Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Disparen sobre o interlocutor

10:00 11/12/2007

Cazoleando un improvisado restrobillo gastronómico din en cavilacións sobre a cousa da "deconstrucción", iso que veu converterse en definición de uso mediático para a cociña dun prezado restaurador catalán. E fiando nesas inalcanzábeis mañas sobre como cambiar textura ou temperatura dos pratos para sacarlles novas posibilidades de mellor chistar, acabei pensando na actualidade política que nos (con)move.

A xuntanza deste luns en Compostela é exemplo doutras alquimias construtoras e deconstrutoras posíbeis, as do Estado este que navegamos con mesetario temón. Fronte a ese ermo de propostas desde o centralismo entumecido, vimos abrir a semana na capital do país cunha estimulante achega con sinatura de Galiza, Euskadi e Catalunya. Ás portas dunhas eleccións xerais e desde as supostas periferias, outra vez, un exemplo de por que o espazo Galeuscat ten unha alternativa ao lamaguento modelo de Estado do PP, e noutra medida, ao tremelante do PSOE, sempre asustadizo do discurso que lle impoñen aznaristas e pos-aznaristas.

Paradoxalmente, a interese do ministro de Cultura por esa vontade colaborativa no conxunto estatal nacida fóra das bieitas augas da cociña madrileña resumiuse, atendendo ás súas palabras este luns tamén en Compostela, nunha mestura de descoñecemento e indiferenza: o de que xa o lerá "na prensa".

A ignorancia sentida ou consentida do ministro é máis grave se pensamos a súa condición de coruñés e de futuro candidato na lista galega dun partido. Sorte que César Molina é poeta e ensaísta e non un burócrata metido a ministro, estremo que se cadra levaría a outro exabrupto máis belixerante. En discurso público diante dos conselleiros que asistían á Conferencia Sectorial de Cultura, faltoulle a César Molina a efusión demostrada hai pouco tempo xunto a ministros de todo o mundo a prol do reforzo da "identidade e a diversidade cultural". Antes xa lle faltaran outras diplomacias ao visitar o país esquivando, pouco sutilmente, a visita á conselleira galega.

O paradoxo levou a que nestes tempos de predicadores de apocalipses ibéricas e sismos alarmistas, o optimismo na capacidade de construción de (H)Estado veña de formacións que levan nos seus estatutos compromisos soberanistas. A esa situación se chegou no escenario dos Zaplanos e os Ibarras.

A lección de claridade e sinceridade cara ao partido e cara á sociedade vasca coa que se pronunciou Íñigo Urkullu durante o seu recente discurso de investidura; o pragmático afán catalanista da proposta refundacional de Artur Mas; a incansábel chamada a falar de Ibarretxe, "esgotadoramente dialogante"; a mediática didáctica de Carod Rovira, o líder que lle falou en galego a Mariano Rajoy no Congreso... Vivimos tempos de interesante produción intelectual política desde as presuntas periferias, e desacougantes desertos nos supostos centros do poder que, no canto de aproveitar a conxuntura dun contexto cheo de bos interlocutores, aspira a quedarse só nas súas guerras contra a pluralidade.

Fronte ás mans tendidas, a consigna da precampaña da descualificación constante: disparen sobre o interlocutor posíbel!

4.17/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: