Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Vázquez Pumariño

O Lobo: déjà vu de outono

16:30 21/01/2008

A historia repítese todos os anos cunha puntualidade pasmosa: en outono salta á prensa galega que en tal ou cal concello unha manada de lobos atacou un rabaño dalgunha especie doméstica provocando graves danos. Os xornalistas desprázanse á zona e entrevistan a un gandeiro que di que eles non poden seguir así. A Consellería de Medio Ambiente di algunha vaguidade e os ecoloxistas reclaman medidas de conservación y compensación social. Así ano tras ano.

Falar do lobo obxectivamente é complicado posto que non é unha especie calquera, é un superdepredador, igual que o home, e polo tanto competimos (obviamente de xeito desigual); trasladamos a súa figura do ámbito do real ao do imaxinario colectivo, aos mitos, as lendas, filtrándose mesmo á relixión (non esquecer que a figura de S. Froilán, patrón de Lugo, acompáñase dun lobo).

Habitante de todo o hemisferio norte, é ben coñecido por todos os pobos que viven neste amplísimo rango xeográfico e cultural. Esta enorme distribución territorial ten unha primeira lectura clara: o lobo non é un cliché, senón que é unha especie excepcionalmente versátil capaz de sobrevivir con diferentes estratexias en ambientes heteroxéneos, dende a taiga, ata o deserto, ás estepas, ás montañas e mesmo, como é caso ibérico e particularmente galego, en ambientes drasticamente humanizados nos que convive estreitamente co ser humano. É neste punto onde xurde o conflicto pois a cabana gandeira forma parte das súa dieta.

De xeito un tanto simple podemos resumir as dúas posturas enfrontadas que modernamente se asocian a esta especie: por un lado estarían os que opinan que os lobos son unhas bestas salvaxes que non causan máis que danos e que deberían ser erradicadas, ou confinadas a “reservas” no peor dos casos, valendo para a súa eliminación todo tipo de trebellos como a escopeta, o veleno, os cepos, etc. por outro lado estarían aqueles, de extracción urbana, para os que o lobo é un ser mítico, símbolo da natureza salvaxe, da liberdade, do equilibrio ecolóxico, etc. Ambos grupos teñen en común unha imaxe humanizada dunha especie animal, para uns é un asesiño implacable e cruel, para outros un ser cándido tamizado polas películas de Disney. Serva esta caricaturesca visión para dar a entender o enfrontamento existente.

A pesares de todo, pódense puntos de consenso entre as diferentes posturas:

  1. O Lobo, como especie silvestre, debe ser conservado.
  2. Os custes económicos da conservación non deben recaer nun determinado colectivo profesional, como son os gandeiros.
  3. Débense arbitrar as medidas axeitadas para cumprir os puntos 1 e 2.

Esto non supón ningunha novidade. A memoria é feble e por iso hai que lembrar que xa no ano 99 as principais organizacións ecoloxistas do país e o Sindicato Labrego Galego asinaron declaracións conxuntas ao respecto.

A situación actual

Confinado, maioritariamente, ao Noroeste Peninsular, a maior parte da poboación lobuna ibérica atópase en Galicia e Castela e León, cifrada nun máximo de 2000 exemplares (300 en Portugal). En Galicia estaría o 34% da poboación ibérica, uns 500-680 exemplares. Porén, hai outras fontes que poñen en dúbida estas estimas a nivel ibérico e sitúan o número de exemplares en 937-1188 lobos pertencentes a uns 322 grupos familiares; de ser máis aproximada á realidade esta estima significaría que en Galicia o número ronda os 350 exemplares.
Determinar numericamente unha poboación silvestre é, ademais de complexo, caro, polo que as estimas hai que tomalas con prudencia.

A pregunta tópica, chegados a este punto, é se esto supón moitos ou poucos lobos; cada un contestará en función da súa propia postura previa, polo tanto non serve de moito. Sería máis útil preguntarmos ónde están os límites para a conservación da especie e o mantemento óptimo dos ecosistemas. Neste senso é básica a investigación constante sobre a especie, tarefa na que a Xunta fai algún esforzo a pesar do cal claramente suspende: coñecemos de xeito aproximado cántos lobos hai e como é a súa área de distribución pero sabemos moi pouco da súa ecoloxía, da súa dinámica poboacional, de cómo son afectados por diversas actuacións humanas (en definitiva da súa mobilidade) e, de xeito moi especial, cál é a súa diversidade xenética, cuestión esta sobre a que voltarei pois é clave na conservación da especie a longo prazo. Unha lectura simple dos coñecementos biolóxicos actuais proporciona elementos para o optimismo, reforzado pola lenta recuperación territorial do lobo no resto de España mais, son tantas as incertidumes que como mínimo hai que aplicar o principio de prudencia.

Un plan de xestión, un plan de conservación

O lóxico é ter un plan de conservación e xestión da especie. A Xunta de Galicia, logo de anos de atraso incompresible, presentou o plan xestado na etapa política anterior e resucitado pola administración actual. O Plan non está aprobado. E non o está porque é un mal plan por moitas razóns que se poden resumir en tres: a bioloxía da especie en Galicia segue a presentar múltiples puntos escuros, a participación dos sectores implicados foi máis que deficiente e non é un plan de xestión senón de mera caza. Actualmente o lobo é unha especie cazable e semella que o plan de xestión da Xunta consideraba unicamente esta dimensión na súa xestión, mesmo “inventando” unha nova modalidade cinexética na que o lobo sería incluído no cupo de capturas nos plans de caza. Curioso: un plan de conservación baseado na caza.

