Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Alba Nogueira

Educación infantil e vivenda

11:35 13/02/2008

Seica andan revoltos os alcaldes do PSOE porque queren montar escolas infantís nas que a Xunta de Galicia pague e o Alcalde decida.

Afeito como está o poder municipal a vivir das subvencións clientelares que hoxe chegan e mañá poden faltar, pero que lle poñen o retrato do rexedor municipal a cada nova actuación no territorio local, os alcaldes queren seguir coa práctica de “colle os cartos e corre”.  A proposta da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar de botar a andar unha rede de escolas infantís que funcione coordenadamente con semellantes dotacións persoal, medios e contidos educativos choca demasiado coa cultura da leira minifundista que parece inspirar moitas políticas municipais.

Resúltalles, tamén, indiferente a estes alcaldes a demanda das e dos educadores e dos pais e nais da necesidade de dispoñer de materiais educativos deseñados para estas idades e adaptados ao seu entorno.  Materiais que, dificilmente, poden ser elaborados desde a soidade dunha escola infantil dun concello e que precisan o amparo dunha estrutura máis grande, dunha rede de centros, cun apoio e un sistema de intercambio de experiencias que desenvolva os aspectos educativos desta etapa.

Máis o fervor municipalista dos rexedores socialistas e populares fronte ás medidas de goberno do BNG, non remata na educación infantil. Tampouco lles parece ben que as futuras leis autonómicas de servizos sociais e vivenda establezan porcentaxes concretas de gasto municipal e reserva de vivenda protexida, respectivamente.  A moderna lexislación busca a redución da discrecionalidade mediante o establecemento de indicadores ou parámetros de actuación. Introdúcense así posibilidades de control xudicial das decisións administrativas que, ao incumprir eses estándares, violan os dereitos sociais recoñecidos pola Constitución (dereito á vivenda, dereito á asistencia e prestacións sociais, dereitos da infancia, dos dependentes, dos vellos…).  Esa nova lexislación introduce tamén mecanismos de cohesión social, por exemplo no ámbito urbanístico, evitando crear guetos e establecendo a necesidade de distribuír equilibradamente a vivenda protexida en tódalas unidades de actuación urbanística.  Aínda que os rexedores do PSOE non se deran de conta, fíxoo a Ley del Suelo de 2007, da que se anda gabando Carme Chacón, nunha porcentaxe inferior á que agora propón Tareixa Táboas e probablemente esa solución sexa o camiño para que as cidades non teñan zonas de ricos e pobres con tódalas consecuencias que iso ten noutros dereitos como a propia educación.

Podemos seguir co boicot de propostas, fronte ao traballo nas áreas de goberno propias. Coa oposición municipal, fronte ao goberno leal. Coa política de subvencións, fronte ao financiamento estable. Coa propaganda, fronte ao establecemento de deberes concretos de actuación. Coa protección dos dereitos liberais, fronte aos dereitos sociais.

5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Alba Nogueira

Alba Nogueira López naceu en Cee en 1968. É doutora en Dereito e profesora de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago. »



Anteriores...