Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé Vázquez Pintor

A poubea de Buxán

10:14 21/03/2007

O seguimento diario dos blogs dos amigos/as que nos honran desde o seu talento e as súas sensibilidades fainos sentir un chisco máis solidarios e agradecidos: é un rebullicio de palabras e de imaxes que son magnéticas e circundan internet en aturuxos de ledicia. Ollando aquamlatam, aopedofarelo, toxomar, falabarato, brétemas, dorvisou, aportaverde...aquecen corpo e alma e o tempo voa, repasa os nosos soños e un tanto as nosas vidas. Agradecementos pois aos xenerosos que aquí hai e aínda escriben, fotografan, crean, testemuñan.

Estoutro día ollei unha entrada no blog de Manolo Busto que me puxo a circular polas avenidas da noite, cando acordas e todo se ilumina. É unha fotografía da “casiña redonda” de Buxán, un lugar da parroquia de Ventosa (Agolada). Lembro o día en que nolos dous pasmamos diante desta popa de pedra que navega ao garete no mar das nosas aldeas, tantas en abandono consentido. Poderiámola nominar, se o futuro se fabrica de por vida, “ A poubea de Buxán “ ( Centro de Interpretación e Patrimonio). Ten todas as simboloxías do rural galego: o minifundio, a beleza, o respeto á tradición tamén castrexa, o colo e o berce das palabras nese microespazo da mornura onde tantas fornadas de amor foran amasadas, e serían fillos/as, netas/os e bisnetas...cabo de lonxe e por acaso sen regreso. Un niño de carrizo en pedra que se resiste e chama polos nosos ollos de cultura 2007, pola insubmisión ás despedidas e ás vendas para o derrube. Se o noso orgullo fose en medras, estes testemuños rechamantes (neste caso dunha arquitectura humilde e máxica a un tempo) darían óptimos resultados para futuros convivios e leceres: en cada parroquia de Galiza un CIP onde ver, estar e conversar sobre de noso en base á prospeción desde unha etnografía en imaxes e máis lerias das que arestora hai, que somos case mudos desde aquela outra voz das noites familiares a amistosas, cando A PALABRA ERA.

Que as institucións a quen corresponda invistan e concorden en que a Historia é moito máis alá que os ecos da memoria de cando en vez, aínda a escrita. E falo outrosí da ribeira, Beatriz Dacosta sábeo, onde hai tamén ruina e deserción; e cando algo fica en pé contra o pronóstico, apampamos e apraudimos para que o mar atenda, transborde e magnifique. Tal o Cabo de Fisterra, arestora e sempre baril, facho do mundo, de noso aínda. Parabéns a todas/os.

4.27/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé Vázquez

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide no ano 1946. É Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación e a súa obra abrangue a poesía, a narrativa, o teatro e o ensaio. »



Anteriores...