Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manoel Santos

Foro Social, máis mundial ca nunca

09:00 05/02/2008

Hai algo que o Foro Social Mundial –FSM– foi quen de facer mellor que ningún outro actor político ou social no mundo de hoxe, o de saber ler e posicionarse nesa conxuntura global ultracapitalista, depredadora do planeta e quen o habita, á que a esquerda hexemónica non foi quen de dar resposta. Explícao moi ben o profesor Boaventura de Sousa: “Revolución, socialismo, comunismo e incluso reformismo parece que foron agochados nos caixóns máis altos do armario da historia, alí onde só chegan os coleccionistas de desgrazas” [1].

Suavemente poderiamos dicir que a dita esquerda dereitozouse, ou o que é o mesmo, chegado un intre foi absorbida polo pensamento único e invitada con éxito a participar da alternancia (bi-tri)partita das formacións políticas neoliberais, que son practicamente todas as que hoxe obteñen representación parlamentar en Europa. Non así en moitos recunchos do sur global. Bruscamente poderiamos dicir que a esquerda deixouse mercar. E se somos realistas que desapareceu, cando menos como a entendemos até agora.

No debe so FSM está sen dúbida a creación, ou mellor a visualización, dun pensamento global artellado entre o norte e o sur pero con extraordinario peso dos segundos, que moitas veces cristaliza en accións e alternativas concretas contra a visión economicista de todo o planetario que teñen os poderosos. Se cadra falamos dunha nova esquerda que entendeu que o camiño está fundamentalmente na horizontalidade e no respecto e mesmo potenciación da diversidade. Vaia, que non hai un outro mundo posíbel, senón moitos.

O FSM serviu, ao cabo, para que os movementos conectaran entre si coma antes nunca na historia. Dende el tecéronse redes de acción entre pobos, entre países, entre estados e entre nacións moi afastadas entre si, e naceu un discurso global que, á parte das loitas locais ou sectoriais de cadaquén –ningunha máis importante ca outra–, focalizou ao inimigo común e lle deu nome: globalización. O FSM ten pois unha parte importantísima na xestación dos movementos antiglobalización, que hogano parecen a única esperanza que lle queda ao mundo.

Certo é que, como ben di Carlos Taibo, non foi só o FSM, malia que este constitúa a expresión máis coñecida dos antiglobalización. Foron toda esa morea de movementos sociais que traballan, moitas veces ás escuras e moi dende abaixo, para opoñerse á globalización. Por iso o FSM é importante, pero non o único camiño: “o futuro dos movementos antiglobalización non se dirime en Porto Alegre, en Mumbai ou en Nairobi: dirímese, así a todo, no día a día do traballo sórdido, case sempre pouco vistoso, de quen, en barrios e pobos, decidiron plantar cara a ese vórtice de especulación, concentración do poder, deslocalización, desregulación e crecemento do crime organizado que é a globalización capitalista” [2].

É por isto que a un lle entrou un pánico controlábel ao coñecer que este ano non habería Foro Social Mundial. Morría a utopía nada máis nacer? Foi Cândido Grzybowski o que me convenceu do contrario: “Non gusto da mensaxe que non teremos Fórum no 2008. Se cadra acontecerán máis dunha centena de Fóruns durante o ano e moitos ao redor das Xornada de Mobilización. Precisamos dar máis visibilidade á grandiosidade do activismo cidadán polo mundo.” [3]

E acertou. E iso que o Día de Mobilización e Acción Global deste 26 de xaneiro non tivo tanto peso como os FSM centralizados, tanta forza mediática, se é que ten algunha xa. Se cadra ese silencio mediático non indica, como moitos din [4], que xa non amedrenta os poderosos. Poida que sexa todo o contrario, que o silencio e o obstracismo ao que someten aos movementos antiglobalización se teña que traducir en que lles están a amolar de máis. Xa sabemos que para ese mundo irreal que vende o poder o que non sae nos medios non existe. Mais nós sabemos que isto non é así. E eles tamén.

Acertouse, dicía, con este foro descentralizado porque se algo conseguiu foi achegar a “cultura do foro” a lugares onde nunca chegara. Todos tivemos dun ou doutro xeito o noso FSM. Houbo actos en máis de 80 países. Moitos foron actos sinxelos, humildes, como pequenas asembleas, algunha conferencia, unha pequena mobilización, unha proxección audiovisual… pero conseguiuse espallar polo mundo unha idea que o propio Carlos Taibo me expresaba nunha conversa telefónica entre Madrid e Galiza a noite do 26: “parece que o movemento segue vivo”. Tivemos, xa que logo, un foro social máis mundial ca nunca.

O FORO GALEGO: a semente de Compostela

E foi grazas a esta fórmula arriscada o FSM chegou por primeira vez á Galiza nosa, terra pequena e antiga, periferia no centro do sistema que loita aínda polo seu lugar no mundo. Foi en forma de asemblea de movementos sociais –cunha pequena feira de alternativas que lle dou vida– nas dependencias da vella Universidade compostelá.

Máis de 80 colectivos e 200 persoas falaron durante dúas horas e media sobre a necesidade de crear un verdadeiro Foro Social Galego [5]. Todas foron intervencións no mesmo sentido, todas respectuosas, todas en clave de país e todas tendentes á necesidade de crearmos espazos de converxencia para situarmonos no mundo e actuar. Sobre todo actuar.

Porque as galegas e os galegos temos tamén a nosa visión do mundo e a nosa problemática concreta dentro da globalización. Tamén temos despoboamento no rural, destrución do territorio por transnacionais e políticos desa esquerda prostituída da que falabamos enriba, uniformización cultural e lingüística alleas, desregulamentos e deslocalizacións… Claro que todo dentro do noso privilexiado nivel de vida no norte global. Iso tamén o soubemos plasmar e o plasmamos a cotío, sobre todo no último par de anos, co xurdimento de movementos e redes, de colectivos dispares que van dende o académico ao profundo dos centros sociais para traballar no desmantelamento desa barbarie ultracapitalista que sen decatarnos alguén conseguiu imprimir no maxín social. Temos pois que borrar e imprimir de novo.

Alí, na vella universidade, estiveron boa parte destes hetereoxéneos movementos, se cadra porque ao redor do espírito de Porto Alegre aínda temos algo en común, o inimigo, e se cadra porque somos conscientes de que loitas, loitadores e loitadoras ter si que temos, mais precisamos aínda espazos de intercambio para coñecérmonos máis, para tecer máis redes e máis accións, para reflexionar e berrar.

Cómpre agora seguir regando a semente de Compostela. Cómpre o compromiso dos colectivos, unha humildade e mesura nos obxectivos, esquecer as diferenzas e concentrármonos no común adversario. Cómpre seguir traballando e definir que queremos facer agromar desta semente e como a queremos regar. Un Foro Social Galego, como o Mundial, é necesario, como un outro mundo. Parabéns a todas e a todos.

[1] Santos, Boaventura de Sousa. El Foro Social Mundial y la Izquierda Global. El Viejo Topo, xaneiro 2008.
[2] Taibo, Carlos. El Foro Social Mundial, más cerca. Publico, 2008.
[3] Entrevista a Cândido Grzybowski. Altermundo, xullo 2007. http://altermundo.org/portal/content/view/786/327/
[4] La crisis política del Foro Social Mundial. Entrevista a Ignacio Ramonet. Sin Permiso: http://www.sinpermiso.info
[5] Iglesias Diéguez, Alfredo. Galicia con el Foro Social Mundial. Rebelión: http://www.rebelion.org/noticia.php?id=62535

4.3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manoel Santos

Biólogo, escritor e produtor editorial. Militante altermundista. Colabora co xornal Galicia Hoxe en temas altermundistas e medioambientais. Director do suplemento horizontal mensual Altermundo, tamén en Galicia Hoxe. Tamén é responsábel de altermundo.org e colaborador do Igadi. »



Anteriores...