Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xoán Carlos Garrido

Para que está o Consello Escolar de Galiza?

20:20 21/05/2008

Cando lemos no ditame do Consello que “a Comisión Permanente estimou procedente pola súa complexidade técnica non facer emendas aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación que corresponden a cada unha das materias que conforman o bacharelato, e que se recollen no anexo I do referido Proxecto de decreto”, un pregúntase: entón, para que está?

Nunca, nin na etapa do PP, nin cando se debateron os currículos doutros niveis educativos, sucedeu tal cousa. O procedemento de debater as emendas aos contidos e obxectivos curriculares seguíronse sen maiores dificultades no seu día cos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e mesmo coas Ensinanzas Especiais.

Tamén decidiu por referendo que non se votara unha emenda da CIG para que se “recomende ás autoridades educativas que, no futuro, o ensino das confesións relixiosas non teña presenza nas ensinanzas escolares”. E alí estaba todo o progresismo (CONFAPA, CCOO, UGT e PSOE) cos sectores máis reaccionarios (PP, patronal privada…), opoñéndose a coro a que se tratase este asunto. Fronte a isto, hai que lembrar que no Consello Escolar do Estado xa se teñen aprobado, co apoio dalgúns que lle negan ao Consello Escolar de Galiza a competencia de tratar este asunto, emendas máis contundentes nas que se pide que o ensino confesional non debe figurar no currículo e non debe existir unha alternativa non confesional, e mesmo que se derrogue o acordo de 1979 coa Santa Sé. Recentemente, nos Consellos Escolares doutras comunidades autónomas trataron este tema e algúns como Navarra xa se ten pronunciado en contra de que se impoña unha alternativa á relixión. Se tampouco se pode tratar isto no Consello Escolar de Galicia, entón, para que está?

Cando, finalmente, se propuxeron as alternativas á carga horaria proposta pola Consellaría - e isto si que foi posíbel tratalo porque había unha estratexia de UGT de enfrontar os colectivos afectados facendo unha proposta excluínte (só para Educación Física) e así tratar de dividir o profesorado – resulta que a proposta da CIG de sacar a relixión fóra do horario escolar ordinario é descualificada como ilegal por CCOO e UGT, cunha sarta de insultos que non se xustifican á luz dos acontecementos:

1. Administración non di que fora ilegal a proposta da CIG, pero que si o era a proposta de UGT de retirar horas das optativas, o que non os persuadiu de presentala.

2. Non se escoitaron descualificacións semellantes dirixidas a Francesc Antich (Presidente de Baleares) nin a outros gobernantes do PSOE que fixeron propostas semellantes por todo o Estado.

3. Tanto UGT como CCOO propoñen o mesmo noutros lugares do Estado.

4. Critícase, mesmo, que a CIG vote a favor da súa proposta e en contra das de UGT (CCOO non ten propostas), cando a UGT vota en contra das da CIG que propoñían unha hora máis para EF e tamén para Filosofía e Historia. A crítica de CCOO á posición da CIG por non votar a favor é surrealista, posto que eles tampouco votaron a favor.

Cando despois, desde a Consellaría, se fixo público, propagandisticamente, o ditame do Consello Escolar favorábel a avalar a súa propia proposta fronte á oposición que ten este Decreto, manifestada pola maioría sindical do profesorado, pola Folga e a manifestación do 29 de abril, polos Centros Educativos que están a pronunciarse… achamos a resposta á nosa reiterada pregunta de para que está o Consello Escolar: Para suplantar a vontade da comunidade educativa.

A actuación dos distintos sindicatos quizais leve a certo desconcerto e mesmo hai quen non comprende por que non teñen todos a mesma postura. Afortunadamente, hai alternativas distintas, e o profesorado ten ocasión cada catro anos de avaliar a cada quen. O debate é enriquecedor e positivo sempre que non se caia na criminalización das alternativas dos demais denominándoas ilegais coa única finalidade de fuxir do debate e, sobre todo, se quen fai isto sostén o mesmo que critica, cando lle interesa e onde lle interesa.

4.21/5 (24 votos)



X.C. Garrido

Xoán Carlos Garrido Couceiro (A Estrada, 1965). É Profesor de Filosofía e membro da Fundación Bautista Álvarez na que é Director do "Terra e Tempo". Autor de "O pensamento de Castelao" e "M. García Barros, loitando sempre". Traballa na recuperación da memoria histórica na Estrada. En 2009 publicou o volume Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro. »



Anteriores...