Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Rafa Villar

Traballadores portugueses mortos nas estradas galegas: eu acuso

10:15 28/05/2008

A desgrazada morte nos últimos días de catro traballadores portugueses nas estradas galegas está a provocar unha torpe resposta por parte das diferentes administracións. E digo torpe pois só se pode cualificar así unha resposta que se limita a poñer máis controis de tráfico, por parte da Garda Civil, nas rutas dos operarios do país veciño que veñen a gañar o sustento a Galiza.

Estas catro mortes son o resultado de dous accidentes de tráfico: un que tivo lugar o venres 23 de maio en Castro de Rei (tres mortos nun vehículo ocupado por cinco traballadores portugueses) e outro, o luns 26 de maio á altura do concello lugués de Taboada (o falecido compartía coche con dous compañeiros, que resultaron feridos).

O primeiro dos tráxicos sinistros producíase cando os operarios portugueses se dirixían ao seu lugar de orixe tras unha esgotadora semana de traballo no sector da construción. O segundo, pola contra, tiña lugar nas primeiras horas do día, cando os traballadores se dirixían no seu vehículo ao lugar en que ían comezar a súa semana laboral. Dunha banda, parece esquecerse deliberadamente que a situación destes traballadores lusos é unha situación forzada polas circunstancias. O fráxil mercado laboral portugués é incapaz de acoller con garantías toda esta man de obra, que en moitos casos é man de obra que deriva do lento pero continuado esfarelamento do sector primario en Portugal, fundamentalmente dunha agricultura en declive (as semellanzas co caso galego son máis que evidentes neste eido).
Man de obra rendíbel
Con todo, esta man de obra é unha man de obra que, hoxe por hoxe, resulta altamente rendíbel para a patronal galega. Rendíbel na medida en que resulta unha forza de traballo moi barata, xa que en raras ocasións a súa contratación e condicións laborais están en consonancia cos convenios do sector, tanto no que ten a ver coas remuneracións económicas, como coas xornadas de traballo, etc. Hai quen fala nestes casos de “dumping laboral”, algo que por certo vén sendo común a todos os fenómenos migratorios, e nese sentido o noso país, que exportou inxentes cantidades de man de obra, nunca foi alleo a estas prácticas. Porén, tentar explicar estas situacións simplemente desde a consideración da existencia das devanditas prácticas de dumping é cando menos reducionista. E mesmo se pode considerar de perverso, se con isto o que se pretende é exonerar da súa responsabilidade aos verdadeiros artífices e beneficiarios disto: uns empresarios de poucos escrúpulos sen máis preocupación aparente que atender aos resultados das súas contas. As razóns destes accidentes -que se deben considerar como “accidentes in itinere” atendendo ás circunstancias en que se produciron (polo tanto, asimilábeis en consecuencias laborais a un accidente de traballo)- haberá que buscalas non tanto na temeridade na condución destes traballadores lusos, senón nas sempre extenuantes xornadas laborais que deben realizar, moitas veces de máis de dez horas e mesmo traballando sábados ou festivos. E así, mentres o tópico xenófobo se fai recorrente nos medios de comunicación (a escasa pericia dos nosos veciños portugueses co volante nas mans) e as solucións que se pretenden ensaiar desde os poderes públicos inciden no máis superfluo (maior control do tráfico), a realidade é máis crúa. O fluxo de traballadores lusos ao noso país vai continuar, e moi especialmente en sectores como o da construción, que, aínda no medio dunha crise que despunta, vai necesitar desa man de obra, máxime se esta chega desprotexida de garantías laborais. Mais estes traballadores seguirán a ser invisíbeis para unhas administracións que escatiman esforzos en inspeccións laborais e que apenas son quen de lamentar as mortes, cando estas se producen, e de reducir todo o problema a unha cuestión, importante pero non fundamental, como a da seguridade viaria.

Alguén debería de comezar a facer algo para que isto non fose. E facelo xa.

4,43/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafa Villar

Rafael Villar naceu en Cee en 1968. Licenciado en filoloxía galego-portuguesa, foi cofundador do Batallón Literario da Costa da Morte e do consello editorial de Letras da Cal. »



Anteriores...