Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

Gaza a escuras

11:30 25/01/2008

Conforme os datos do exército israelí, ao redor de 250 mísiles caeron, dende a semana pasada, en territorio de Israel, provocando desfeitas en diferentes bens materiais. Durante ese mesmo período, a resposta do goberno israelí carreou a fuxida dun terzo da poboación de Gaza, amais da morte de máis de 30 palestinos e centos de feridos.

Dende as 8 da tarde do pasado domingo ata a noite do martes, a franxa de Gaza quedou a escuras. O peche da planta enerxética, debido á falta de fuel, amais do continuo bloqueo da zona, vén provocando carencias de bens básicos para a poboación. Como consecuencia da falta de electricidade, Gaza quedou sen auga potable, sen pan, sen combustible e con poucos produtos, que chegaron a duplicar o seu prezo.

A pesar do bloqueo e peche da Franxa, conseguiuse unha pequena apertura tras a detonación de varias bombas, o mércores pola mañá, na fronteira con Exipto. Parte do muro metálico que separa a parte máis occidental de Palestina caeu, e sobre el pasaron máis de 400.000 persoas na procura de comida e outras necesidades.

Seguindo as palabras do primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, quen afirmou que a falta de gasolina non impedía que os habitantes de Gaza andasen, as peregrinacións cara as cidades fronteirizas moveron a milleiros de persoas que non recibiron ningún tipo de impedimento por parte da policía exipcia. O propio Hosni Mubarak, presidente de Exipto, deu instrucións de permitir a entrada de palestinos para coller comida e regresar ás súas casas, sempre e cando non carrexasen con eles ningún tipo de armas.

As tendas das cidades exipcias de Al-Arix e Rafah enchéronse de clientes que pronto acabaron coas existencias. Amais de medicinas, comida, tabaco e materias eléctricos, os palestinos aproveitaron para facer outras compras menos habituais: televisións, rodas de coches e incluso motos. Tamén os sacos de cemento atravesaron a derrubada fronteira. Os seus compradores buscaban un material que escasea en Gaza e que agora é cinco veces máis barato en Exipto. Nalgúns casos, ese cemento serviría para continuar a construción de casas que levan tempo esperando ser levantadas; noutros, para facer tumbas para os mortos.

A pesar do enfado israelí con Exipto, por permitir a libre circulación de poboación, os negocios de Rafah e Al-Arix aumentaron as súas vendas nestes días e, como algúns analistas comentaron, o propio goberno israelí pode ver con éxito esta operación, que representa a verdadeira liberación de Gaza, ao nin sequera ter que administrar comida ou ningún outro ben material á poboación da Franxa. Amais, o goberno israelí afirmou que non enviaría máis fuel á zona, como prometera nun principio, o que provocaría un novo peche da planta enerxética, repetíndose o apagón de toda a zona, a falta de auga potable, a interrupción de moitos mecanismos hospitalarios e unha nova escalada da violencia na procura de necesidades primarias.

E mentres Gaza sofre as consecuencias das restricións ás que está sometida, en Cisxordania repítense as protestas e xuntanzas en apoio aos seus illados veciños. O martes pola noite, preto de 200 persoas congregábanse, con candeas prendidas, en fronte da Igrexa da Natividade, no centro de Belén, coa intención de pedir a Israel e á comunidade internacional a fin do bloqueo e do castigo colectivo a o millón e medio de habitantes de Gaza.

Para este sábado hai preparadas novas convocatorias para esixir a fin do cerco. Diversos grupos pacifistas israelís e palestinos xuntaranse, a menos dun quilómetro de distancia, na fronteira que une Gaza con Israel. Distintas organizacións israelís saíran de varias cidades do país para unirse nese punto intermedio e esixir que se busque unha alternativa á violencia que asola Sderot e Gaza. Amais, dende a zona israelí intentarase que as autoridades militares permitan a introdución de filtros de auga e alimentos básicos para logo seren entregados aos máis necesitados dentro da franxa de Gaza.



Poden ver aquí imaxes das concentracións durante o apagón.

5/5 (2 votos)



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...