A cuestión non é se a especie é cazable ou non, senón se a caza é unha ferramenta social e economicamente útil e sobre todo, se é viable cientificamente para a conservación da especie. Sen ter todos os datos biolóxicos na man e sen saber exactamente cáles son as demandas reais do conxunto da sociedade (non dunha parte interesada dela) non é posible dar unha resposta seria.

É preciso, logo, máis e mellor investigación que precisará obviamente máis inversión e falar con todo o mundo. Mentres, claro está, quen soporta nas súas carnes o prezo da conservación da especie son os gandeiros, molestos ciclicamente en boa lóxica. Neste punto non cabe contemporizar e andarse con desculpas, medias tintas ou promesas, fagamos o que fagamos cara o futuro os gandeiros non teñen porque pagar, en exclusiva parte do prezo da conservación dunha especie. Así, deberíase artellar xa un plan de compesacións (e/ou seguros) claro e contundente en todo o ternritorio do país. A estas alturas é incomprensible e impresentable que non o haxa, máis se temos en conta que todos os gastos que ocasiona o lobo suporían unha partida ridícula dentro dos orzamentos da Administración galega. É un tema complexo, obviamente, pero neste caso a Xunta de Galicia a única responsable da displicencia en canto a xestión da especie, nin máis nin menos.

A conservación do lobo

A conservación do lobo en Galicia pasa por un maior coñecemento da especie que nos permita tomar decisións cientificamente xustificadas, por un debate riguroso e tranquilo onde parte da sociedade non se teña que posicionar poñendo do seu peto os cartos por adiantado e por suposto sen concesións a un reducidísimo grupo de cazadores posto que a maior parte do colectivo non ten a especie entre os seus fins venatorios.

Dende hai xa anos, Galicia está a ser cruzada por grandes infraestructuras, fundamentalmente de transporte, como autovías, trens de alta velocidade, grandes encoros, vías rápidas, urbanizacións, etc que fragmenta o territorio e polo tanto, cabe supoñer, as poboacións do lobo. Non coñecemos, neste senso o nivel de permeabilidade do territorio para a especie, non sabemos cómo van a afectar as infraestructuras que neste momento se están a construír, descoñecemos cómo son os seus movementos e esto é dunha importancia capital posto que tamén ignoramos o seu grado de diversidade xenética e hai indicios alarmantes: por exemplo comparáronse xenéticamente dúas poboacións de lobos, presumiblemente contiguas, de Asturias e Lugo, dando como resultado unhas diferencias notables e sen haber barreiras físicas significativas polo que o fluxo xenético entre ambas poboacións é moi pequeno.

En definitiva, a fragmentación das poboacións de lobos e a conseguinte endogamia pode poñer de xeito inexorable o lobo na senda da desaparición. Cos coñecementos actuais da xenética de poboacións non se trata tanto de asegurar un número de individuos viable senón de asegurar unha variabilidade xenética viable.

Compre dicir que nos Estudios de Impacto Ambiental e as conseguintes Declaracións de Impacto Ambiental, este tipo de cuestións non son contempladas (ou tratadas sen rigor) para a especie polo que hai unha responsabilidade obvia dos colexios profesionais e, dende logo, da Consellería do ramo.

Neste contexto, contemplar a caza como ferramenta de xestión é, como mínimo, xogar á ruleta rusa, pois non sabemos cánta variabilidade xenética estamos a “matar”. Hai que ter en conta, ademais, a mortalidade directa por veleno ou por atropelos en estradas, quizais a causa de maior mortalidade actual da especie en Galicia.

O tema dos velenos é particularmente grave, pois ameaza directamente a supervivencia da especie; ninguén fala deste andazo que pode estar matando un número indeterminado de exemplares ao ano, ademais doutras especies como rapiñas e mesmo animais domésticos. Compre destacar, unha vez máis, a incompetencia da Xunta de Galicia ao respecto: existiu o chamado Programa Antídoto a nivel estatal que a Administración Galega ignorou como segue a ignorar a “Estrategia Nacional Contra el Uso de Cebos Envenenados”.

Tamén hai que ter en conta a necesaria coordinación entre as Consellerías de Medio Ambiente e do Rural pois o lobo depende en boa medida da xestión que se fai da gandería extensiva e semiextensiva.

O futuro do lobo require un plan de conservación e xestión baseado no rigor científico e no consenso social porque a conservación das especies e particularmente daquelas tan significativas debera ser un debate do pasado e as actuais polémicas non son máis que unha mostra do atraso social e político (non económico) do país.

Por último a conservación do lobo pasa, ademais, por un xornalismo profesional e unha prensa seria: cada ano informase coa mesma falla de rigor do tema, cada ano profesionais novos cualifican de “alimaña” a unha especie silvestre e repiten a mesma colección de tópicos e inexactitudes. Compre seguir a nova, compre ter rigor e compre ofrecer información contrastada, vamos, saír do déjà vu.

4.77/5 (30 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vázquez Pumariño

Naceu en Lugo e vive en Santiago de Compostela. Biólogo, traballa coma consultor ambiental e leva máis de vinte anos vencellado ao movemento ecoloxista. »



Anteriores...