Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Se hai xustiza, que haxa indulto

09:00 31/10/2007

Nestes casos, cando a realidade bate coa lei, a miúdo non é a realidade a que se equivoca: é a lei a errada. A loita en favor dos tres do Eixo é un exemplo de loita fronte a xustiza inxusta e as leis reviradas que se volven contra os inocentes.

O primeiro erro, hai dez anos, leva a sinatura de Fomento, o ministerio falta á súa palabra (sóalles o detalle?) e dun día para o outro ábrese o carril que se comprometeran a manter pechado até facer na estrada as obras que garantiran a seguridade dos veciños. Logo, a administración envía os furgóns policiais contra unha manifestación pacífica. A continuación, un axente con pouca paciencia e dubidoso criterio teima en deter un rapaz de trece anos que na calor do momento non pasara de insultalo. Poden ler o resto en Vieiros, que se resume en castigo tan pretendidamente exemplar como innecesario, na práctica: escarmento gratuíto e inútil.

As mesmas burocracias da legalidade que parecen non ser capaces de actuar contra as irregularidades que asolagan a actualidade diaria, aparecen lixeiras e parasitarias para amargárenlle a existencia a xente de ben e levar á cadea aos que non teñen culpa, poñamos por caso, un fontaneiro, un chofer e un libreiro que coma ducias de seus veciños, se botarán á rúa coa razón da súa parte.

Dicía un meu profesor que, daquela que aínda eramos inxenuos, non esquecésemos que o Dereito debía deixar que fose a sociedade quen o guiase un pedazo por diante, encarreirando os requirimentos que o conxunto do sentidiño fose capaz de esixirlle. E porén, velaí como, unha vez máis, é a atravesada touza do Dereito a que impón os pasos.

Dezaseis ministros e un presidente do goberno español sentaron hai xa días como cada venres en Consello. Na mesa, e entre a designación de embaixador no Sultanato de Omán e revisión do estatus da delegación murciana do Colexio de Decoradores, non tiveron tempo de tratar o indulto ao que xa rexeitarán botarlle sinatura antes. Un indulto que evitaría que tres cidadáns sen culpa entrasen no cárcere este martes. A petición de milleiros de composteláns e o aval da maioría de edís da cidade no favor de Simón, Xosé e Xesús non conseguiu que atendesen os que tiñan que atender.

Cada peso de multa que xa lles espremeron aos veciños e cada día inxusto que sexan obrigados a permaneceren presos, serán mancheas de lexitimidade que perderán os que teñen o deber de escoitar as nosas voces, e non escoitan. Lexitimidade que perden aos ollos de todos nós.

Esta loita é unha loita de todos. Se hai xustiza, que haxa indulto.

4.9/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: