Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Moncho Iglesias

"Pessah Sameah"

11:53 10/04/2007

Hai tres mil anos, en Exipto, nacía o concepto de nación xudía grazas a unha marcha encabezada por Moisés. Conmemorando esa data, o pobo xudeu celebra dende aquela unha das festividades máis importantes do seu calendario: Pessah, que rememora o éxodo e liberación dos israelitas.

Pessah, tal como se describe no Éxodo, sinala o nacemento dos nenos de Israel, liberados da escravitude faraónica para ser seguidores da doutrina de Deus. O nome provén da noite da décima praga, cando o anxo da morte viu o sangue do cordeiro no limiar das casas de Israel, polo que as pasou (Pessah), non matando así a ningún dos primoxénitos. Coa celebración do aniversario inténtase que non se esqueza tal evento histórico, e por iso a comida, os rezos e as cancións destes días teñen como fonte esa saída e esa entrada na Terra Prometida.

Pessah é tamén coñecida como «Festa do pan non levedado» (Hag Ha-matza), posto que nesta semana está prohibido calquera tipo de lévedo. Os israelitas saíron de Exipto á présa e por iso o pan que cociñaron foi plano. En memoria desas fogazas, un dos símbolos da semana máis santa do pobo xudeu, é imposible atopar pan nestes días. Matza é o substituto; un alimento no que auga e fariña combínanse por non máis de 18 minutos. Para previr consumos prohibidos, os estantes dos supermercados pechan con cortinas o acceso aos produtos fermentados, e viños e outros licores preparados especialmente para o momento repoñen aos anteriores.
Seguindo o precepto de non comer ou estar en posesión de produtos fermentados, as familias máis relixiosas ocupan horas limpando a casa, chegando a desfacerse de mobles e outros utensilios. A finalidade é non ter ningún anaco de lévedo, para o que, seguindo distintas tradicións, percórrese o lugar na procura de migas. Antes de comezar a limpeza, recítase unha oración e escóndense algo de pan para así asegurarse que a beizón teña sentido. Despois, apáganse as luces e, cunha candea, para evitar as sombras nas esquinas, aluméanse todos os recunchos. 

A noite de Pessah celébrase entre familiares e amigos, recitando e cantando as pasaxes bíblicas que lembran o éxodo de Exipto. A cea comeza coa preparación da mesa, na que se dispón un prato extra e unha fonte no medio con diferentes comidas. Nesa bandexa debe haber herbas amargas, como ravo, e un pouco de cordeiro ou un á de polo. O animal representa o cordeiro sacrificado que serviu para marcar as limeiras das casas, e as herbas os alimentos entón comidos. Amais, é obrigatorio beber catro vasos de viño, mollando primeiro os dedos no líquido. Por último, o prato a maiores non se toca e, case ao final da cea, ábrese a porta da casa para permitir a entrada do profeta Elías, que se espera entre a compartir os manxares.

As cidades de tendas de campaña nas que viviron os refuxiados hebreos deron paso, cos anos, a veciñanzas que moitas veces só se ocupan durante esta festividade. Así, moitos xudeus que viven fóra aproveitan a ocasión para celebrar estas datas en Xerusalén. Con todo, aldeas construídas de adobe e tea creceron ao redor deses camiños onde aínda hai xentes na procura dun lar que de cando en vez se promete. Son os refuxiados das xeracións presentes que, nalgúns casos, tamén tiveron que escapar das súas casas cara á covas, montes ou cidades descoñecidas. Son os refuxiados apátridas que comen herbas amargas por non ter terreos para outros doces e que vagan sen líder polos desertos, abrindo portas que outros apartan.

4.59/5 (22 votos)



Moncho Iglesias

Moncho Iglesias Míguez (Vigo, 1974). É mestre de castelán como lingua estranxeira en Belén, Palestina. Licenciado en Filoloxía Hispánica e doutorando en Filoloxía Galega. Coas súas crónicas, Moncho cóntanos de primeira man o conflito árabe-israelí. »



Anteriores...