Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

Enrique Rajoy Leloupe e Mariano Rajoy

10:39 25/02/2008

Nos últimos tempos topámonos cunha constante aparición do líder do Partido Popular, Mariano Rajoy, en distintos medios mostrándonos unha faciana completamente distinta á que nos tiña afeitos até o de agora. Evidentemente trátase dunha campaña de marketing enfocada ás eleccións xerais e destinada a mudar a súa imaxe de individuo frío, antipático, ultradereitista‚Ķ, e mostrársenos como unha persoa familiar, cordial, informal..., chegando a mostrar un falso orgullo pola figura do seu avó. É por iso que quixera facer algunhas reflexións ao respecto.

No mes de decembro de 2006 asistín á presentación do libro titulado Enrique Rajoy Leloup. Un protagonista do autonomismo galego; obra na que Baldomero Cores Trasmonte retrata a figura do que fora avó do líder do PP. O libro, editado polo Servicio de Publicacións da Deputación de Pontevedra, vía a luz despois de máis dun ano almacenado (ou “secuestrado” como se apuntaba acertadamente desde o voceiro nacionalista A Nosa Terra) na sé do organismo que preside Rafael Louzán, coa clara intención de ocultar o ideario político do biografado, totalmente contrario ao do seu neto, precisamente nun momento en que se debatía a reforma do Estatuto de Autonomía; aspiración que ficaría nun rotundo fracaso debido precisamente ao posicionamento centralista do Partido Popular. E aí tíñamos ao vicepresidente da entidade, o ex-pesoísta José Juan Durán, indicando sen ningún tipo de reparo que se o libro non saíra antes á rúa fora debido a problemas de axenda do líder do PP para asistir á presentación.

Causáronme sorpresa algúns aspectos do acto de presentación; quizá demasiados pelellos, perfumes e gomina, mais sobre todo unha escaseza absoluta de investigadores e historiadores. Por outra parte escoitei por primeira vez a Rajoy articular algunhas frases en lingua galega, aínda que só fora durante a lectura dalgúns pasaxes do libro de Cores.

Mariano Rajoy nunca falou, que eu saiba, a lingua de Galiza, nin sequera, para vergonza do noso país, cando ostentaba o cargo de vicepresidente da Xunta. Mais coido que a súa maior ousadía estivo na definición ideolóxica de Rajoy Leloup, de quen indicou con hipocrisía, e arrimando a ascua á súa sardiña, que fora “un enamorado de su tierra, un centrista de la época, un liberal, un reformista”. Nalgunha desas revistiñas nas que tanto gosta de aparecer ultimamente indicaba que o seu avó fora un galeguista de dereitas, e tratando o tema da autonómico afirmaba retador: “Galicia no es ni será jamás una nación”.

Ocultaba Mariano que o seu avó fora secretario do Comité Central da Autonomía e o impulsor da Asemblea de Concellos de 1932 para levar adiante o proxecto; que consideraba explicitamente que Galiza tiña que recibir o mesmo trato que Cataluña dentro do Estado; que coidaba necesaria unha autonomía que garantira os dereitos nacionais do país no marco dun Estado federal. Ocultaba tamén que no 36 salvouse de ser asasinado ao permanecer agochado despois do golpe de Estado franquista que acabou coas vida de compañeiros e amigos que como el estiveron presentes na presentación do Estatuto en 1936 en Madrid, entre eles Bóbeda, Ánxel Casal, Xoán Xesús González‚Ķ; que aínda así foi represaliado, como xa o fora durante o Bienio Negro, sendo expulsado do decanato que ocupaba no Colexio de Avogados e do seu posto docente na Universidade; que a súas ideas acerca da necesidade do Estatuto levárono a emitir frases tan claras e rotundas como: “O que queira enfrontarse con Galiza que veña dar a cara”; “quen non ten liberdade para gobernar a súa propia casa e rexer os seus propios intereses, sexa pobo, sexa persoa humana, ou é un escravo ou un incapaz que precisa tutela, como os menores, os idiotas ou os tolos”; “A Autonomía, ante todo, primeiro que cuestión económica, problema fiscal ou preito de localidades, é un tema de dignidade colectiva”.

Persoa conciliadora
Aínda que é certo que sempre fora unha persoa conciliadora, que buscaba non excluír a ninguén do proceso para así acadar as súas arelas, o seu posicionamento independente non era outra cousa que unha estratexia para ter certa autoridade sobre as dereitas que eran os que mais reparos poderían poñer á aspiración; algo para o que sen dúbida a militancia no PG, con cuxos membros estaba moi ligado, e non só a nivel persoal, non o favorecería demasiado. De aí a súa tan coreada frase: “O debate non é entre dereitas e esquerdas, senón entre galegos e antigalegos”.

