Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Évos un amaicer guapo

10:35 02/01/2008

Feliz amaicer guapo de 2008. Con este novo ano un novo libro das Terras do Eo-Navia vainos permitir achegarnos un chisco máis dun e outro lado da ría de Ribadeo. Esta aproximación á poesía en lingua galega do Principado de Asturias, que xa por segunda vez nos ofrece Xoán Babarro, merece os nosos parabéns.

E o esforzo de todos e todas na súa difusión. Nomeadamente o das nosas bibliotecas públicas. Nos seus andeis non debería faltar un exemplar. Do mesmo xeito que Ferrín ou Rivas poderían sucar os confíns da rede de bibliotecas asturianas, Xuan Bello ou María Xosefa Canellada poden tamén ter acubillo nos nosos estantes. E como non, por riba de todo, e independentemente das circunstancias concretas que poidan afectar ás relacións entre galegos e asturianos, a lingua do Eo-Navia merece un especial mimo, coidado e sensibilidade.

Desde finais do s.XIX vense desenvolvendo nas Terras do Eo-Navia unha modesta pero crecente achega en publicacións de carácter local, que desde principios do s.XX e ata a Guerra Civil convértese en habitual. Desde A Veiga ata Tapia de Casarego proliferaron os escritos nos xornais e os folletos cunha clara orientación partidaria.

No eido da poesía cabe salientar as figuras de Bernardo Acevedo (Boal 1849-Uviúe 1920) e Antolín Santos Mediante Ferraría (Taramundi, 1880-Piantón-A Veiga, 1944). De Mediante Ferraría lembraremos a súa participación con éxito, en 1925, na Festa da Poesía, organizada pola Asociación de Prensa no Círculo de las Artes. Co seu poema A un moíño desfeito gañou o premio á mellor poesía en galego. Este taramundés soubo incorporar a súa variante dialectal ao galego común literario.

Denuncia do caciquismo
Denuncia do caciquismo, gusto pola temática popular e canto á paisaxe son temas recorrentes. Da man de Ramón García González (Castropol 1870-1938) asistimos ao primeiro intento na procura dunha lírica modernista nas letras galego-asturianas. En 1920 reúne, en Amarguras d´un viaxe, unha serie de poemas nos que un mariñeiro sente a ausencia da súa namorada e ao remate atópase de novo con ela. Pola súa banda, Conrado Villar Loza (Taramundi, 1873-Tapia de Casarego, 1962) cultivou tanto a poesía (na que toca especialmente o tema da emigración, Lonxe d´aquí) como o teatro (pondo en marcha unha tradición de teatro popular arredor da vila tapiega que terá continuidade no tempo). Tamén Armando Cotarelo Valledor (A Veiga de Ribadeo, 1879-Madrid, 1950) cultivou a arte dramática con pezas como Trebón (1922), Sinxebra (1923), Lubicán (1924), Hostia (1926), Beiramar (1931) e Mourenza (1931). O seu especial interese pola riqueza da lingua vese reflectido na súa achega con verbas e xiros que recollía das xentes nas veigas do Eo, na Montaña, e onde for que alí escoitara falar en galego.

Coa xeración do 36 podemos percibir claras innovacións con respecto á estética do s.XIX. O clasicismo formal, o influxo modernista e algúns riscos da Xeración de 1925 (en Galiza) e da castelán de 1927, vense representados na poesía de Amador Fernández Mejeras (Ribadeo 1913-1971; o seu pai era de Barres-Castropol e a súa naí da Roda-Tapia de Casarego), Ovidio Martínez Álvarez, “Ovidio de Queipo” (Boal 1915-1945), ou Francisco Fidalgo Villaveirán (Valdepares, El Franco, 1914- Uviéu, 1998).

Noite longa e escura hóuboa para todo aquilo que refrescara o devezo de liberdade. Nesa construción cotián dun mundo alternativo que nos leve máis alá da rutina do día a día a creación literaria, nomeadamente a poesía, xogou un papel moi destacado. No Eo-Navia, tardaría un tempo en adquirir as connotacións sociais e políticas de etapas anteriores. Porén, o canto á terra e as manifestacións de señardade cando o poeta se atopa lonxe daquela dan vida á creatividade entre o Eo e o Navia.

