Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Pérez Igrexas

Adiante Comités!

11:29 12/05/2008

O pasado sábado 10 de maio tivo lugar na Coruña a Asemblea Nacional Constituinte da nova organización do estudantado galego. Co nacemento dos "Comités", como así se acordou denominar esta nova organización, cristalizase un proceso histórico de unificación das organizacións estudantís que operaban no ensino meio e na universidade.

Os "Comités" son o resultado da converxencia nunha única organización de carácter confederal dos Comités Abertos de Estudantes (CAE) e dos Comités Abertos de Facultade (CAF), que na praxe, dende hai case un decenio xa operaban na práctica de maneira coordenada por non dicer conxunta. Os CAE e mailos CAF, constituídos na década dos 80, ocupan unha páxina destacada na historia recente do movemento xuvenil nacionalista do noso país. A súa achega ao nacionalismo, dende a súa total independencia organizativa, que nunca foi óbice para aproveitar as sinerxías con outras organizacións nacionalistas como a CIG ou Galiza Nova, ten sido fundamental, sendo chave o seu papel nos principais procesos mobilizadores que se viviron en Galiza. Os mellores exemplos da súa importancia social, resultado da súa ampla representatividade entre o estudantado (cabe lembrar que tanto os CAE en ensino meio como so CAF na universidade eran as organizacións maioritarias), foron sen dúbida o proceso mobilizador do "Nunca Máis" e do "Non á LOU", onde o estudantado galego situouse na vangarda do Estado, exercendo de motor da resposta social do noso povo. Pouco ou nada ten que envexar o estudantado que participou, que participamos, desos procesos e doutros (contra a Lei de Calidade e a de FP, contra a suba das taxas, pola abolición da selectividade, pola gratuidade dos libros de texto, contra a invasión do Iraque…) ao acontecido en París en maio do 68 . Dese maio francés podemos extractar unha das consignas máis repetidas: unidade á base. A enerxía, as gañas de cambiar as cousas, a entrega militante a prol da causa colectiva, a creatividade, a participación e unha concepción da política ao servizo das persoas e do noso país, poden ser os elementos que describan a traxectoria do movemento estudantil nacionalista. Moito ten que ver o feito de que existisen dúas organizacións nacionalistas formadas por estudantes coa evolución electoral, de progresivo aumento do respaldo social, que obtivo o nacionalismo galego nestas dúas últimas décadas. Unha das máis importantes contribucións dos CAE e máis os CAF ao noso país, ten sido a de ser axentes moi importantes na creación de conciencia nacional, incidindo directamente na mocidade. Os "Comités" herdan ese inmenso legado do que forman parte co propósito de relanzar o movemento estudantil nacionalista, dende os valores que historicamente conformaron o seu discurso: democracia, asemblearismo, autonomía e apertura. Ábrese pois un novo ciclo, unha nova etapa, que sen dúbida, grazas ao inxente traballo das persoas que forman parte da nova organización do estudantado galego, será a do medre definitivo, sobre o que se artellará unha parte significativa da expansión social do movemento xuvenil nacionalista, e do nacionalismo galego en xeral. Os meus sinceros parabéns á nova organización, inda que deste fito histórico nos sintamos tamén protagonistas todas/os e cada un/unha das persoas que achegamos o noso grao de area aos extintos CAE ou CAF, ao longo da súa historia. Cos Comités na rúa, a loita continúa!

2,55/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Pérez Igrexas

Xabier Pérez Igrexas (Vigo, 07/08/1984) é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi Responsábel Nacional de Ensino Meio da Dirección Nacional de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG). Foi membro do Consello Escolar de Galiza e representou aos CAE no Consello da Xuventude de Galiza. Pertenceu ao Consello Local e Comarcal do BNG de Vigo. »



Anteriores...