Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Silvio Falcón

Portugal, Galiza e os ollos alleos

09:28 17/06/2008

O pasado 10 de Xuño celebrouse o día de Camões, o día das Comunidades Portuguesas. En definitiva, os portugueses celebraron o seu día da patria, unha información pouco relevante a nivel mediático xa que non foi referenciada (nin o foi nunca) polos xornais (en papel e dixitais) de Madrid e por extensión os europeus. Esta falla de información do que acontece no país veciño é bastante sintomática. Lonxe do Menos mal que nos queda Portugal, do paniberismo rexurdinte en según qué mentes (algunhas interesadas, outras menos) e da simple competencia en torneos deportivos, os nosos irmáns portugueses son uns absolutos descoñecidos. E podemos citar exemplos moi claros.

Quen é realmente importante na política europea? Alemania, Francia e o Reino Unido. Quen ten uns gobernantes con maior influencia (aínda que sexa mediática) na política comunitaria? Alemania, Francia, Reino Unido, España e Italia (configurando ese equilibrio entre a Europa continental e a mediterránea). E Portugal? Lonxe quedan xa as boas relacións co Reino Unido que o levaron a acadala independencia, ou a proxección internacional que tivo até o século XIX (conservando un imperio máis forte que o español). Agora mesmo, nin Cavaco Silva nin José Sócrates (aínda que este último é un político ben visto dende según qué países) son líderes recoñecidos. Nin, tan siquera, coñecidos. Quen rompe a regla: o señor Durao Barroso, con tan grandes méritos como aparecer na foto das Azores e levar a cabo políticas a imitación das de Aznar en España no curto período de mandato que tivo como primeiro ministro de Portugal (2002-2004). E tamén hai quen fala que Durao Barroso quitoulle proxección á UE (tendo en conta que os anteriores presidentes da comisión nos últimos 20 anos foron homes coma Romano Prodi, Manuel Marín – interino- , Jacques Santer, Jacques Delors e Gaston Thorn).  Mais Portugal non merece ese trato informativo.

Portugal é un país que, informativamente, dá máis do que recibe. Lendo os xornais deportivos (A Bóla) vese claramente, pero tamén lendo o diario “Público”, ou o “Diario de Noticias” podemos atopar referencias á política de España (Zapatero – e no pasado foino Aznar -  é un asiduo de páxinas de política). A lóxica do medo é a que guía Portugal: o xigante español (tan puxante económicamente en tempos lonxanos) ameaza con afogar aos lusos. E, a verdade, non creo que dende o Estado Español pensasen ningunha vez iso, non por falta de ambición de según qué partidos españolistas, mais sí por ignorancia e descoñecemento da situación de Portugal.

O país luso é definido politoloxicamente como unha das poucas nacións puras, estados cunha soa nación (e cultura) real do ámbito mundial. É moi significativo que isto sexa así: tan só unha illa como Islandia é considerada como un exemplo parello ao portugués. Este feito pódese explicar por dúas vías: polo descoñecemento por parte dos sabios da diferenciación cultural (que non nacional) Norte-Sul ou pola unidade nacional construida durante a ditadura que se arrastrou até os nosos días. Esta unidade nacional do Estado Portugués, construida sobre o patrón do vello imperio portugués e artificiosa por definición, non resposta á realidade. É inevitábel acordame do Air Galicia (ese programa de humor da galega) de hai menos dunha semana, na que os galegos se separaban de España e pasaban a formar parte de Portugal (nunha unión esaxerada nos tópicos, pero útil pra identificala). Portugal é o Estado-nación perfecto, superando a Francia. E non nos esquezamos, a ignorancia dos ollos que a miran, aínda avivan máis os tópicos e homoxeneización social das xentes que alí viven. Cómo se explica, se non, que os portugueses do norte falen cada vez máis unha lingua máis semellante á que fala o lisboeta?

Galiza non pode pecar de centralismo, como deseñaron os franceses o como aplicaron tamén (con maior ou menor éxito) portugueses e españois. Galiza non se pode refuxiar na ignorancia dos ollos dos que a miran (que seguen á vela como un lugar estrano), ten que saber equilibrar o interior e a costa, o rural coas cidades, non ter unha capital forte en termos industriais (pero sí en culturais) etc. Galiza, debe fomentalo uso da lingua do noso país, pero ten que respetar a gheada sen ridiculizala e incluir tamén en textos formais (e oficiais) o uso do che tan característico dalgunhas zonas de Ourense. O modelo multicultural suizo (que, malia que tamén son obxecto de prexuízos e visións externas erróneas), que respecta a identidade de quen fala unha lingua ou outra e que, mediante o seu sistema federal, artella o poder dos cantóns e o da federación, sería un modelo a imitar, ou polo menos a ter en conta na conciencia de todos os galegos con capacidade de dilucidar o futuro da nosa nación (independentemente do signo político co que nos identifiquemos).

E, a ver se dunha vez por todas, nos damos conta de que o Estado-nación (a raça que pregona Cavaco Silva) é un modelo caduco. Tampouco imos dicir agora que nós non somos GALEGOS, porque, é evidente que o somos. Mais non podemos nin cerrarnos ao mundo nin ignorar o que nos rodea. Non nos esquezamos da opresión, non nos convirtamos en opresores, como aqueles vellos comunistas que, unha vez vendidos ao capitalismo, convertíronse en burgueses. Sexamos coherentes; vivamos polas ideas.

3.38/5 (34 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Naceu en 1989, en Esplugues de Llobregat (Barcelona). Estuda Ciencias Políticas e da Administración na Universitat de Barcelona. É Responsábel Local de Galiza Nova Barcelona e dirixe o programa de radio de ERGAC (Espazos Radiofónicos Galegos en Catalunya) "Barcelona Atlàntica", en Ràdio Trinitat Vella. Está vencellado a outros movementos do tecido asociativo galego en Catalunya como pode ser o Foro Civico Galego de Barcelona e Rede.cat. No ámbito literario foi finalista do X Premi de Redacció Breu Joan Santamaria. Tamén mantén a bitácora Cando os outros calan. »



Anteriores...