Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Roberto Noguerol

Galeguismo e confusión

11:05 07/02/2008

Díxome un interlocutor popular que negarlle a sensibilidade galeguista ao PP(deG?) é un prexuízo no que insisten os que se arrogan a capacidade, entre divina e de nacemento, de concederen ou quitaren "carnés" de galeguismo. Non foi quen de explicarme en todo caso en que se basearía ese presunto ideal galeguista. Tampouco foi quen aínda de explicalo con claridade o presidente actual do PP en Galiza, a quen no entanto gústalle dicir que o seu partido é "galeguista e reformista", aínda que como matizou diante dun think-tank madrileño hai tempo, e para non meter susto por xeografías tan sensíbeis a estas cousas, trataríase dun galeguismo "adaptado aos nosos tempos".

O atrapallado argumentario en defensa da suposta faragulla galeguista venlle en lastre, a este PP ben domado, daquel construto edificado por Don Manuel, que manexou sen embarazo eufemismos e rosarios, falando de autoidentificación, administración única, federalismo ou etnia galega, ao tempo que chapodou todo agromo real de galeguismo no interior do partido. Pero marchou o que Louzán bautizou como "pai de Galiza" e acabouse aquela relixión que tan ben escenificaban á porta dun mitin as vellas bicando fotos de don Manuel como quen bica unha estampa de San Antonio.

E cando houbo que manter o discurso creado polo home a quen Tarancón xa lle recoñecía ser máis papista que o papa, resultou que por tras daquela relixión oportunista non había migalla de galeguismo onde sosterse. Os últimos que crían na posibilidade dun PPdeG xa non están, e os que estarían en disposición de ofrecerlle resortes electorais, agora mesmo prefiren gastar enerxía en espremer o teto do poder sen máis ambición política que a dun día para o outro.

No mesmo desnorte se move o Partido Galeguista, nado máis da eterna convicción de que hai, ou pode haber, un cuarto pedazo do queixo parlamentario a repartir, que da crenza de que existiría un espazo de cidadáns que non ven representadas as súas ideas entre as forzas hexemónicas. E pouco saíu de momento do combate entre o reducido grupo dos que crerían con inocente franqueza no ideal e os que o verían como simple estratexia vantaxista na que lles paga a pena desbaldir as siglas históricas.

Con todo, se algo hai de bo en todo este escenario de confusión mental é que o galeguismo como meta e inspiración posible parece ser considerado positivamente por todas as formacións políticas. O galeguismo é marca que vende, que dirían algúns publicitarios. Pero vender e crer no que se vende é un concepto diferente. Esa capacidade das propias formacións políticas de creren no que son, afirmalo e argumentar en consecuencia, sería moi de agradecer vela nalgúns partidos. E non se ve.

A todos lles iría mellor se fosen algo máis sinceros consigo mesmos. Un pouco máis de pragmatismo e menos esquizofrenia ideolóxica sería terapia de proveito para deseñaren propostas serias e sen autoengano. Serían máis felices de expresaren sen complexos a realidade dos feitos: Non son galeguistas. Se cadra, nin falta lles fai presumiren do que non son para rabuñar cota electoral. Nunha berza lin un día a idea de que a teimosía é unha alternativa barata ao carácter. Proben a ser menos teimudos.

4.66/5 (32 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: