Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Por nós non habería de ser

14:07 06/02/2008

A bipolarización da vida política leva a moitos a considerar que as eleccións son cousa de dous e que, polo tanto, convén simplificar.

Desde o centro-esquerda todo é reducido ao simple argumento de que só eles poden evitar que goberne a dereita. Deus nos arrede! Vade retro! A pantasma de Aznar percorre Europa! Nestes momentos que toca talante e boas sensacións/vibracións, faise un sosegado chamamento á necesaria concentración de esforzos; dísenos que por suposto sempre haberá disposición ao diálogo con outras forzas progresistas. Mais non esquezamos que en ocasións un “comunistas do demo!”, ou “separatistas amigos dos terroristas que queren rachar España” eran lindezas coas que agasallaban os agora “tolerantes compañeiros de viaxe” a todo o espectro político situado máis alá da súa esquerda ou da España autonómica. Así e todo, en condicións de ti a ti, sumemos sempre que poidamos.

No seu momento, lexislatura 2003-2006, o PP tivo que facer da necesidade virtude e aprender, ademais de catalán na intimidade (unha mágoa que Rajoy non lles ensinara sequera un chisquiño de galego), a dialogar. Os variados logros acadados nunha lexislatura abocada ao pacto viñéronse abaixo coa sonada maioría absoluta do 2000: mentira sobre mentira co Prestige, reformas neocon en diversos eidos, criminalización sistemática do nacionalismo, persecución política do adversario, vodas cuase reais, foto das Azores... Cantos dos que desexaban tan só máis estabilidade política (entendida esta como maioría sen necesidade de pacto) foron quen de imaxinar todo o que se viña enriba? Incluso a condena contra el/ela mesmo/a por manifestarse contra unha guerra ilegal, inxusta e inmoral e pasar xa que logo a conformar a lista de sospeitosos/as de cómplices co terrorismo internacional.

“O PSOE non é o mesmo ca o PP”, poderíase obxectar, e con razón. Porén, a súa traxectoria política e na acción de goberno déronnos mostras ben claras de que a visión centralista en ocasións non tiña nada que envexarlle ao PP. Se desde o goberno central, do PSOE, lle prestaron atención a Galiza foi porque a dinámica política xerada na nosa nación os levou a ternos en conta. E tamén, se o PP puxo máis interese na nosa terra foi pola presenza en Madrid de deputados centrados no país e sen ataduras políticas. O mesmo cabe dicir desta lexislatura agora rematada, na que, na súa recta final, a presenza do BNG supuxo un protagonismo máis que evidente para Galiza na política estatal.

“Pero, e se por iso volve gañar o PP?” Non habería ser polo BNG, senón porque outros renuncien a gobernar aceptando acordos tácitos de respectar que forme goberno a forza política máis votada e/ou con maior número de escanos. Admitirmos que hai que votar a outras forzas políticas só por medo a que gañe a dereita é non poñer por diante os intereses de Galiza. O nacionalismo galego ten dado mostras abondosas de responsabilidade na acción de goberno e de apoio a alternativas progresistas e de esquerdas. O seu ideario sempre se plasmou nunha praxe política coherente. Se se dera o caso de que o PP sacara un escano máis ca o PSOE non vai ser por Galiza, senón por todas as circunscricións electorais do Estado. E se o PSOE renegara da responsabilidade de artellar un goberno progresista só porque sacou menos votos e/ou escanos que o PP, aínda que teña a posibilidade matemática de conformar esa alternativa, iso será porque eles queiran. É máis: canta maior forza teñamos as outras opcións políticas mellor poderemos delimitar o escoramento cara á esquerda do mapa político e, por ende, máis poderemos reclamar un goberno dese signo. Como xa dixemos hai cousa dun mes, eliximos representantes das nosas circunscricións electorais. Canto maior protagonismo teñamos máis poderemos defender o noso, entre o que hai que incluír unha alternativa que leve a cabo políticas que profunden máis na consolidación das liberdades públicas, nas prestacións sociais e na configuración dun estado plurinacional, pluricultural e plurilingüístico.

4,3/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...