Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Voos baratos: Santiago-New York-Lisboa

19:45 16/03/2007

Faleilles hai semanas nesta improvisada travesa de opinión, da miña convicción de que polas galaicas terras intuímos os valores de futuro, do que nos pode facer mellores como país, pero teimamos en serlle esquivos. Lembreime doutro exemplo posíbel lendo do interese da prensa estadounidense por un recanto gastronómico compostelán.

Hai xa tres anos que Vieiros contaba dunha orixinal publicidade aparecida no mesmo xornal, o New York Times. Nun suplemento especial sobre o Estado español, incluíase publicidade financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, chamando ao empresariado dos EUA a investir en Galiza. Entre os valores cos que a institución vendía o noso país, a galería de recomendas incluía o argumento de que a "estreita semellanza" de galego e portugués nos permite comunicarnos cos aproximadamente 200 millóns de persoas da "forte comunidade internacional luso falante". Aseguraba ademais que en Galiza é doado para as empresas atopar persoal bilingüe español-portugués. Por riba, subliñaba que isto "permite atender dende Galiza a clientes nos dous idiomas".

A lóxica recomendáballe ao Igape salientar tan atractivo mérito. Seica os lectores-investidores do New York Times teñen fama de ser minuciosos calculadores de vantaxes. Mágoa que en Galiza a realidade non coincida co márketing: gobernos de antes e de agora fixeron escaso esforzo por turrar das potencialidades da eurorrexión, e nese testudo desinterese a lingua apareceu sempre como farangulla prescindíbel.

En cuestións galaico-portuguesas, de momento segue a venda de retóricas. Frases prometedoras xa nos sobran. Que a relación luso-galaica é unha "nidia cuestión vital" e outros ensarillamentos similares son ideas que ben poden acuñar calquera día destes as cabezas do actual goberno, pero esa frase pronunciouna hai ben anos Manuel Fraga. Como outras aínda máis, presuntamente, ambiciosas.

A realidade é que posibilidades tan necesarias como a entrada do portugués nas escolas ou a recepción das televisións lusas en Galiza son desafíos aínda pendentes de atender. A nivel estatal, a ampla maioría dos estudantes de portugués concéntranse en Estremadura, con grande éxito de cursos varios e escolas de idiomas. A maiores, xa na etapa de Primaria, os cativos estremeños poden estudar portugués: un de cada catro centros nesa etapa ensinan segunda lingua extranxeira: a maioría escollen portugués. En todo o Estado, o único recurso multimedia deseñado por unha administración para a aprendizaxe do portugués promoveuno a Junta estremeña...

O último episodio da parálise desa etérea eurorrexión posíbel a pé do Miño é a escolla de Badajoz como sede do secretariado técnico da UE para a xestión da cooperación transfronteiriza dos estados español e portugués.

Compre unha viraxe decidida do temón galaico-portugués cara a augas conxuntas. E xa que os vencellos desa historia nunha "fronteira secular que nos une", dito outra vez en ex-presidénticas palabras, non excita aos facedores da administración, se cadra haberá que lembrarlles as oportunidades máis pragmáticas que recoñecen os que se moven no bravío empresarial. Esquezan o valor de enriquecemento cultural, ese pecadento efecto secundario, e aínda que sexa céntrense nas oportunidades para o crecemento económico: a economía, parvos!

Xa sei que o sentidiño é espantadizo en Galiza nestas cuestións lingüísticas. Pero miren, é unha idea barata, un voo de baixo custo ao futuro. Santiago-New York-Lisboa.

4,92/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: