Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

O Estado da Cousa

09:32 05/10/2007

Haberán ter opinión dispar do que escoitaron esta semana no Parlamento.

Alén de posicións ideolóxicas, estilos, voces e aparte da improbábel capacidade da parlamentárica escena para competir en audiencias co Tomate, eu acabei concluíndo que si, miren: falouse de "problemas reais" da xente. Mediática expresión, esta dos "problemas reais", inaugurada polos políticos para cuestionar o interese de todo aquilo que os perturba a eles mesmos e as súas estratexias, xa que logo, do que non lles interesa falar.

Outra cousa son as "solucións reais".

E non estará de máis lembrar que de problemas reais tíñanos máis acostumados a falar a oposición, nas anteriores lexislaturas. Por iso, velaí un pequeno chanzo nese proceso de rexeneración democrática aberto en 2005. Goberno e oposición coinciden agora en baixar, xuntos, un chisquiño máis á area da realidade. Non é pouco.

Aínda que por desgracia, non foi o presidente da Xunta o máis hábil en espremer cara ao público as oportunidades deste escenario. Cun discurso se ben amplo, tamén desleixado e personalista, faltoulle ao presidente pragmatismo e priorización. Se cadra, debera reparar Emilio Pérez Touriño en que non é todo importante ao mesmo tempo, ou que as claves do ano pasado non teñen por que ser as mesmas deste ano ou do ano que vén.

Na procura da coalición perdida
Por outra parte, saberán vostedes que hai un Goberno de coalición, aínda que se escoitaron a comparecencia inaugural do noso presidente este martes, dubidarán de que Touriño teña a percepción de levar copiloto no vehículo executivo. A frase coa que abría fogo na súa intervención da tarde o Presidente, logo dunha sesión matinal onde o seu fora o único discurso, "hoxe pola mañá tiven a oportunidade de facer un debate", parecía xa que logo digna de incorporarse á Touripedia oficial. Pero alén da brincadeira, o lapso presidencial é exemplo do debate que, erradamente, ensaiou consigo mesmo Emilio Pérez Touriño. Baixado das alturas do Monte Pío, tropezou Touriño co enganoso feitizo do presidencialismo. Moitos "como comprometín" e ensarillos en primeira persoa, ben lonxe da realidade saída dun pacto e mesmo do agarimo para o equipo de goberno máis próximo.

Co Consello da Xunta aínda lastrado dos recentes tirapuxas entre os socios, era se cadra o momento axeitado para apostar por unha mensaxe en clave máis incluínte. Porén, "as mazarocas da colleita" ás que se referiu o presidente ao debullar o bautizado "decálogo do cambio", apareceron case como presunto guieiro persoal. Branco doado para os dardos dun Feijoo locuaz e rexoubeiro na dialéctica parlamentaria, que viña de consultar no Google da existencia dun Montepio-Veracruz, de onde especulou que acababa de chegar o seu rival.

Eu, que non quero morrer sen citar a Churchill, como fan os articulistas serios e lidos, tiro daquela que diu que a imaxinación é para os homes consolo "do que non poden ser" mentres ca o humor é consolo "do que son". Pezas deste exemplo serían o desordenado relatorio de Touriño desde a confianza do poder e os agudos retrousos de Feijoo desde a resignación do que non se afai a ter perdido ese poder. Así, e malia aparcar a chamada ao exercicio de "imaxinación lixeiro" nun segundo tempo, as renuncias do primeiro fixérono saír coma o peor parado do cuarteto que actuou esta terza feira no Hórreo, en palabras do cómico Feijoo "tres ilustres parlamentarios" facéndolle oposición á oposición.

Un PP(deG) que pregunta por "España"?
Nese contexto, o listón caído que para o bipartito deixara Touriño foron quen de levantalo Anxo Quintana, na segunda quenda, Ismael Rego, e unha xornada despois Carlos Aymerich e Xaquín Fernández Leiceaga, enchendo as tropezas das que o presidente non fora quen de agromar. Moi cómodo no combate, Quintana adicoulle beizóns á coalición con simpático eufemismo para a rifa de socialistas e nacionalistas, a "tensión creativa". Xa logo, foi con bo tino que asinou a defunción das últimas ínfulas galeguistas coas que o PPdeG atrevía a fachendear. O acontecido non deixaría de ser sorprendente noutro contexto, pero Núñez Feijoo escolleu que a súa pelexa non vaia decorada dos florilexios ilusorios que en tempos serodios usaba o seu antecesor á fronte do PPdeG. A decisión é unha mala noticia para o país, que en tres anos pasou de ver a un cambaleante líder que manexaba sen complexos a expresión "nacionalidade" e que apadriñaba un Plan de Normalización consensuado, a outro que renuncia con inquietante facilidade, e por intereses externos, a un acordo case pechado para a lingua.

Desacougante punto de inflexión para o escenario político. E decepcionante que o único que teña que dicir o líder da oposición en materia de educación sexa que seica se rachou un consenso do que o propio PPdeG foi o único en desmarcarse.

Sobre as submisións do PPdeG acabou de darnos máis pistas e un día máis tarde, Manuel Ruíz Rivas, por outra parte inspirado voceiro de estrea, cando asegurou que o seu partido botaba en falta "o debate de España". Paradoxal esixencia e reveladora preocupación a do deputado conservador no día en que se pechaba o presunto debate de Galiza.

4.26/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: