Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Marcos Seixo

Festa, identidade e contracultura

12:25 10/06/2008

Baixo o epígrafe de "Fiesta, identidad y contracultura" foi publicado recentemente un traballo de investigación que condensa o programa de doutoramento en Historia e Ciencias da Música do madrileño, aínda que de raíces galegas, Javier Campos Calvo-Sotelo. Obra que posúe, alén doutros engados, o de voltar a vista sobre un tema un pouco esquecido, ao menos nos medios de comunicación, mais que segue estando latexante na sociedade galega actual: "a guerra das gaitas".

O libro analiza as tres dimensións básicas desde as que se manifestou a gaita galega ao longo do tempo. A primeira delas é a que atinxe ao instrumento como obxecto indispensábel en rituais litúrxicos e profanos, o seu uso festivo, lúdico…, expresión dun folclorismo superficial e eminentemente rural, coa romaría como a súa manifestación natural. Esa é a base coa que aparece na Idade Media e a única coa que perdura durante os Séculos Escuros e, en parte, aínda hoxe.

No sec. XIX nace a dimensión identitaria, que asume o instrumento e o instrumentista como parte da nosa singularidade como pobo ou nación diferenciada, portando unha significación que vai alén do terreno propiamente musical e cuxa expresión máis salientábel topámola na literatura do Rexurdimento (Rosalía, Curros, Pintos...) e socialmente, na saudade que o seu son provoca no ámbito da emigración americana.

Polo que atinxe ao seu último aspecto, ao de manifestación contracultural, entróncaa co agromar da prospección internacional do folk nas últimas décadas, con referentes da importancia de Alan Stivell, Gwendal, Mike Oldfield, Chieftains ou Milladoiro…, e cun marcado carácter ecléctico, a carón do pop ou do rock, nun ámbito de renovación das formas de vida e da expresión artística, ligado a reivindicacións anticapitalistas, anticonsumistas, ecoloxistas, antibelicistas, esquerdistas e nacionalistas. Prodúcese unha mudanza total canto á posta en escena (grandes escenarios, indumentaria informal, entrada no terreo do festival multitudinario) e cunha marcada ampliación das posibilidades técnicas (equipos de son, intrumentación electrica, entrada na industria discográfica). E neste sentido penso que cumpriría ter en conta, no caso galego, a influencia da confrontación manifesta co uso que o franquismo fixo da gaita, potenciando un folclorismo reaccionario, profanando a dignidade que a o instrumento acadara con gaiteiros como Perfecto Feixoo, Rilo ou Avelino Cachafeiro, menoscabando, baixo un falso disfrace de paternalismo, a solemnidade da nosa música tradicional, degradando o instrumento ao obrigalo a vestirse coas cores da bandeira española e intentando espila de todo tipo de vinculación cos nosos elementos diferenciadores como nación.

De aí a posterior eclosión da chamada “música celta” terminoloxía que pretendía acabar co rexeitamento que producía a identificación de gaita e folclore con atraso, ruralismo e franquismo, a base de ollar cara a culturas nas que a gaita era un orgullo nacional. Ademais o fenómeno panceltista era percibido como unha porta aberta a unha música de masas lexitimamente gorentosa para os artistas con certa ambición.

Chegado este punto é inescusábel entrar na cuestión da denominada, e xa mencionada, “guerra das gaitas”, que se produce como reacción de boa parte dos músicos tradicionais galegos, especialmente os integrados en torno á Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (se me permiten que modifique un pouco a denominación, pois tamén existen gaiteiras), perante os experimentos levados a cabo por Foxo na súa Real Banda de Gaitas de Ourense (introdución da gaita ao estilo escocés, substitución do bombo e tamboril tradicional por percusións con parches plásticos, reprodución da indumentaria e da disposición esaxeradamente seria, importadas das illas británicas en detrimento do fato tradicional galego e do ton divertido inherente á nosa música de raíz. Un proxecto que non achega á nosa tradición moito máis do que o podería facer un grupo de majorettes, e todo iso financiado con fondos públicos en concepto de promoción da música tradicional galega.

A ponzoña
A ponzoña sementada en Ourense axiña se estendeu pola xeografía galega chegando a afectar tamén aos nosos veciños asturianos e a argallar outro foco endémico na Deputación de Pontevedra, que precisamente é a que edita o libro do que falábamos ao comezo (ao que non se lle pode poñer eiva, agás a de non ter sido traducida ao galego), quizais inconsciente do contido crítico que contén en relación a estas institucións e do perigo de reabrir un debate que en nada os beneficia, pois de todos é coñecido o enfrontamento que se produciu entre a súa Asociación de Bandas de Gaitas e Percusión da Provincia de Pontevedra e a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, que se opuxo rotundamente á creación dun aparello similar ao de Foxo. Isto levou a que a mencionada Asociación de Bandas de Gaitas fose rexeitada en distintos concellos da provincia, como o de Cangas ou o de Vilagarcía que, perante a oposición de distintos colectivos de música tradicional locais e comarcais, negáronse a albergar unha das cinco subsedes desta Escola da Banda de Gaitas de estilo xenuinamente escocés.

Nada ten a ver con este esperpento outra cuestión na que quixera entrar, a dos músicos folk que apostan consciente e abertamente por seguir unha liña de evolución e reformulación da música tradicional canto a instrumentación e melodías, sen intentar erixirse en portadores das esencias máis emblemáticas da nosa tradición e sen faltar ao respeito, nin explícita nin implicitamente, ás manifestacións máis tradicionais da nosa música, que a fin de contas son a esencia da súa produción. O seu traballo deu interesantes froitos, como o demostra a repercusión que teñen formacións do nivel de Fía na Roca, Berro Güetto, Luar na Lubre...

Agora ben, a música propiamente tradicional segue a ter o seu espazo a carón, e inclusive nos mesmos ámbitos, das formacións máis innovadoras. Do único que se trata é de ofrecer calidade, afinación e un repertorio interesante, tal como nolo están a demostrar formacións como Treixadura, aos que puiden escoitar recentemente acompañados do seu orixinal orfeón, que dá vida ao noso cancioneiro popular ao tempo que estimula dun xeito especial a conexión co público, elemento que foi sempre esencial no ámbito do noso instrumento nacional.

5/5 (40 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcos Seixo

Marcos Seixo Pastor é profesor de lingua e literatura galegas. Na faceta de escritor cómpre destacar como autor das primeiras biografías de Blanco Torres e Xoán Xesús González, a edición dalgunhas das súas obras, así como distintos traballos sobre a represión franquista.  É membro da Asociación Cultural O Meigallo de Cuntis e coodenador da revista cultural A Taboada. »



Anteriores...