Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Superar o minifundio estético

09:45 24/03/2008

Podemos constatar un incipiente proceso de urbanización da poboación galega desde comezos do s.XX. Ao mesmo tempo, un moi tímido crecemento da poboación urbana e dos sectores secundario e terciario. A crise dos 30, a guerra civil e a conseguinte pobreza da posguerra arrefriarían todo o proceso. Ata ben entrados os 60 non se retomaría.

A emigración foi, fronte ás situacións de atraso, a saída. Mais cando esta se vive con espírito emprendedor pode aportar tanto riqueza material como de ideas. Véxase o labor dos emigrantes de finais do s.XIX e comezos do XX. Porén, cando a man de obra exportada é pouco cualificada e sufriu a condena histórica dunha educación raquítica que lles facía sentir vergoña de si mesmos, non é de estrañar que pensaran preferentemente no diñeiro e procuraran “non meterse en política” (entendendo por tal todo o que saíra do considerado “normal”).

A perda de referentes (no político, no histórico, no cultural...) que supuxo o trunfo do franquismo fronte á legalidade constitucional republicana, comportou algo máis, moito máis, que a caída dun réxime político. Todo o labor de recuperación, dignificación e divulgación da cultura galega levada a cabo polo galeguismo no primeiro tercio do s.XX perdeuse. E nese todo tamén van incluídos uns valores estéticos, unha concepción do territorio, rural e urbano.

Por definición, as ditaduras caracterízanse por querer borrar toda pegada do pasado e reconstruílo á súa maneira. Tamén, por dar paso a toda caste de nugalláns que devecen polo carto fácil, sen valores e sen escrúpulos. E iso ocorreu. Perdéronse os referentes. Todo o que lembrara a cultura galega era rexeitado, agás na súa versión folclorista e tipicalista. Suplantáronse os valores. O que acordara o vello (por anovador que fora) era deostado. E o que soara a novo, urbano (véxase cemento e novos materiais) hipervalorado, aínda fóra de contexto. Abaixo a pedra! Arriba o cemento! Tamén, no eido urbano, todo o que significara ordenamento racional (moi contrario ao afán especulativo) lembraba terribelmente unha visión política da vida cando menos “perigosa”.

Democracia formal haina desde o 78. Democracia real foina habendo, e seguirá a habela, na medida en que a xente tomou conciencia do papel que ten que xogar na vida pública. Mentres que non se incorporou o tema do urbanismo ás preocupacións da xente, mentres que non se tomou conciencia de que o deseño das vilas e das cidades, e o das aldeas, é unha cuestión colectiva, non de cada propietario de cada solar, non se puido ver a saída ao túnel despois de tanta desfeita. Grazas ao labor de concienciación social e política ao respecto, vaise asumindo a dimensión pública, e política, do urbanismo. No eido educativo, o Proxecto Terra, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, é un instrumento pedagóxico de primeira magnitude que deberiamos usar todos os docentes para ir colocando o noso grao de area na configuración dunha masa crítica de cidadáns que perciban a arquitectura e o territorio como piares básicos dos nosos sinais de identidade, da nosa cultura. A maiores, e xa nun plano máis pragmático, pero non por iso menos importante, debemos atopar o grao de consenso necesario para dar saída ao difícil binomio “conservación do contorno natural e vilas feitas a escala humana” máis “necesidade de progreso e medre das nosas economías”.

4.23/5 (13 votos)



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...