerlle nin á morte que poida sobrevir nun accidente laboral (ou de tráfico, ou de saúde, ou de calquera clase). Porque ese accidente, esa posibilidade, xa vai a conta do salario.

Cando a morte sobrevén inesperadamente, como ocorreu no accidente do Carballiño, hai unha hemorraxia de hipocrisía que ocupa temporalmente os medios de comunicación. Os creadores de opinión van buscar ao dicionario de usos habitual as construcións lingüísticas necesarias para deixar a salvo as razóns do accidente. Ningunha desas mortes provirá de ningunha clase de violencia, porque a violencia que funda o sistema é para eles lexítima e necesaria, transcendente e, por tanto, indiscutiblemente boa. Ou sexa, non merece a consideración de violencia.

Cando os traballadores dun sector se poñen en folga e defenden os seus dereitos con todos os medios que teñen na súa man, as mentes castas de pluma cursi tremen de pánico ante as palabras fortes. Aí, o lume e a barricada si que son violencia. Cando un obreiro morre en accidente laboral, ninguén treme, ninguén condena, ninguén aborrece a violencia fundacional e as súas manifestacións. Os mortos e os desposuídos sempre se acumulan do mesmo lado.

Por iso eu confío máis no poder creativo do lume que na Inspección de Traballo.

4,52/5 (23 votos)



X. Antón L. Dobao naceu en Lugo o 16 de xullo de 1963. Licenciado en Filoloxía Galega, é escritor e filólogo. Desde 1986 é Asesor Lingüista da TVG. Na actualidade tamén é director e guionista de ficción na TVG. Desenvolve como tal o proxecto Un Mundo de Historias, consistente en xerar produtos audiovisuais de ficción baseados en adaptacións de obras do sistema literario galego. »



Anteriores...