Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xurxo Martínez González

Gadis: Vivamos como galegos

10:30 24/10/2007

Pois para vivir como galego é imprescindíbel o uso cotiá do galego, pois é a miña (nosa) lingua. Ou non?

O anuncio de “Gadis” creou certa euforia e éxito nunhas masas fartas de tanto reproche españoleiro baseado en tópicos empregados como aldraxantes. O anuncio varía esa visión e fai do mal un ben. E ninguén lle pon chatas. Acolleuse favorabelmente. A min, gustoume.

Mais, eu négome a vivir como galego falando castelán. Eu son galego e falo galego. Dicía Éamon De Valera: “prefiro unha Irlanda inglesa que fale gaélico que unha Irlanda ceibe que fale inglés”. De Valera pensaba que algún día chegaría a liberdade para Irlanda e que a lingua non podía ser moeda de troco nin sacrificio a facer.

O galego é un signo identitario, propio, singular. Isto está claro xa nos textos da literatura galega, dende un Xoán Manuel Pintos ata un Manuel Antonio. As orixinarias Irmandades da Fala nacen cun propósito: a defensa, exaltación e fomento do galego. Os Villar Ponte considera a lingua como o principal factor na configuración de Galiza como nación. Ninguén discute hoxe que o galego é noso e que é cousa nosa falalo.

O galego éo todo para poder vivir como galegos e galegas. Ou acaso todo a nosa identidade redúcese ao fútbol, a choiva e a retranca?

Ollo! O anuncio está en galego. Moi ben. Congratúlome. Quen non? Mais eu entro na tenda e miro: “alimento para animales”, “pescadería”, “frutería”... Falo en galego aos empregados nunha cidade coma Vigo (como en tantas outras) e dinme: “está al fondo a la derecha” ou “espere que ahora mismo le pregunto al encargado”. Miro os anuncios en papel do supermercado e todo está en castelán, os panfletos tamén, ata o ticket. Mesmo en internet a súa páxina non está en galego e nin tan sequera posibilita lela na nosa lingua (hoxe en día existe un tradutor inmediato).

Eu para vivir como galego necesito normalizar o meu idioma. É un dereito. Oxalá modifiquen esas actitudes e normalicen tamén o galego nos supermercados, pois é o mínimo e non custa tanto. A crítica é construtiva. O “Gadis” debe falar agora.

4.44/5 (80 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xurxo Martínez

Naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. Licenciado en Filoloxía Galega, ten publicado artigos en diferentes xornais e revistas culturais galegas cunha variedade temática. »



Anteriores...