Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Nin constitución, nin patria, nin santo bendicido!

10:55 17/12/2007

Nin constitución, nin patria, nin santo bendicido. O tempo de lecer é un ben imprescindíbel que permite repoñer enerxías e desconectar da rutina laboral. Sen embargo, xornadas maratonianas como por exemplo a da semana da ponte da Constitución do ano 2005 (martes e xoves festivos) fan perder o norte.

Para que o descanso sexa eficaz non pode esgotar. De vez desprazaría todos os festivos para venres ou luns segundo a proximidade á fin de semana. Tan só un día sería, obviamente, inamovíbel: o 1 de xaneiro; por extensión, o 25 de decembro. E nada máis. A partir de aí todos os festivos, tanto de tradición laica como relixiosa, poderían ser trasladados á fin de semana correspondente. Todas as celebracións teñen un certo compoñente convencional no que á data se refire. O que realmente importa é o motivo que nos convoca.
O tempo de lecer é algo fundamental. Mesmo en termos productivos, de PIB, os festivos ben planificados poden provocar un aumento da actividade no sector servizos. Mentres uns descansan, outros precisarán traballar para que os primeiros folguen. É lei de vida. Por iso quero deixar ben claro que os cálculos que agora expoño sempre van ter en conta que un mínimo de festivos ao ano deberá habelos. Así que vaian por diante as miñas desculpas se na elaboración da proposta podo equivocarme en algo para os da Coruña, Ourense ou Pontevedra, ou calquera outro lugar, que isto é a Internet, que demo!

Tomemos como referencia, xa que logo, o calendario de 2008. Non é dos máis problemáticos no que a pontes se refire; para iso, o de 2005. Como xa indicamos, o martes 1 (e por extensión o 25 de decembro) non se moverían. Mais o 6 si: para o luns (ou no seu caso gardaríase este festivo para outra ocasión ao longo do ano aproveitando que cae en domingo). Do martes de antroido, en canto que é festa local, aínda que tamén moi especial, nada que dicir, pois adoita ser un festivo que non xera grandes desprazamentos por ponte desde o venres anterior. A Semana Santa non ten maior problema, pois os festivos sempre caen en xoves-venres ou venres-luns, segundo os lugares.

Ata maio, nada amiguiños e amiguiñas. O primeiro, que cae a xoves, para o venres. Do 17 non quero falar, pois non creo que deba ser festivo. En todo caso, este ano cae a sábado. O 25 de xullo tamén se mudaría (nesta ocasión non fai falla, mais noutras si). O mesmo habería que dicir do 15 de agosto. En outubro, o 12 para o luns 13. De novembro e decembro nada que dicir nesta ocasión pois todo coincide en sábado ou luns. Ora ben: o que caia a domingo, para o luns.

Cadralo todo é complexo. Pero admitir semanas como aquela do ano 2005 na que martes e xoves eran festivos, iso era impresentábel. Que non se alarme ninguén. Non se trata de eliminar festivos, senón de racionalizar o calendario dos mesmos. Quen queira (e poida) terá igualmente a posibilidade de arrimar días a estas pontes de venres ou luns. No ensino vaise poder gozar tamén cada certo tempo de días de descanso (e evitar absurdas semanas de días salteados). En hostalaría terían fins de semana máis estábeis e non sometidos ao antollo do calendario. E todo o mundo tería garantidos certos períodos de lecer que axudarían a levar moito mellor o ano laboral.

2.9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...