Dos anos da ditadura salientamos os seguintes acontecementos culturais: en 1956 Fermín Penzol (para os de Castropol Fermín de Labandera) entrega simbolicamente á Editorial Galaxia a súa biblioteca (esta cesión formalizarase en 1963 coa creación da Fundación Penzol); represéntase en Castropol (1968 e 1969) Os vellos non deben de namorarse, de Castelao e Os Chirlosmirlos, recuperando deste xeito a obra que nos anos 20 popularizara o Teatro Aldeano.

Reláxase a presión

A chegada da democracia e o estado das autonomías relaxaron a presión sobre as linguas minorizadas. No Eo-Navia déronse unha serie de circunstancias que contribuíron á toma de conciencia da importancia da súa lingua e cultura. A musicóloga suíza Dorothé Schubart fai traballo de campo nas áreas de Boal e Taramundi; os seus logros vainos recompilar, xunto con Antón Santamarina, no seu Cancioneiro popular galego. O teatro segue a medrar en Tapia de Casarego da man de Manuel García “Galano” (A Roda, Tapia de Casarego, 1922) con Mareaxes tapiegos (1993) e Erguendo el telón (2000); tamén cultivou a poesía, se ben nun eido familiar e de amizade. Na Caridá, Jesús Álvarez Valdés (1935-1997) escrebe as súas Alpeiradas (Alpeirada nel buchinche d´Antón, 1988 e Alpeirada na casa da cultura, 1989) e danos a coñecer un bo retrato da cultura tradicional en As costumes foron deste xeito (1992 e 1996).
Sería unha enorme inxustiza non lembrar o traballo do Grupo de Eilao Pro-Defensa da Lingua, que posteriormente derivará cara á MDGA, fundada en 1998 en Grandas de Salime. Tamén nesta vila temos que citar o traballo de José Naveiras Escanlar, “Pepe el Ferreiro”, e a creación do Museo Etnográfico de Grandas de Salime. A publicación en 1990 das Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (MDGA) supoñen un fito no proceso de normalización e normativización da lingua del Eo-Navia. No 93, e defendendo unha posición illacionista da lingua eonaviega, o goberno asturiano edita unhas “Normas ortográficas del gallego-asturiano”, posteriormente reeditadas sen a penas cambios, baixo a batuta de José García e Ignacio Vares en 1997, normas oficiais desde esa data.

Caracteriza aos últimos autores en galego de Asturias unha ruptura nidia con respecto aos seus predecesores verbo dos temas, modos, filosofía e comprensión xeral da literatura galega do Eo-Navia. Non renuncian ao legado común, mais procurarán, con éxito as máis das veces, desenvolver unha literatura moderna e de calidade. A Freita, e en especial o seu suplemento literario, O Espello, deron difusión aos novos autores eonaviegos. Crisanto Veiguela (A Veiga del Eo, 1959) fai unha poesía moi intimista e señardosa, de canto á terra e á paisaxe que o viron nacer. Seu é o poemario A vida sempre e sobretodo (2001). Xavier Frías Conde (Béjar, Salamanca, 1965), orixinario do concello de Allande, destaca polos seus estudos sobre a literatura eonaviega , a literatura infantil (El xabaril que quería enhalar, 1991) e varios poemarios breves. Xosé Miguel Suárez (Mántaras, Tapia, 1965) cultiva moi ben o idioma e no seu Nas arribadas (1994) búscase a si mesmo á par que canta á paisaxe do país e á muller amada. Viqui Veiguela (León, 1979), orixinaria da Veiga, crea unha poesía fresca, erótica e sensual na liña doutras poetas galegas como Yolanda Castaño, Enma Couceiro ou Olga Novo.
Seguir referíndonos a novas apostas de futuro da literatura eonaviega requiriría doutro tanto espazo e xa bo foi o que ocupamos por hoxe. De todos os xeitos, o mellor é ler Évos un amaicer guapo. Aproximación á poesía en lingua galega do Principado de Asturias, recompilación levada a cabo por Xoán Babarro González e editada pola Universidade de Vigo neste xa rematado 2007. Nel poderemos familiarizarnos coa poesía eonaviega. Pronto poderemos facelo co teatro e coa prosa, ademais de poder gozar da Nova contribución á toponimia do Eo-Navia, de Carlos Xesús Varela Aenlle. Hai futuro. Haberá moitos máis amaiceres guapos.

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...