En 1933 o goberno das dereitas paralizou as nosas demandas de autogoberno. Nese tempo Enrique Raxoi Leloup fixo un chamamento para que os galegos non perdesen a esperanza: “Non consintades que se perda este momento histórico, probabelmente único na nosa vida, que fará posíbel acadar para Galiza unha existencia mellor; unha vida máis digna e honrosa para nós os galegos; unha vida que permitirá a Galiza recobrar a súa antiga personalidade e actuar no mundo como célula de universalidade”. palabras nas que atopamos claramente a definición do termo “nación” no sentido en que a entendían Risco, Castelao ou Vilar Ponte.

O libro de Cores é unha obra que retrata con gran acerto e rigor a unha das figuras máis importantes no proceso autonómico galego, pero aínda non está todo o camiño andado e cómpre seguir indagando sobre este persoeiro e atender especialmente ao aspecto ideolóxico; pois parece que non se discute o carácter conservador de Enrique Rajoy, cando el mesmo se ten definido explicitamente como republicano, galeguista e esquerdista. Por outra parte nalgúns xornais da época indícase que ao acto de homenaxe por subscrición popular que se lle prepara en 1933 adheríronse persoas de todas as ideoloxías. Iso non é totalmente certo pois había anarquistas, socialistas, nacionalistas, comunistas, sindicalistas, agraristas e tamén persoas conservadoras; figurarían persoas tan destacadas na política e cultura santiaguesa e galega como Daniel García Barros, Celestino Sánchez Rivera, Laureano Santiso Girón, Díaz Varela, Xesús Rey Alvite, Arturo Cuadrado, Xesús San Luís Romero, Xoán Xesús González (que xa figura na primeira lista aínda que non é mencionado por Cores), Manuel Beiras, Ramón Martinez López, Suárez Pícallo, Ramón Guimil, Constantino Morón, Carnero Valenzuela, Carballeira..., mais o que non había é ninguén pertencente a esa dereita retrógrada e resentida que hoxe representa Mariano Rajoy.

Ademais, perante a obcecación radicalmente centralista mostrada pola dereita, o seu talante conciliador chegou a disiparse e nese momento arremete contra eles con toda a forza dos seus argumentos, chegándose a definir en varias ocasións como unha persoa de esquerdas -aínda que lle doa a Mariano-, e atacando a falsidade, da que non se libran algúns partidos da esquerda españolista: “demostrarán que a inclusión da autonomía nos seus programas foi un engano, unha maquinación –como tantas outras-, encamiñada a buscar adeptos entre os que, honradamente e con toda pureza, senten os ideais autonomistas. Eses partidos, se fan traizón aos seus ideais, como ocorreu noutras ocasións, ficarán descubertos ante os electores, sen folla de parra que oculte as súas vergonzas”. E ese persoeiro definido por Mariano Rajoy como “galleguista de derechas” ataca abertamente a Gil Robles e ás dereitas con frases como “As dereitas son inimigas da autonomía porque sono da liberdade, e autonomía é réxime de liberdade”. Algún tempo despois durante un acto do Comité Central pro-estatuto volve a ser claro ao respecto: “Pois ben señores, vou facer unha declaración ante estes dereitistas, eu son esquerdista. Non comín nada da monarquía, nin da ditadura, nin lles debo absolutamente nada a elas nin aos seus personaxes. Son concelleiro por votos propios, é dicir, de amigos que me votaron para un cargo administrativo, pola miña persoa nada máis. A Monarquía o que me fixo foi –a través dun acto inxusto (que axiña terá remedio) realizado por un ministro perturbado, que acadou a carteira por ter sido tutor dun grande de España no penúltimo Gabinete de Casa e Boca da Monarquía- foi, repito, privarme do meu cargo de profesor da Facultade de Dereito desta Universidade, que gañara lexitimamente e desempeñei coa maior decencia. Vin figurando en política como independente; pero, desde agora, sen ningún eufemismo nin reserva, declárome republicano, e póñome ao servicio incondicional da República, porque teño a conciencia de que, ao facelo así, póñome ao servicio de España e de Galiza e de que é a única forma de goberno que pode traer a decencia política ao noso país.”

4.89/5 (62 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...